Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 12/07/2024 | Actualizada ás 15:40
Poucas estreas o pasado ano 2023 e mesmo este 2024 conseguiron impactar tanto ao espectador como o fixo 'La sociedad de la nieve', unha película que documenta de xeito ficcionado os acontecementos aos que se tiveron que enfrontar os 16 sobreviventes do accidente do avión 571 da Forza Aérea Uruguaya que se estrellou nunha cordilleira dos Andes arxentinos no ano de 1972. Case cun único escenario o gran cineasta Juan Antonio Bayona consegue que o público non despegue a vista da pantalla nin un segundo. Dor, medo, angustia, desesperación, ira... Son só algúns dos sentimentos que en case dúas horas e media se trasladan dos personaxes ao espectador de xeito maxistral. E iso que a historia real xa é sobradamente coñecida e que o público xa sabe cal é o final da película antes de que comece. Lograr isto non foi tarefa sinxela, e así o contou no congreso Mundos Digitales Manuel Ramírez, director de estudo en la produtora El Ranchito, implicada na rodaxe e creación dos escenarios dixitais que aparecen no filme.
Ramírez confesa que "foi moi difícil trasladar á xente que a acción estaba acontecendo no Valle de las Lágrimas en Arxentina cando en realidade a película foi rodada en Serra Nevada, en Granada, e, parte dos planos, rodáronse en tres sets, un dos cales estaba dentro dunha nave xigantesca na que se instalara unha pantalla que ía proxectar a paisaxe". Asegura que "dende o primeiro intre unha das maiores complexidades desta película na que o estudo El Ranchito estivo implicada preto de tres anos foi como se ía rodar". E é que, como apunta, "desprazar un equipo de rodaxe ao Valle de las Lágrimas durante varios meses era inviable, tanto por motivos loxísticos como de seguridade e personais do propio equipo". Polo tanto, a outra opción era "facer como na película dos 90, na que, directamente, se roda noutra contorna e faise entrever que é o Valle de las Lágrimas, aínda que non o é". Isto foi posible porque o lugar onde caeu o avión é un punto cego no medio das montañas.
Agora ben, "trasladar a acción ao lugar onde sucedeu mete unha personaxe máis na escena: a contorna". E é que é a contorna a que realmente che amosa o mal que o tivo que pasar esa xente que sobreviviu. "A montaña rexía as súas vidas, día a día", explica Ramírez, que asegura que todos os detalles tiñan que estar medidos milimetricamente para que ao espectador lle fixesen entender as circunstancias tan duras: "Cando caía o sol as sombras da montaña íanse comendo a fuselaxe do avión e iso supoñía a diferenza entre a vida e a morte, cando ás cinco da tarde a sombra da montaña se poñía sobre a á do avión estas persoas non sabían se ían sobrevivir un día máis". Non hai que esquecer que ían ataviados con roupa de verán porque nunca se podían ter imaxinado que algo así acontecese. Toda a orografía do terreo tiña que estar, por tanto, perfectamente recreada.
Para ter datos do terreo en cuestión usaron a ferramenta Global Mapper, unha aplicación de sistema de información xeográfica moi potente e asequible que combina unha gama completa de solucións de 'software' para o procesado de datos espaciais e proporciona acceso a unha serie de formatos usados tanto en enxeñaría como no mundo do modelado dixital para ciencia ficción. Ademais, tamén se desprazou parte do equipo en persoa ao Valle de las Lágrimas. Lamentablemente, como conta Ramírez, "na primeira viaxe non sacamos suficiente información como para poder reconstruír o val en si en base a fotografías". E é que había un problema "moi grande": "A cantidade de neve que ese val ten agora non ten nada que ver coa cantidade de neve que había nos anos 70, cando tivo lugar o accidente do avión; de feito, o ano que nós fomos tomar fotografías era o ano no que menos nevara nos últimos 40 anos".
Así foi como finalmente se decidiu que a película se rodaría fóra do Valle de las Lágrimas. "Baralláronse varias localizacións en Europa, en Norteamérica, en Canadá, nos Pirineos... Ata que se decidiu Granada por proximidade do equipo de producción e tamén porque no lugar había unha zona da montaña moi semellante á zona onde colisionou o avión que era susceptible de engancharse ben co fondo que tiñamos dixitalizado do Valle de las Lágrimas", explica. Todas esas fotografías que foran tomadas nos Andes recrearon o espazo no mundo virtual, empregando o 'software' Unreal Engine, que lles permitía navegar virtualmente polos Andes cunha cámara idéntica á que se utilizaría durante unha rodaxe 'in situ' e con capacidade para axustar aspectos como a iluminación (o sol no hemisferio norte, sendo rodada en Granada, non avanza igual que no hemisferio sur, nos Andes) e o tempo. "Permitíanos editar en función das necesidades", asegura Ramírez, que explica que "nesta película hai 1.500 planos nos que se cambiou o fondo, con miles de efectos visuais invisibles".
Ademais, para a rodaxe en Granada había tres 'sets': un en alta montaña, "no que a xente, tanto actores como equipo, pasaban frío de verdade, pois Bayona quería que as personaxes sufriran como na realidade, polo que cando se ve aos actores tremer é porque están tremendo de verdade, en camiseta e a cero graos"; outro feito no val, "con neve artificial no que facía algo máis de calor, pero pouca máis"; e a nave, "onde estabamos a uns catro ou cinco graos". "Non foi unha rodaxe sinxela e non me gustaría ter sido ningún dos actores", lembra entre risas Ramírez, que confesa que mediante a aplicación de Unreal Engine "chegamos a comprender por que non os rescataron a pesares de que moitos avións pasaron literalmente pon enriba deles e mesmo chegaron a velos, e iso que nin sequera nos alonxamos tanto mediante Unreal como para estar á distancia á que voa un avión". "A escala é tan grande que aí fomos conscientes da sorte que tivo esta xente de sobrevivir", confesa Ramírez, que lembra que "na colisión o avión chocou cun pico dos que chaman sarxentos, esvarou por unha loma, seguiu metros abaixo a gran velocidade... Ninguén entende como esta xente puido seguir viva despois diso".
Como insiste o director de estudio de El Ranchito, "a película enteira se fixo con Unreal Engine e antes de ir rodar xa tiñamos unha versión da película en dixital". Tamén adianta que "xa estamos facendo outros proxectos empregando esta mesma base". Unha vez con esa versión da película e cos planos do que querían rodar na cabeza, "fixemos unha segunda visita ao Valle de las Lágrimas". Afortunadamente, "nesa segunda visita xa había máis neve e puidemos rodar moito máis material". Material que foi proxectado nunha pantalla LED xigante que estaba ubicada nun dos 'sets' de rodaxe, con 32 metros de ancho e 6 de alto, en forma de L e cunha cobertura de imaxe de 135 graos. Nese 'set' era onde estaba a réplica da nave. E, como recoñece Ramírez, "o xeito no que afrontamos o volume é máis vello que o fío negro, non deixa de ser unha retroproxección nun volume, plantexando que a pantalla era unha ventá xigante ao Valle de las Lágrimas". Cal era o obxectivo? "Poder reaxustar o escenario dun día para outro", afirma.
Deste xeito, "o que se vira na pantalla dependía do que gravasen as cámaras no plató de arriba, da luz, do sol, das sombras...". "Eles dábannos un reporte e tiñamos tres ou catro versións de fondo coas que traballar para o día seguinte", explica Ramírez, que asegura que "todo estaba xa montado nese 'set' da nave efémera, só había que ir engadindo novas escenas". Por rudimentario que poida parecer así contado, o certo é que funcionou, e funcionou moi ben, ou "alo menos ninguén se nos queixou na cara", chancea o director de estudio de El Ranchito. Nese 'set' tamén había outros paneis de menor resolución que esa pantalla xigante para servir de soporte á iluminación, pois Ramírez tamén confesa que "un dos maiores retos foi a calibración das pantallas, pois había que ir do máis branco ao menos branco e ao un pouco branco, o que nos obrigaba a calibrar continuamente para non perder detalle".
Xunto a estas filmacións no 'set' tamén se usou material rodado directamente no Valle de las Lágrimas sobre o que se modificaron certos aspectos. Como anécdota Ramírez desvela que hai un plano no que sae unha rodaxe feita no Valle de las Lágrimas ao que se lle pon un bombillo detrás para que simule o sol, "e foi directo a pantalla así". Outro problema foi o posicionar correctamente eses planos gravados sobre a pantalla a unha distancia correcta para que as cousas encaixasen. "Cando proxectamos un plano démonos conta de que tiñamos un problema, o glaciar que saía na imaxe tiña que estar a dous quilómetros da fuselaxe e semellaba estar a un par de metros", así que tiveron que ir encadrando o asunto ata que "comezabamos a ver que tiñamos moita neve pisada no plano e observabamos o surco que deixara o avión ao esvarar pola montaña". "Era así como sabiamos que estabamos no encadre correcto", afirma.
Ramírez confesa que "basicamente usamos proxeccións para facer toda a película" e "todo o material co que comezamos a traballar era practicamente o que obtivemos nesa primeira viaxe aos Andes, é dicir, cando non había neve suficiente". E, "como non nos podiamos arriesgar a agardar a ver se habería neve para o ano seguinte cando volvésemos gravar, plantexámonos renevar as fotos das montañas que sacáramos e logo xa xogar coa luz ou co que fixese falta". "Naquela época na que sacamos as fotografías con dron non era que nos faltasen cinco palmos de neve, e que cando fora o accidente había 50 metros máis de altura de neve", lembra entre risas o director de estudo de El Ranchito. Ademais, por se a complicación de renevar fotografías nas que non había neve fose pouco reto, a resolución na que traballaron foi de 58.000x29.000 megapíxeles, o que significa que nunha imaxe que amosase unha ampla panorámica das montañas nevedas, podíase facer 'zoom' ata chegar a contar as pedras que había nunha zona situada no último pico do fondo da montaña máis alonxada.
Pagou a pena todo o esforzo, pois 'La sociedad de la nieve' recibiu a aclamación da crítica, con moitas persoas que consideran que esta é a mellor obra de Bayona. Ademais, o filme foi escollido como candidato de España para o Óscar ao mellor filme internacional na edición número 96 dos premios, sendo finalmente nomeado nesta categoría e na de mellor maquillaxe. Tamén se levou varios Goya: a mellor película, mellor dirección, mellor actor revelación, mellor director de produción, mellor montaxe, mellor música orixinal, mellor fotografía, mellor dirección artística, mellor deseño de vestiario, mellor maquillaxe e perruquería, mellor son e mellores efectos especiais.
Ver esta publicación en Instagram
¿Gústache esta noticia?Problemas cos comentarios?
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.
¿Gústache esta noticia?
- Inditex apóiase na metodoloxía BIM, aliada da sustentabilidade e a dixitalización
- Piden a regulación da IA en Europa sen pecharse a outras realidades
- Máis de 400 persoas participaron na segunda edición do programa de capacitación dixital 'Enredando Tour'
- Máis de mil galegos do rural formáronse en competencias dixitais a través de Ineco RuralTIC
- Rueda defende o currículo da curmá de Feijóo para continuar na Xunta: "Atesoura unha experiencia importante"
- Colocan un visor dixital na rede de estradas galegas para ofrecer información de tráfico