Dous mozos de 29 anos a contracorrente: mercaron unha finca de eucaliptos para plantar especies autóctonas

Sandra e Jose, un matrimonio de cidade que se mudou a unha aldea de San Sadurniño para cumprir o seu soño de vivir no campo, decatáronse da problemática do eucalipto: "Non había nin un animal e nos veráns estabamos sempre en tensión". Levan xa unha hectárea cortada dun total de cinco.

Por Ángela Precedo | FERROL | 17/04/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Nunha Galicia invadida polos eucaliptos hai dous mozos de cidade que se mudaron a unha aldea de San Sadurniño na que están tratando de substituír unha plantación desta especie invasora por bosque autóctono. Trátase de Sandra e José, de tan só 29 anos, cunha valentía e unhas ganas de contribuír á natureza enormes. A pesares de que as súas familias e amigos contan con plantacións de eucalipto das que reciben ingresos, cando chegaron á súa casiña e viron que estaban rodeados por estas árbores, que os mantiñan en tensión durante os cálidos veráns e que os privaban de ver animais pola súa contorna, decidiron poñerse mans á obra para mudar a situación. Hoxe, dende o Galicia Confidencial, queremos coñecer a súa historia, polo que falamos con Sandra.

Sandra e Jose na súa granxa
Sandra e Jose na súa granxa | Fonte: Cedida

Como nos conta, ela e o seu marido coñecéronse no instituto e, dende ese mesmo momento, "sempre tivemos o soño de virnos vivir ao campo". Con todo, as circunstancias da vida non llo permitían: ela estudou Dereito e foise a Salamanca, mentres que o seu marido traballaba no barco e saía a miúdo a navegar. Pero, "seguíamos con esa cousa dentro de que algún día nos tiñamos que ir vivir ao campo". Cando chegou o momento? Coa pandemia. Sandra rematou a carreira e fixo o posgrao e o máster ata que se puxo a traballar. "Cando chegou a pandemia, ambos vivíamos nun piso, pero resulta que quedou baleira a casa da aldea da avoa de Jose e, como eu teletraballaba, dixemos: por que non probamos?", explica Sandra. E dito e feito, o seu soño foi quen de pasar por enriba de todos aqueles comentarios que lle chegaban de que 'no campo non ides atopar oportunidades' ou 'sodes moi novos'. 

Nada máis chegar á súa nova vida, Sandra decidiu abrirse unha conta de Instagram (@nosa_granxa), "pola coña de ensinarlles aos meus amigos da cidade como vivía". E é que a súa sorpresa ao chegar foi maiúscula, ao ver que "nesa casa estabamos rodeados por unha plantación de eucaliptos moi, moi grande, e cando che digo rodeados refírome a polos catro costados". Sandra chancea con nós que, dende logo, "as vistas non eran moi bonitas, non se vía nada máis aló dos eucaliptos". E xa non só se trataba das vistas, senón que tampouco tardaron en darse conta de que "non había animais de ningún tipo nin fauna propia de aquí, mentres que na casa da nosa veciña, onde tiña unha zona de pradairo, si que había cervos, lobos e de todo". Iso foi o que os levou a decidirse: "Tiñamos ganas de facer un proxecto para que a xente vise que no campo hai oportunidades, pero ademais tamén queríamos loitar pola natureza, porque viamos as consecuencias dos eucaliptos de primeira man".

"SÓ CON TER CORTADO OS EUCALIPTOS XA VOLVEN OS CERVOS E XABARÍNS"

Entón o que fixeron foi poñerse a buscar algunha plantación de eucalipto existente que puidesen eliminar para substituíla con especies autóctonas. "Tivemos a gran sorte de que despois de moitos anos atopamos unha casiña semellante á que viviamos, rodeada tamén por unha plantación de eucaliptos", lembra Sandra, que asegura que "puxémonos como meta conseguir a reforestación con árbores autóctonas, aínda que moi a longo prazo, porque ao final só somos dous a traballar, aínda que ás veces poida botarnos unha man o meu pai ou o meu sogro". O reto, non cabe dúbida de que é complicado, e tanto Sandra como Jose o saben ben, pero as súas ganas estanos levando a conseguir moitos avances.

Eucaliptos na finca de Sandra e Jose
Eucaliptos na finca de Sandra e Jose | Fonte: Instagram @nosa_granxa

Polo de agora van moi ben: "Levamos xa case cortada unha hectárea de eucaliptos, dun total de cinco". E, aínda que lles gustaría, son conscientes de que non poden plantar xa, porque "deixamos case un ano en reposo o terreo, para ver se había algo que nel crecese de xeito natural, porque tamén a natureza marca os seus ritmos". Ademais, tamén contaron co apoio de amigos que saben medir o nivel de pH da terra e de cuestións máis técnicas de enxeñaría. Polo de agora ese crecemento natural non chegou, pero Sandra asegura que "só con ter cortado os eucaliptos e deixar a terra un ano tranquila xa vemos como aparecen por aquí cervos, xabaríns e lebres". "É moi bonito e iso anímanos a seguir", confesa esta moza.

De feito, tan animados están que este mesmo verán "xa vamos traer maquinaria para arrincar os tocóns, coa idea de convertir o terreo nun pradairo". Seguidamente, "meteremos alí aos nosos animais para que vaian abonando o solo de xeito natural, para non ter que usar nada químico". E, finalmente, "xa comezaremos coa labor de replantar árbores", algo que saben que "será moi a longo prazo, porque seguramente nin sequera nós chegaremos a ver o froito final do noso traballo, xa que as árbores tardarán moito en medrar e ser adultas".

"SOMOS AS OVELLAS NEGRAS DA FAMILIA, ALGÚNS TRABALLAN NISTO"

Para cortar esa primeira hectárea mesmo tiveron que empregar maquinaria pesada, chamando a empresas do sector madeireiro, porque "nós ao nacer na cidade non tiñamos moita idea disto", pero "recibimos consello da nosa familia, que si se adicou ao campo e á plantación de eucalipto e nos ía dicindo con quen tiñamos que falar". Pois "o proxecto soñado era moi bonito, pero á hora de baixalo ao mundo real as cousas teñen que facerse como teñen que facerse, seguindo un determinado proceso". "Somos as ovellas negras, eles traballan no eucalipto e nós cortámolos", chancea Sandra.

Sandra e Jose si usaron as súas propias man para cortar algunha das árbores máis próximas á súa vivenda, e usáronas para facer leña, pero "na plantación tivemos que recorrer a profesionais, porque ao final era unha plantación que estaba dada de alta e a súa madeira tiña que ir por un proceso e pasar polas mans duns profesionais determinados ata chegar a unha planta de tratamento de madeira". "Foi máis complexo do que parecía nun inicio", confesa a moza. Por sorte, unha vez superada a parte máis complicada, agora ben o bonito, alo menos nesa primeira hectárea.

"A nosa idea é facer unha plantación do xeito máis natural posible e seguindo os propios ritmos que nos marca a natureza, evitando que nos poida a ansia, porque a natureza ten os seus ritmos e ti teste que adaptar a eles", asegura Sandra, que aposta por "nada de químicos". Así, pensan "volver a introducir árbores tanto autóctonas como endémicas, flora e demáis, porque ese é realmente o fogar dos animais". Lembra que "ao vivir rodeados de eucaliptos os animais carecen de alimento, pois das especies autóctonas é de onde lles vén a maior parte de comida". E en todo este proceso tampouco estarán sós, pois teñen un grupo de amigos expertos detrás que lles asesora.

"O ANO PASADO ARDEU NAS PONTES E FIXEMOS TURNOS PARA VIXILAR PARA QUE O LUME NON NOS CHEGASE"

Dende logo, esta parella vai contracorrente, pois nun intre no que dende o 2026 non se poderán dar de alta novas plantacións de eucalipto moita xente conserva como ouro en pano as xa existentes dadas de alta, pero Sandra e Jose non. "Nós non vivimos da madeira, aínda que sabemos que obviamente hai moita xente que si e que ten traballos derivados, polo que estas plantacións lle son un aporte económico moi importante, e non o criticamos, pero nós ao non vivir diso e ver de primeira man a problemática medioambiental que causa quixemos facer algo por remedialo, alo menos no espazo que nos é posible", explica Sandra.

E é que asegura que "agora que vén a calor, noutros anos, vivíamos en absoluta tensión, porque ao final tiñamos a plantación a tres pasos e por todos é coñecida a rápida expansión das chamas polos eucaliptos". De feito, Sandra lembra que "o ano pasado ardeu no concello das Pontes, que o temos ao lado, e a columna de fume chegou ata a nosa casa". O medo que provocou entre os veciños foi tal que "turnábamonos pola noite para facer garda para asegurarnos de que o único que nos ameazaba era o fume e non as chamas". Pero, aínda con todo, despois desa experiencia, Sandra asegura que "hai xente que non cambia a mentalidade e sigue pensando en plantar eucaliptos ao ano seguinte do incendio, como se non vise esa relación entre lume e eucaliptos".

Por que? Para Sandra inflúe moito a idade: "Ao final por aquí case todo o mundo ten idades máis avanzadas e os eucaliptos lévanlles moito aportado economicamente durante toda a súa vida, polo que ou non entenden ou non queren facer un cambio, e é normal, porque viviron épocas moi difíciles nos que os cartos eran un ben escaso e ver que a plantación de eucaliptos lles permitiu dar de comer á súa familia e agora permítelles que os seus netos non se priven de nada inflúeos moito, ao final saben que aí teñen unha fonte de ingresos fixa". Ademais, Sandra tamén considera que "hai moita xente que ten un monte en propiedade perdido no medio da nada e non é consciente como o somos eu e o meu marido da problemática que supón". "Como adoita dicirse: 'ollos que non vén, corazón que non sinte'", conclúe esta moza.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta