Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 26/06/2024 | Actualizada ás 22:00
Non fai tanto que se falaba da xeración perdida dos 80. Aqueles mozos que comezaran a consumir heroína e crearan unha dependencia tal que lles destrozara a vida por completo, a eles e ás súas familias. Aínda a día de hoxe en moitos lugares das Rías Baixas se pode ver a homes de 40-50 anos que se atopan completamente desfeitos a nivel físico e tamén mental, pedindo polas rúas esmola para poder pagarse a súa dose, ou buscando rehabilitarse nalgunha das asociacións que ofrecen gratuitamente axuda a estas persoas. Sen embargo, non estamos libres de volver cometer os mesmo erros. E é que na actualidade entre os mozos tamén se están instalando drogas como o cánnabis e, cada vez máis, a cocaína, que poden derivar en graves consecuencias a longo prazo e que xeran dependencias moi altas. Para os expertos, o maior problema está agora na idade de inicio do consumo e na incorporación da muller ao mesmo, que xa sobrepasa o consumo realizado polos homes.
Dende o Galicia Confidencial falamos co psicólogo experto en dependencia e profesor da UVigo Manuel Isorna, que nos conta como está a situación aproveitando o Día Internacional de Loita contra o Uso Indebido das Drogas. "Se notamos unha lixeira baixada ou, alo menos, un estancamento no consumo de alcol e tabaco entre os mozos, o consumo de cánnabis segue aumentando", asegura, e apunta a que "un 22 % dos adolescentes de entre 14 e 18 anos, segundo os últimos datos (2023) ofrecidos pola Enquisa sobre o Uso de Drogas en Educacións Secundarias (ESTUDES), consumiu cánnabis no último ano, o que significa un de cada cinco". Ademais, "un 15 % o consumiu no último mes". O máis preocupante para o experto é que, se en España hai ao redor de 1,5 millóns de mozos de entre 14 e 18 anos, "aproximadamente uns 52.000 realizan o que se denomina consumo de risco", é dicir, "xa non é que fumen un porro, senón que a pesares de que saben que lles fai dano e de que xa comezan a notar problemas de memoria ou anímicos, con familiares e amigos que llo fan ver, eles seguen fumando".
Como son novos e comezaron ese consumo aos 14 anos, que "é a idade de inicio que se está instalando socialmente para todas as drogas", aínda non notan a nivel físico as consecuencias do consumo desta droga, pero, como advirte o experto da UVigo, "se ese consumo continúa seguramente rematen desenvolvendo unha dependencia e problemas respiratorios, ata o punto de que algúns rematen desenvolvendo enfermidades mentais". Ao respecto, Isorna é consciente de que falando de cifras é moi difícil facerse á idea do que isto implica, pero convida a reflexionar sobre o que pode supoñer para un adolescente de 14 anos, "co cerebro en pleno período de desenvolvemento", fumar porros a diario. "Os mozos que consumen cánnabis na súa maioría tamén fuman e son consumidores habituais de alcol, é dicir, estanse metendo tres drogas, non hai cerebro humano en desenvolvemento que tolere iso", alerta.
"Os mozos que consumen cánnabis na súa maioría tamén fuman e son consumidores habituais de alcol, é dicir, estanse metendo tres drogas, non hai cerebro humano en desenvolvemento que tolere iso"
Isorna tamén lembra que todos os estudos apuntan a que "o consumo de cánnabis está estreitamente relacionado co desenvolvemento de enfermidades mentais", do mesmo xeito que "o alcol está relacionado co desenvolvemento da dependencia". O que significa que "canto antes comecen a consumir, a probabilidade de volverse adictos ao alcol, igual que á nicotina no caso do tabaco, é expoñencial", e, de aí, "dán o salto ao cánnabis". O cal non é algo baladí, pois "a día de hoxe 8 de cada 100 persoas que desenvolven esquizofrenia non terían chegado a desenvolvela se non fose polo consumo de cánnabis". Isto supón, como apunta o psicólogo, que "simplemente reducindo o consumo de cánnabis ou impedindo o seu consumo na adolescencia reduciríamos case nun 10 % os casos de esquizofrenia que hai no mundo". Lonxe de lograr isto, "o consumo vai en aumento".
"A día de hoxe 8 de cada 100 persoas que desenvolven esquizofrenia non terían chegado a desenvolvela se non fose polo consumo de cánnabis"
O que máis está preocupando aos expertos en dependencia na actualidade é a rápida incorporación da muller, das rapazas neste caso, ao consumo de substancias. "Non nos sorprende porque xa é unha tendencia que viñamos notando nos últimos anos, pero si que nos preocupa", confesa Isorna, que asegura que "estámonos atopando con que as rapazas beben máis, fuman máis e mesmo están igualadas ou con maiores prevalencias aos 14 anos no consumo de cánnabis que os rapaces". E cal é o problema disto? Como explica, "nunha cervexa hai 10 gramos de alcol; nun cigarrillo, 1,3 miligramos de nicotina; e nun porro, 9 nanogramos de THC", independentemente da persoa que faga o consumo, pero "non é o mesmo diluír esas cantidades en 60 quilos que en 80". Ademais, "as mulleres adoitan ter máis graxa que os homes e, en consecuencia, menos auga, o que leva a que a superficie para diluír a substancia tamén sexa menor". Ao que debe sumarse "o tema hormonal e a afectación destas substancias ao ciclo menstrual".
"Estámonos atopando con que as rapazas beben máis, fuman máis e mesmo están igualadas ou con maiores prevalencias aos 14 anos no consumo de cánnabis que os rapaces"
Ademais, para Isorna tamén é moi importante ter en conta que un porro de hoxe en día non é un porro dos anos 90: "Cada vez a planta ten máis THC, estana modificando xeneticamente para que así sexa". Deste xeito, expón que "se fai 20 anos un porro tiña un 5 % de droga de media, hoxe en día, despois de levar dende o ano 96 do século pasado modificandoa xeneticamente a planta, conta cun 25 % de THC". Para que os pais dos adolescentes que consumen esta substancia se poidan facer á idea da súa perigosidade, explica que "un porro que consuma o seu fillo hoxe en día equivale a 5 dos porros que se consumían na súa xeración" e "calquera pai pode facerse á idea do que implicaba naquela época fumarse 5 porros consecutivos". É por iso que o cánnabis de hoxe en día "xera unha dependencia altísima, o que se suma a unha alta tolerancia". As consecuencias? En moi pouco tempo pódese apreciar "unha perda do rendemento académico, un aumento do sedentarismo, maiores trastornos do estado de ánimo, depresión, ansiedade...".
A RÁPIDA IRRUPCIÓN DO 'VAPER' ENTRE OS MOZOS SORPRENDEU AOS EXPERTOS
Por outra banda, con respecto a outras substancias como o tabaco e o alcol, que non deixan de ser drogas porque estean legalizadas, Isorna celebra que "o seu consumo entre os adolescentes de 14 a 18 anos deixou de crecer, non é que baixase moito, pero mantense estancado". Aínda así os datos non deixan de ser alarmantes: "hai un 78 % de adolescentes que probaron o alcol no último ano, algo que non deberían poder facer porque está prohibido por lei". Ademais, "a metade, un de cada dous, consumiu no último mes e, o máis preocupante, é a alta taxa de borracheiras, que se atopa no 23 %, é dicir, que un de cada cinco mozos ou un de cada catro, practicamente, colleu unha borracheira no último mes, unha verdadeira barbaridade", advirte o profesional, que apunta ao "dano neurolóxico, problemas académicos e problemas familiares" que este consumo xera.
No tocante ao tabaco, tamén celebra que as cifras de consumo baixen, aínda que sexa lixeiramente. Pero tamén advirte de que queda moito por facer, pois "hai un 8 % de fumadores adolescentes diarios, un 35 % que probaron o tabaco e un 24 % que consumiran tabaco no último mes". Sen lugar a dúbidas, para o psicólogo "o máis preocupante é ese 8 % que hai xa de fumadores diarios entre os 14 e os 18 anos". E "o máis impresionante, o que nos sorprendeu a todos pola súa rápida aceptación, foi a incorporación ao consumo dos mozos do 'vaper' ou cigarrillo electrónico". "Pegou moi forte e ninguén se esperaba que puidese xurdir un consumo tan forte en dous, tres ou catro anos, partindo de cero a cen", asegura Isorna. Neste senso, apunta a que "case un de cada dous mozos probou o 'vaper' no último ano" o que, segundo advirte, "é unha porta de entrada evidente ao consumo de tabaco".
"O 'vaper' pegou moi forte e ninguén se esperaba que puidese xurdir un consumo tan forte en dous, tres ou catro anos, partindo de cero a cen"
A que se debeu semellante despegue do 'vaper'? Pois, dende o seu punto de vista, "a que a industria o fixo moi ben". "Cando estaba prohibida toda a publicidade que tivese que ver directamente co tabaco, a industria o que fixo foi introducir os 'vapers' na mocidade a través dos 'influencers'", explica Isorna, que asegura que "non había 'influencer' famoso que non estivese vapeando continuamente diante da cámara". A isto habería que sumar a gran variedade de 'sabores' que sacaron e as rechamantes cores dos envases, así como os deseños atractivos dos propios 'vapers'. "Foi unha campaña moi ben desenvolvida pola industria", asegura o psicólogo. Ademais, ao igual que pasaba co tabaco no século pasado, os 'vapers' tamén son vistos polos mozos como algo 'guai': "Pregúntanse uns aos outros de que marca é o seu 'vaper', dinse que queda ben telo na man e así van reforzando o comportamento duns aos outros, non o realizan de forma racional senón porque está de moda e por imitación".
"Canto estaba prohibida toda a publicidade que tivese que ver directamente co tabaco, a industria o que fixo foi introducir os 'vapers' na mocidade a través dos 'influencers'"
Así as cousas e nun día tan importante como o da Loita contra o Uso Indebido das Drogas, Isorna non quere desaproveitar a oportunidade para lembrar que tabaco e alcol tamén son drogas, e "as drogas que máis mortes causan e as que máis dano social e sufrimento familiar provocan". "Se metes a un alcólico, a unha persoa que teña un consumo de alcol de risco, nunha familia, destroza a familia por completo en todos os sentidos: economicamente, afectivamente...", asegura, e incide en que "con alguén que está todos os días bébedo non podes razoar, a súa tolerancia á frustración é moi reducida". Así que invita a "non enganarse" porque "o alcol só xera problemas, por moito que as grandes marcas nos intenten vender outra cousa". Mentres que "o tabaco segue a ser a droga que máis mata neste país, 52.000 persoas falecen cada ano polo seu consumo, e un día como hoxe van falecer unhas 165", polo que "non hai ningunha droga que produza tal nivel de mortes nin todo o gasto sanitario que ese consumo conleva".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.