Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/05/2025 | Actualizada ás 15:00
O premio Nobel de física en 2017, Kip Thorne (Utah, 1940), mostrou a súa preocupación polas políticas do presidente americano, Donald Trump, con respecto ás universidades e realizou un chamamento a unirse "contra as súas decisións", á vez que recomendou á Unión Europea que "invista en recursos financeiros para tomar o liderado científico". Así o trasladou aos medios de comunicación durante a súa visita a Santiago de Compostela con motivo do programa 'Conciencia', onde abordou algúns dos temas actuais no panorama estadounidense, como son o conflito aberto por Donald Trump coas universidades, a competetividade con China, a chegada das novas tecnoloxías ou a posibilidade dunha guerra nuclear.
Nun contexto marcado pola innovación tecnolóxica, con campos de "gran importancia" como a intelixencia artificial, a computación cuántica, a criptografía, as tecnoloxías da ciencia material ou as tecnoloxías biomédicas, o físico que recibiu o Nobel polas súas contribucións decisivas en materia de ondas gravitatorias salientou o valor dos centros de investigación universitarios e laboratorios de Estados Unidos e Europa. Con relación a eles, Thorne manifestou a súa preocupación pola xestión "incriblemente perigosa" de Donald Trump, ao conxelar os fondos para estes centros educativos. Segundo o físico, "non é consciente de que está a destruír os núcleos de incubación da tecnoloxía do século XXI".
Ante este panorama, utilizou como paralelismo a época nazi, na que os Estados Unidos viviron unha fuxida masiva de talento europeo. Así, afirma que "agora Europa ten unha oportunidade interesante de facer o mesmo e elevarse por enriba do país americano". Tamén, confirmou que a política estadounidense non vai de partidos: "Hai políticos moi conservadores e políticos moi liberais que se unen contra Trump" porque "a súa ideoloxía é moito menos importante que os perigos do que representa", reflexionou.
MENOS CONCIENCIA DE PERIGO
Neste sentido, advertiu de que as cousas que se están facendo son "extremadamente perigosas para o futuro de América e para o futuro do mundo libre". Por iso, "todos deben unirse contra el" para "protexelo" de todas as decisións que Trump está a tomar, especialmente relacionadas co presidente ruso, Vladimir Putin, e "evitar así unha guerra nuclear". Thorne lembrou que no pasado mantiña contacto con soviéticos e estivo no círculo da xente que lanzou o programa nuclear norteamericano. Por aquel entón, asegura, "había máis conciencia que hoxe en día sobre o perigo que esas armas supuñan". Actualmente, lamentou, a sociedade e os propios mandatarios "perderon a sensibilidade e o medo cara a elas", o que lle xera "preocupación", polo que subliñou que Europa necesita de "grandes líderes, que saiban manexar con sabedoría esta responsabilidade".
COMPETITIVIDADE CON CHINA
Preguntado pola batalla tecnolóxica con China, Thorne destacou que historicamente a investigación dominante foi liderada por Europa e América, mentres que Asia empezou a achegar coñecemento nos últimos 15 anos. Nesta liña, valorou as innovacións "significativas" achegadas polo xigante asiático, polo que manifestou que "a ciencia e a tecnoloxía son e deberían ser esforzos colaborativos". "Só desta maneira o mundo será cada vez mellor", remarcou. Ademais, puxo de exemplo a súa experiencia durante a Guerra Fría, na que traballou conxuntamente con Europa e a Unión Soviética, pasando un mes cada ano en Moscova desde 1968 ata a caída do réxime soviético, en 1991. Un período no que, os científicos rusos fixeron "contribucións cruciais".
FUTUROS AVANCES NO CAMPO
Aínda que con precaución respecto daqueles temas máis complexos como os riscos da intelixencia artificial, para o que respondeu que "lle preocupa máis Putin que os problemas tecnolóxicos", o físico contestou a algunhas cuestións con respecto ao futuro da ciencia. Aínda que se mostraron en numerosas películas as viaxes no tempo seguen sendo unha incógnita para os estudantes do campo. Thorne asegura que "hai suficientes indicios para crer que as leis da Física non os permiten" e se finalmente se logra, sucederá posiblemente "moi lonxe de calquera capacidade humana". Neste sentido, asegurou que aínda que as cousas cambiaron moito nos últimos anos, algunhas delas eran predicibles, polo que é necesario manter unidas ás universidades para seguir descubrindo e logrando novos retos. Así mesmo, confesou que a pregunta que "máis lle interesa", e poderíase ter resposta nos próximos 40 anos grazas a que "se empezan a ter as ferramentas necesarias", é "como foi creado o universo".
ACTO PÚBLICO
Durante a súa estancia na capital galega, o físico norteamericano impartirá este venres, día 9 de maio, unha clase de gravitación en cuarto de carreira, na Facultade de Física, onde posteriormente realizará unha exposición. Despois acudirá a un simposio científico no Instituto Galego de Física de Altas Enerxías cun grupo de colaboradores en materia de ondas gravitacionais e finalmente, pola tarde, ás 19.30, celebrarase un acto público no salón de actos da Facultade de Medicina.
TRABALLA NUNHA NOVELA DE CIENCIA FICCIÓN "MOI DIFERENTE A INTERSTELLAR"
Por outra banda, Kip Thorne, anunciou que o proxecto da película na que estaba a traballar fai dez anos converterase en principio nunha novela de ciencia ficción, iso si, "moi diferente a Interstellar". Thorne narrou que inicialmente o proxecto era realizar unha película xunto á súa produtora e amiga Lynda Rosen Obst. Con todo, a morte dela hai tan só uns meses freou esta idea. No entanto, o físico quixo convertela nunha novela que "quizais despois de publicala poida converterse nun filme".
Repasou algunhas anécdotas da súa vida como a súa participación na película de Christopher Nolan. Nesta liña, Thorne valorou a capacidade dos irmáns Nolan de crear unha película que conta cunha "enorme cantidade de ciencia", construída a partir de "múltiples niveis de capas narrativas con gran profundidade". "Este filme foi moi diferente da maioría das películas de Hollywood", destacou, porque "se construíu a parte científica desde o principio" e logo foi trasladada ao director. Froito deste proceso, o físico escribiu o libro 'La Ciencia de Interstellar', que recupera todos os detalles da creación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.