Comeza a batalla xudicial contra Altri: Adega e PDRA levarán a autorización da Xunta ao xulgado

Ambas organizacións presentan recurso de Alzada polo silencio administrativo de Augas de Galicia á solicitude de arquivo do expediente de concesión de augas de Altri.

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 16/05/2025 | Actualizada ás 12:53

Comparte esta noticia

ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza) e a PDRA (Plataforma en Defensa da Ría de Arousa) anuncian o inicio de accións legais conxuntas para evitar a construción do proxecto de macrocelulosa de Altri-Greenfiber na Ulloa. Aínda que os trámites administrativos da factoría non están rematados e a instalación carece arestora dos permisos necesarios (Autorización Ambiental Integrada, Concesión de Augas e aprobación do Consello da Xunta) as irregularidades na tramitación do proxecto e, particularmente na concesión de augas, dan pé ás nosas organizacións a acudir xa á vía xudicial.

Rolda de prensa de Adega e APDR anunciando un recurso xudicial contra Altri
Rolda de prensa de Adega e APDR anunciando un recurso xudicial contra Altri | Fonte: remitida

A vía elixida é a presentación dun recurso de Alzada, condición previa ao contencioso xudicial, polo silencio administrativo de Augas de Galiza á solicitude de arquivo do expediente de concesión de augas procedentes do río Ulla con destino a uso industrial, solicitada por Greenfiber S.L.

As entidades destacan que na tramitación da concesión de augas solicitada por Altri (46.000 m3/día), o Regulamento do Dominio Público Hidráulico fixa un prazo máximo de 18 meses para resolver, tralos cales a solicitude entenderase desestimada. O procedemento comezou co inicio do trámite de competencia nun momento igual ou anterior ao 30 de novembro de 2022, data na que o BOP da Coruña (nº 227) publicou o Anuncio do Servizo Territorial da Zona Hidrográfica de Galiza Centro, da apertura do trámite de competencia de proxectos da solicitude con clave DH.A36.88645. Xa que logo, o prazo para resolver tería rematado o día 30 de maio de 2024, 18 meses despois da data da primeira publicación en boletín oficial.

Consecuentemente, ADEGA e a PDRA solicitaron en febreiro pasado á Directora de Augas de Galiza que declarara de caducidade do procedemento, sen ter recibido a día de hoxe, máis de 3 meses despois, resolución expresa. Xa que logo, a petición ficou desestimada por silencio administrativo, acto este que vimos de recorrer en Alzada e, fronte a un eventual novo silencio ou desestimación, devirá nunha demanda pola vía contencioso-administrativa.

"Esta acción é posíbel grazas á campaña de recadación solidaria “Xustiza para o Ulla”, que no seu reto inicial acadou en apenas 20 días os 39.000 € necesarios para sufragar as primeiras accións xurídicas contra Altri", indican.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 anonimo

Todopirolos de manual