O cuarto inverno máis chuvioso do século en Santiago de Compostela

Con 712,5 litros por metro cadrado, aínda que mesturado con temperaturas agradables.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/03/2024 | Actualizada ás 18:20

Comparte esta noticia

Esta semana empeza a primavera, pondo punto e final a un inverno que foi o cuarto máis chuvioso deste século en Santiago de Compostela, con 712,5 litros por metro cadrado, aínda que mesturado con temperaturas agradables. Segundo os datos do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, nos seis últimos meses alcanzáronse os 1.704 litros/m2, só superados polo mesmo intervalo de tempo dos anos 2000-01 (2.893 l/m2), 2013-14 (2.015 l/m2), 2002-03 (1940 l/m2), e 2009-10 (1.764 l/m2).

Choiva en Santiago
Choiva en Santiago | Fonte: EUROPA PRESS - Arquivo

Na estación que agora termina, houbo 58 días de choiva, destacando a xornada do 8 de febreiro con 93,3 litros/m2. Así mesmo, a temperatura máxima tivo lugar o 14 de febreiro con 21,9, superándose os vinte graos noutras cinco ocasións. Pola contra a temperatura mínima absoluta rexistrouse o 20 de xaneiro con 1,3 baixo cero.

A primavera comeza este mércores, 20 de marzo, ás 4.06 horas e prolongarase durante case 93 días, ata as 22.51 horas do 20 de xuño. Durante a primavera haberá ao amencer unha aliñación planetaria de Venus, Marte e Saturno; na segunda quincena de abril agregarase Mercurio e xa a finais de maio, Xúpiter substituirá a Venus, mentres a Lúa irá pasando por esa aliñación a comezos de cada mes, segundo explica o coordinador de investigación do Observatorio Astronómico da USC, José Ángel Docobo.

Típicas desta estación son as choivas de estrelas Líridas e eta-Acuáridas, as cales teñen os seus máximos os días 22 de abril e 5 de maio, respectivamente. Así mesmo, o día 8 de abril terá lugar unha eclipse solar total visible no océano Pacífico, Estados Unidos, e no océano Atlántico. En Galicia vai coincidir o atardecer co comezo da eclipse polo que se verá só durante uns minutos como parcial e tanto mellor canto máis preto da costa atlántica. Este mes de marzo tamén é posible observar con prismáticos o cometa 12P/Pons- Brooks, logo do atardecer na constelación de Pisces entre as 20.30 e 21.15 horas, aproximadamente.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta