A Xunta defende que cumpre "escrupulosamente" coa normativa no sacrificio das vacas da granxa de Manzaneda

Os gandeiros afectados afirman sentirse "abandonados" polo Goberno galego ao ver que "non van ser suficiente as axudas que nos van a dar".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/04/2024 | Actualizada ás 19:26

Comparte esta noticia

A Consellería de Medio Rural defende que cumpre "escrupulosamente" coa normativa "para protexer ao sector" coa decisión de sacrificio de vacas dunha granxa de Manzaneda afectada por un brote de tuberculose.

Os propietarios da granxa de Manzaneda á que sacrificaron a todas as súas vacas, Secundino e Luís, protestaron este mércores ante a Xunta, en Santiago, acompañados de veciños e membros do Sindicato Labrego Galego (SLG). "Sentímonos abandonados porque vemos que non van ser suficiente as axudas que nos van a dar", clamaron.

Sobre esta mobilización, fontes de Medio Rural trasladan a Europa Press que "o sacrificio é obrigatorio segundo a normativa, dado que houbo cultivo microbiolóxico positivo con lesións en tecidos de dous delas". "Este foco é semellante ao anterior, o que reflicte a necesidade de baleirado", agregan. "A Xunta non sacrifica vacas sas", afirma Medio Rural. "Non é de recibo facer demagoxia nin lanzar declaracións irresponsables cando se está pondo en risco a sanidade animal e a saúde pública", apostila.

Ademais, Medio Rural remarca que hai 23.000 explotacións en Galicia con control sanitario, das cales se controlan anualmente unhas 10.000. "Destas 10.000 explotacións, nos últimos cinco anos rexistrouse unha media de catro baleirados sanitarios, unhas cifras que mostran que Galicia está a actuar ben e está a facer ben as cousas", sostén. Paralelamente, expón que houbo diferentes comunicacións por parte de técnicos e veterinarios cos propietarios da explotación, así como con representantes do Sindicato Labrego. "Afirmar unha falta de comunicación é faltar absolutamente á verdade", asevera.

Tamén apunta que as diferentes indemnizacións por baleirado, lucro cesante e sacrificio, entre outras cuestións, supera os 42.000 euros para esta granxa, ao que se engade o valor en matadoiro. "O gandeiro recibirá integramente o valor das reses, polo que non perderá diñeiro. Ao contrario, poderá repoñer a cabana gandeira con todas as garantías", indica Medio Rural.

Protesta do SLG ante a Xunta
Protesta do SLG ante a Xunta | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta