Alberto Carnota, gandeiro que viu perigar a súa explotación en Rois: "O lume espallouse rápido porque o monte está descoidado"

Tras a reactivación dun lume que se iniciou ás 18:00 horas deste luns na parroquia de Herbogo, el e a súa familia tiveron que facer tamén de bombeiros: "mandáronnos unha motobomba con auga, pero sen brigada de incendios, polo que nós mesmos nos puxemos a regar para parar o lume nese flanco" preto da súa granxa.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 23/04/2024 | Actualizada ás 21:30

Comparte esta noticia

Os momentos de tensión que viviron na parroquia de Herbogo, no concello de Rois, na tarde-noite do luns non se lle esquecerán na vida a moitos dos veciños que viron como o lume se ía aproximando cada vez máis ás súas casas, con especial proximidade á zona do Faro. Dende o Galicia Confidencial falamos con Alberto Carnota, un gandeiro cuxa familia ten unha explotación preto da zona onde ardeu, e que viu como as cousas se ían poñendo feas a medida que avanzaba a tarde e as chamaradas medraban a causa do vento, das plantacións de eucaliptos e dun monte do que non se eliminan nin toxeiras nin matogueiras ano tras ano.

Explotación gandeira da familia de Alberto Carnota na zona da Pereira, no concello de Rois, co incendio forestal que se declarou na tarde do luns 22 de abril de 2024 na parroquia de Herbogo detrás
Explotación gandeira da familia de Alberto Carnota na zona da Pereira, no concello de Rois, co incendio forestal que se declarou na tarde do luns 22 de abril de 2024 na parroquia de Herbogo detrás | Fonte: Cedida

"Meu irmán, meu pai e eu estabamos enrolando nunha leira próxima e amontonando os rolos nunha finca que hai detrás da granxa na que traballamos e, nunha das viaxes, vimos fume", conta Alberto, que asegura que, "aínda que o viamos preto, non sabiamos exactamente onde era". Tendo en conta que a súa explotación é bastante grande, contando con 115 cabezas de gando vacún para a produción de leite, diversos tractores e maquinaria, a cousa non estaba para bromas, así que "collemos o todoterreo e subimos ao monte mirar onde era exactamente o incendio". Unha vez observado, apunta que "aínda que era preto, non estabamos aínda preocupados". Co paso das horas a cousa foi a máis e a tensión nestes veciños tamén, pois vían como o seu medio de vida podía estar en serio perigo.

"Todo se complicou polo aire que facía e porque o monte nesta zona está moi descoidado, ninguén mira por el, de xeito que comezou a correr moitísimo o lume", explica Alberto. Ao perigo para a explotación gandeira en si sumábase o problema da leira que tiñan detrás dela, na que tiñan acumulados uns 100 rolos de herba e a pá coa que estaban a traballar e amontonar os rolos. Cando viron a virulencia do lume "tivemos que ir a toda présa á finca a coller a pá e sacala de alí". "Foron momentos de moita angustia, de andar toda a tarde correndo dun lado para outro", lembra este gandeiro, xa máis relaxado despois de que o lume quedase estabilizado ao longo da madrugada e de que non chegase á súa explotación finalmente.

Ao longo da tarde do luns conta que "tamén foron chegando varias motobombas para facer garda na explotación, e estivo tamén a Garda Civil". Pasadas unhas horas, sobre as 20 da tarde, "dixéronnos que xa estaba todo máis ou menos controlado". Para poder velo en primeira persoa, "novamente colleu meu pai o todoterreo e foi arriba ao monte mirar e, efectivamente, semellaba que estaba a cousa bastante controlada, pero despois das 21 o lume volveu reactivarse". A relaxación non durou nin unha hora para esta familia que, segundo nos conta Alberto, foi a partir desa reactivación cando veu as cousas verdadeiramente negras: "Nese momento si que o vimos moi preto".

Ante a urxencia, "collemos a cuba do tractor e enchémola de auga para poder ir apagar o lume nós mesmos". Cando subiron ao monte, "os bombeiros mandáronlles unha motobomba con auga, pero sen brigada de incendios, polo que eles mesmos se puxeron a regar alí para parar o lume nese flanco". Ao final, como explica Alberto, "estivemos ata case a 1 da mañá no monte, ata que a cousa quedou máis ou menos estabilizada e puidemos baixar á casa a ducharnos e cear". Despois volveron subir ao monte para comprobar que todo seguía ben, porque sabían que a reactivación era posible. Por sorte, semella que todo quedou nun susto para esta familia. 

Sobre a intencionalidade do incendio, Alberto non ten dúbidas: "Foi intencionado, porque nesta zona estamos seguido vivindo incendios así, xa sexa na zona da Pereira, de Leroño ou Augasantas, hai incendios todos os anos repetidamente". E critica que a pesares de que os incendios non son algo novo para o municipio, "o monte está descoidado, con toxeiras", de xeito que facilitan que, ante alguén que prenda, o lume se espalle rapidamente. Tamén lembra que "aínda que nós vimos perigar o noso modo de vida os veciños que peor o pasaron foron os da zona do Faro, onde viviron momentos de moita angustia, ata ardeu un xerador e quedaron sen luz".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta