A lexislatura de Rueda, entre a confrontación con Madrid e a "confraría da perpetua negativa"

"Sin tutelas, ni tu tías". Alfonso Rueda gobernará unha nova lexislatura en Galicia, pero esta, a diferencia da anterior, será a súa lexislatura, non a de Feijóo. Cambian as formas e os discursos, pero non as políticas. O líder do PPdeG terá ao Goberno de Pedro Sánchez na diana, afondará nas súas políticas actuais e buscará pactos nunha política industrial que insistirá nos grandes proxectos e na enerxía eólica.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 09/04/2024 | Actualizada ás 14:29

Comparte esta noticia

"Eu comprométome ante os galegos a gobernar con palabra. Ningún dos aquí presentes - e moito menos o candidato á investidura- pode interpretar o voto do pasado 18 de febreiro como unha carta branca para actuar durante catro anos. A confianza da xente non nos libera, senón que nos ata a unha maneira de facer as cousas que eu prometo respectar e honrar en todo momento". Alfonso Rueda resumía así a filosofía que lle quere imprimir ao seu goberno durante os próximos catro anos. O "seu" goberno, non o de Feijóo, aínda que comparta co do seu antecesor as políticas e a filosofía de goberno, pero non os métodos ou as formas.

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, é fotografado durante o seu segundo debate de investidura. Álvaro Ballesteros - Europa Press
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, é fotografado durante o seu segundo debate de investidura. Álvaro Ballesteros - Europa Press

Rueda será o presidente da XII Lexislatura e, para ben ou para mal, quere imprimir un carácter propio ao seu goberno. Un carácter que pasa por buscar máis diálogo e consenso coa oposición, gobernar con "sentidiño", seguir sendo "firme" co Goberno central, apostar decididamente pola industrialización de Galicia, aínda que sexa a costa de empresas como Altri, e rachar coa "confraría da perpetua negatividade", en alusión, principalmente, ao BNG, "eses que din non a todo" . 

E para anunciar estas principais liñas do seu goberno, o líder do PP non consumiu máis alá de hora e media de discurso, moito máis escueto nas promesas que Alberto Núñez Feijóo... ou que Manuel Fraga. E é que Rueda non é tanto de formas, nin de discursos, senón de política, ou de política. E iso se reflexa nas mensaxes que saen da súa primeira gran intervención desta lexislatura nas que, tamén a diferencia dos seus predecesores, non hai citas pomposas de autores ou escritores dos que pouco leron.

Ata niso Rueda foi sinxelo e as únicas referencias que fixo aos "antergos" foron aos escritores e ideólogos do galeguismo e nacionalismo dos que beben PPdeG, PSdeG e BNG... pero así como quen non quere a cousa. "Nós somos os encargados de seguir materializando o soño que no seu día compartiron Rosalía, Brañas, Castelao, Piñeiro e outros moitos que, desde diferentes coordenadas ideolóxicas, compartiron o amor a unha Galicia dona do seu futuro",dixo.

Unha cita que lle serviu para falar de diálogo e pactos e, por suposto, do galego. "O galego que non é propiedade de ningunha ideoloxía" e do que dixo que terá maior peso no seu futuro goberno. Tamén para dar un toque de atención aos que van de "salvapatrias". "Non veño aquí para presentarme como salvapatrias, como reivindicador de causas persoais ou abandeirado de posturas extremas. Xa hai demasiados e demaisadas así na política. Veño como servidor de Galicia", insistiu.

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, nos corredores do Parlamento
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, nos corredores do Parlamento | Fonte: Álvaro Ballesteros - Europa Press

"SENTIDIÑO" E GUERRAS CO GOBERNO CENTRAL

O seu obxectivo é, e insistiu varias veces, "gobernar con sentidiño" e "desde a normalidade da Constitución e do Estatuto". "As decisións do Goberno de Galicia non estarán pensadas para satisfacción de ningunha minoría, nin das estruturas de ningún partido --empezando polo meu-- nin dunha ideoloxía determinada", suliñou nesa idea de buscar o consenso entre a clase política galega. "Defenderei os intereses de todos, os que votaron polo sentidiño e a convivencia e, por iso, non vou levantar muros, nin crear fronteiras coa nación da que formamos parte, España", engadiu.

Pero, acto seguido, e a pesar destes chamamentos ao diálogo, Rueda amosou tamén a cara reivindicativa e de oposición ao Goberno central que mantivo desde que está de presidente na Xunta. "Galicia falará con voz propia en asuntos que marcarán o futuro do Estado das Autonomías, como é a negociación dun novo modelo de financiamento autonómico xusto", dixo, "porque Galicia é España e repetireino cantas veces fagta falta". 

E, por iso, este Rueda que gañou as eleccións do 18F, será como o Rueda que herdou o goberno de Feijóo no 2021. O quizais peor. Seguirá confrontando co Goberno de Sánchez para reclamar pertes industriais, rebaixa nas autoestradas, a chegada do AVE a Galicia, máis redes loxísticas ou mellores acordos para o sector da pesca e do agro. Unhas reivindicacións e confrontación co Executivo central que adquirirán case rango de lei coa creación dun novo departamento; a Dirección de Asuntos Constitucionais para "defender a Galicia dos ataques do Goberno socialista á Constitución".

OS PACTOS DO PP

Se a confrontación con Madrid semella que será unha constante do Goberno Rueda, tamén o será a súa insistencia na política industrial actual. Unha política que pasa por apoiar todos os grandes -- e pequenos-- proxectos industrias que creen postos de traballo actividade económica no país, iso si, "sempre que os técnicos da Xunta testemuñen que non danan o Medio Ambiente". "Tramitaremos nun prazo máximo dun ano, garantindo todos os proxectos que creen 25 ou máis empregos, e que traian consigo un investimento mínimo de 2 millóns de euros. Se a Administración non cumpre, indemnizará ao promotor", dixo.

E tamén anunciou que quere un "amplo consenso" sobre os asuntos que forman parte da columna vertebral da economía galega; industria e a enerxía. Outra cousa é que ese consenso sexa aceptado pola oposicion que xa avanzou o se "non" a un consenso "envelenado". Rueda censurou as "posutras populistas" que, ao seu xuízo, tratan de "enganar ou manipular á sociedade galega presentándolle unha disxuntiva que é falsa" sobre industria ou medio ambiente. "Eu digo industria e medio ambiente. As dúas cousas", aseverou, aínda que sen mencionalo explicitamente, en debate sobre a implantación do proxecto de Altri en Palas de Rei.

"Por suposto que non sairá adiante ningún proxecto empresarial que sexa incompatible coa contorna", incidiu antes de sentenciar que "pretender levantar un muro ante calquera nova proposta industrial é unha postura política lexítima, pero que desde logo en ningún caso pode considerarse progresista".

"A CONFRARÍA DA PERPETUA NEGATIVA"

Pero, a pesar de ofrecer diálogo e consenso, o certo é que o propio Rueda é moi consciente da dificultade de chegar a pactos en materia de política industrial ou eólica, especialmente, tras as grandes mobilizacións sociais ou posicionamentos xudiciais en contra. Por iso, volveu cargar contra os do "non", en clara alusión ao BNG, aos que se referiu como a "confraría da perpetua negativa".

"Non transixiremos ante as posturas populistas que consideran que absolutamente ningún proxecto industrial nin enerxético pode saír adiante en Galicia... Cando unha ideoloxía responde sistematicamente non a toda a iniciativa empresarial, é porque a súa prioridade non é nin nunca foi o progreso de Galicia", manifestou. 

E neste sentido, tamén criticou as sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que paralizaron xa case unha vintena de parques eólicos. "Nunca nos escoitrarán criticar faltando ao respecto ás decisións xudiciais, pero desde logo que as recorreremos, con todo o rigor, cando non esteamos de acordo con elas e poñan en perigo os intereses de Galicia".

AUSENCIAS

E aínda que tentou tocar todos os paus da política, o certo que no seu discurso tivo ausencias importantes e non falou de temas esencias para o futuro económico de Galicia como as políticas culturais, a ciencia e a tecnoloxía, a innovación, a educación universitaria ou as políticas contra o despoboamento. E só deixou pequenas pinceladas cara ao final da súa intervención sobre a violencia de xénero, o deporte, o turismo ou benestar animal.

FUTURO GOBERNO

Por outra banda, o que quedou claro nesta parte da sesión de investidura é que Rueda segue ocultando parte das súas cartas en canto a estrutura e os nomes do seu futuro goberno. Avanzou cambios na Xunta pero, polo momento, e á espera dos anuncios oficiais, semellan escasos. Ademais desa nova secretaría xeral de Asuntos Constitucionais e de que  a política lingüística terá un "maior peso" no goberno galego, o presidente galego en funcións tamén anunciou que as competencias de investigación e I+D+I voltarán á Consellería de Educación e a Secretaría Xeral de Emigración dependerá da Consellería de Emprego así como que a de Medio Ambiente centralizará toda a tramitación normativa dos proxectos de enerxías renovables. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta