Feijóo defende un incremento dos altos cargos na Xunta porque Galicia xa saíu da crise

O presidente galego di que se creará unha nova secretaría xeral e anuncia o nomeamento de catro novos secretarios xerais para as novas consellerías. Sen embargo, asegura que o gasto será menor o que había durante o bipartito.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 08/10/2015 | Actualizada ás 16:00

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia ten agora once consellerías, tres máis das que había cando comezou esta lexislatura. Precisamente, o presidente galego insistiu durante estes sete anos que leva no goberno na necesidade de recortar gastos en altos cargos e asesores e criticou duramente ao bipartito por esta cuestións. Un estratexia que, en campaña electoral, funcionoulle.

Feijóo no Consello da Xunta
Feijóo no Consello da Xunta

Sen embargo, agora, esa austeridade da que sempre falou xa non existe, a pesar de que, oficialmente, Galicia segue aínda en recesión económica. “Cando se falaba de intervir a España pois decidimos reducir a Xunta a 8 consellerías. Logo da recesión, pois decidimos facer un novo cambio”, xustificouse na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta.

Por iso, Alberto Núñez Feijóo volveu defender os cambios feitos no seu goberno polo, segundo el, “novo ciclo económico”. Isto supón a creación de tres novas consellerías –Mar, Políticas Sociais e Medio Ambiente-- e a reorganización de outras tres. Uns cambios que implicarán un aumento dos altos cargos e do persoal de confianza.

Preguntado por esta cuestión, o xefe do Executivo galego volveu a sacar as comparativas e suliñou que, a pesar de incrementar en tres o número de consellerías, o gasto en directores xerais será un 10% menos do que había durante o bipartito e un 40% menos en altos cargos. “Son os datos que me trasladan”, indicou.

E é que as tres novas consellerías van aparelladas co nomeamento de novos altos cargos. Ademais dos soldos  dos conselleiros, o conxunto dos galegos terá que sufragar o salario de tres secretarios xerais e, con eles, haberá ademais persoal de confianza, entre asesores, persoal de comunicación  e subdirectores xerais.  Ademais, a Consellería de Políticas Sociais terá unha nova Secretaría Xeral, a de Familia, Infancia e Dinamización. 

Con todo, e a pesar de insistir en que o gasto será menor que durante o bipartito, o certo é que Feijóo non soubo dar cifras concretas do custe global que terá para o erario público galego o aumento dos cargos de confianza no seu executivo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Ana

Quen saiu da crise se os galegos seguen a emigrar e seguimos perdendo poboacion e temos sectores economicos da nosa economia en crise. Por certo, ¿a canto ascende xa a debeda publica do estado español?. O chamado crecemento (que non chega a xente do comun) é a costa da debeda pero o dia que corten o grifo dende Europa ou suba o petroleo ninguen sabe que pode pasar coa economia española. Eu agardo que a cidadania galega abra os ollos e se de conta que Galiza precisa soberania e sair do euro para prosperar. As politicas neoliberais so traen paro e pobreza e a falta de soberania impidenos defender os nosos sectores economicos.