Descubrindo a microhistoria da historia de Galicia

Un vaso campaniforme de hai 3.000 anos ou un home clástico de hai cen representan parte da memoria do país. GC presenta algúns dos modelos en 3D de “Galicia 100”, a exposición que inaugura a vindeira semana o Consello da Cultura Galega.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 03/05/2016 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Non son obxectos calquera. Aínda que miúdos e agochados en museos e fundacións, os vasos campaniformes ou o home clástico da Fundación Fernando Blanco de Cee representan, dalgún xeito, a historia deste país.

Reprodución en 3D do home clástico da Fundación Fernando Blanco de Cee que estará na exposición Galicia 100 do Consello da Cultura Galega
Reprodución en 3D do home clástico da Fundación Fernando Blanco de Cee que estará na exposición Galicia 100 do Consello da Cultura Galega

Precisamente, ese é o obxectivo de “Galicia 100. Obxectos para contar unha cultura”, unha exposición organizada polo Consello da Cultura galega que constrúe un relato histórico do país a través da selección e da relación de cen pezas procedentes de institucións, empresas e coleccionistas de Galicia e do exterior.

Vaso campaniforme de Vilavella en #galicia100 by Consello da Cultura Galega on Sketchfab

A exposición amosará unha selección de cen obxectos destacados do pasado de Galicia, desde o Paleolítico Inferior ata os anos 90 do século pasado, seleccionados pola súa capacidade de explicar aspectos da identidade, o territorio, a sociedade e a cultura galegas e os seus cambios ao longo do tempo. Na construción deste relato amosa desde obxectos de gran valor artístico ou referencial ata útiles da vida cotiá; con todo, a exposición non seguirá un discurso cronolóxico tradicional, senón que procurará que as pezas dialoguen entre si e co visitante a través de épocas e grandes conceptos.

GC mostra dous destes obxectos recreados en 3D; un vaso campaniforme e un home clástico. O primeiro o representante de toda unha etapa que vai desde a idade do cobre ata o do ferro e que en Galicia representa, principalmente, a cultura castrexa. O segundo foi fabricado polo Dr. Louis Thomas Jérôme Auzoux en París. Mide 120 cm de altura e representa un corpo humano, que pode descompoñerse en 2000 pezas. Os dous modelos foron deseñados por Patricia Mañana Borrazás e Alejandro Güimil Fariña.

O home clástico do Dr. Auzoux en #galicia100 by Consello da Cultura Galega on Sketchfab

A mostra, que se inaugura o vindeiro 10 de maio na sede de Afundación en Santiago de Compostela, contará tamén cunha publicación en papel, aplicación para dispositivos móbiles, así como unha web que aposta polo uso de aspectos interactivos na dixitalización do patrimonio.

A exposición está comisariada por Manuel Gago e contou cun Consello asesor de destacados especialistas encabezado por Ramón Villares e que contou coa participación de Carlota Álvarez Basso, José Miguel Andrade Cernadas, Fernando Bouza, Felipe Criado Boado, Guillermo Escrigas, Lourenzo Fernández Prieto, Pegerto Saavedra e Dolores Vilavedra. Máis de sesenta institucións, empresas e coleccionistas de Galicia e do exterior participaron no proxecto do Consello da Cultura Galega facilitando o acceso aos obxectos. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta