Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/05/2025 | Actualizada ás 18:24
A Consellería de Sanidade publicou este luns, unha vez asinados cos xerentes das sete áreas sanitarias, os acordos de xestión para 2025, uns documentos que establecen un total de 71 indicadores con obxectivos a cumprir polo Servizo Galego de Saúde (Sergas). Que máis do 90 % das citas en Medicina de Familia, Pediatría e Entfermería nos centros de saúde se poidan obter en menos de catro días e que as unidades de Saúde Mental teñan unha "vía rápida", para que os pacientes que presenten condutas suicidas accedan a unha consulta en menos de sete días, son algúns dos deberes que se autoimpón o Sergas para este ano.
Os acordos asináronse este luns na sede da Consellería de Sanidade, en Santiago, entre o xerente do Sergas, José Ramón Parada, e os sete máximos responsables das áreas sanitarias: Luís Verde (A Coruña-Cee), Ángel Facio (Santiago-Barbanza), Fernanda López (Ferrol), Ramón Ares (Lugo-A Mariña-Monforte), Santiago Camba (Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras), José Flores (Pontevedra-O Salnés) e Javier Puente (Vigo). O acto presidiuno o conselleiro, Antonio Gómez Caamaño, quen agradeceu a todos os presentes o "traballo fantástico" realizado o pasado ano, do que dixo sentirse "moi orgulloso", cunha mención especial ao episodio que supuxo o apagamento eléctrico do pasado luns, 28 de abril.
Gómez Caamaño parouse en cada un dos cinco eixos dos acordos de xestión, pero empezou pola atención primaria para reclamar o esforzo de "todos" por "tentar mellorar" un servizo que "é a principal preocupación da poboación". Os catro restantes son os resultados en saúde; a innovación e a dixitalización; a prevención; e a redución dos tempos de espera. Dentro deste último eixo, os documentos publicados na web de Sanidade --no acto abordáronse de forma máis xenérica-- establece como obxectivo que non haxa pacientes que esperen --dentro das listas estruturais-- máis de 365 días por unha cirurxía, e que non pasen do 3 % os que esperan máis de 180 días.
Neste contexto, quérese limitar a días máximos a demora media para unha cirurxía, con diferentes medidores en función da prioridade da patoloxía e da área sanitaria. Iso si, todos os documentos teñen en común o máximo de 30 días para intervencións marcadas como de prioridade 1. Tamén se recollen obxectivos mínimos para as primeiras consultas cun especialista e para probas diagnósticas.
POLO MENOS UN 50 % DE MEDICAMENTOS XENÉRICOS
Os acordos de xestión tamén fixan deberes para os servizos de farmacia, como que polo menos un 50 % dos medicamentos que se prescriban sexan xenéricos, e que se "axuste" o custo por paciente en función do tramo de idade: 8,72 euros por cada paciente de ata 44 anos; 29,66 euros dos 45 aos 64 anos; 64,13 euros dos 65 aos 74 anos; e 95,58 euros por paciente de 75 ou máis anos. Ademais, recollen un mínimo de pacientes --cada área sanitaria ten unha cifra diferente-- que conten con sistemas personalizados de dosificación da medicación.
Tamén se fixan obxectivos mínimos de porcentaxe de poboación vacinada contra a gripe. Para os nenos de 6 a 59 meses é o de superar o 65 %, un obxectivo xa cumprido (66 %) na pasada campaña. Para as mulleres embarazadas, Sanidade quere chegar ao 60 %, cando este ano foi só do 40,5 %. En canto ao persoal sanitario, o Sergas quere chegar a un mínimo do 65 % despois de que esta campaña só alcanzase o 53,8 %, un dato polo cal o conselleiro de Sanidade xa mostrou a súa preocupación nalgunha ocasión.
INNOVACIÓN E RECURSOS HUMANOS
No apartado de innovación, o obxectivo é superar o 90 % de profesionais que realizaron a nova autoformación sobre a historia clínica electrónica 'IANUS5 e que polo menos o 80 % sexa presencial. Tamén no tocante aos recursos humanos, os acordos de xestión recollen como deberes reducir os días dos contratos temporais, implamtar un procedemento de xestión de "conflitos internos", desenvolver un circuíto de apoio emocional aos profesionais e realizar actividades formativas para previr agresións externas, entre outros.
CRÍTICAS DA OPOSICIÓN
Doutra banda, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, dubidou do cumprimento dos acordos de xestión sanitaria da Consellería para 2025 e a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, manifestou que a Xunta debe pór o foco na Atención Primaria. Así, antes de que este luns o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, asinase os acordos de xestión 2025, os portavoces de PSdeG e BNG, a preguntas dos medios, pronunciáronse sobre os mesmos.
En concreto, o líder dos socialistas galegos afirmou que "o problema é que non se cumpren" eses acordos. "Non é un dos primeiros acordos, pero é unha historia de acordos incumpridos pola forza dos números", aseverou. Tamén recoñeceu que ten "pouca esperanza" de que "sirvan para mellorar" e asegurou que o PSdeG realizará un "seguimento" das medidas tomadas.
Pola súa banda, a portavoz nacionalista mencionou que as cuestións "prioritarias" deben pasar por "recuperar a Atención Primaria", despois de "16 anos onde o PP recortou máis de 2.000 millóns de euros aos centros de saúde". "A principal prioridade para que funcione o sistema é rescatar a Atención Primaria e só se necesita vontade política; que o PP deixe de estar a deteriorar o público para beneficiar o privado", insistiu Pontón.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.