Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 29/05/2025 | Actualizada ás 14:16
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, cualificou de "erro" a declaración da cidade da Coruña como mercado tensionado, unha medida que, ao seu xuízo, non solucionará os problemas de vivenda na cidade e que, pola contra, podería reducir aínda máis a oferta dispoñible. Nun acto en Ares e a preguntas dos medios de comunicación, Rueda ironizou sobre a rapidez coa que a Xunta concedeu a petición do Concello da Coruña, sinalando que "tardamos moito menos en concedelo que en pedilo", pero mostrando o seu escepticismo sobre a súa efectividade.
"Creo que non vai funcionar, sinceiramente", sentenciou tras dar a visto e prace a Xunta á proposta municipal en base á lexislación estatal, que ten recorrida e que rexeita. O presidente galego advertiu que a consecuencia desta declaración podería ser que "cidadáns e propietarios de vivendas, se retraian e non as poñan para alugar". Na súa opinión, o problema da vivenda abórdase de maneira máis eficaz mediante outras políticas que a Xunta, dixo, xa está a implementar.
Rueda defendeu como solucións máis efectivas "promover a construción de vivenda pública con prezos alcanzables para as persoas", tanto construíndo directamente como traballando con cooperativas e con entidades privadas para que "as constrúan con axuda económica e as poñan a disposición con prezos taxados, con prezos alcanzables, con prezos sociais". Ademais, insistiu na necesidade de "dar seguridade aos propietarios para que saiban que se sofren ocupación, inmediatamente iso ten que ser solucionado e se teñen un inquilino que debe pagar, tamén teñen que ter medidas para poder reaccionar e non ter unha persoa que vive sen pagar ou alugar".
En contraposición á declaración de zona tensionada, Rueda considera que estas son "as solucións que hai que adoptar". Non entanto, anunciou que estarán "moi atentos" para comprobar se a medida adoptada polo Concello da Coruña resulta efectiva. Finalmente, Rueda deixou claro que, aínda que a Xunta concedeu a petición, será o Concello da Coruña quen deberá "demostrar, evidenciar e facerse responsable dos seus resultados". Na mesma liña, e nun acto en Ourense, a conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, reivindicou as actuacións autonómicas en materia de vivenda, asi como as axudas para incrementar a ofrta de vivenda e mostrouse totalmente en contra do "intervencionismo".
CALVO DI QUE "HABERÍA QUE FOMENTAR A CONSTRUCIÓN DE MÁIS VIVENDAS"
Pola súa banda, o vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, explicou que a Xunta deu o visto e prace á solicitude da Coruña para declarar a urbe mercado tensionado, pero sen considerar que vaia favorecer o acceso á vivenda. Mentres, o delegado do Goberno, Pedro Blanco, demandou á Administración autonómica medidas nesta materia.
"Non cremos que a lei -- estatal-- vaia a arranxar o acceso á vivenda de determinadas cidades", dixo antes de asistir ao consello de administración da Autoridade Portuaria e ao lembrar que o PP recorreu a citada lexislación. Con todo, asegurou que o Executivo galego non vai ser "un obstáculo" para colaborar nese sentido. "Habería que fomentar a construción de máis vivendas como está a facer a Xunta e buscar alternativas aos problemas de ocupación".
Pola súa banda, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, lembrou que a Administración autonómica ten que "cumprir a lei" nesta materia e mostrouse convencido de que a citada declaración axudará a facilitar un descenso nos alugueres. Sobre a postura da Xunta, dixo que é unha "conclusión precipitada, parece máis maxia que realidade".
INÉS REY APUNTA A UN AFORRO DE ATA 400 EUROS AO ANO PARA OS INQUILINOS
Mentres, a alcaldesa da Coruña, a socialista Inés Rey, trasladou a súa satisfacción tras dar a Xunta o visto e prace á petición municipal de declaración da cidade como mercado tensionado, en aplicación da lexislación estatal. En declaracións aos medios, subliñou o feito de que A Coruña sexa "a primeira cidade de Galicia en adoptar esta medida", convencida, ademais, de que vai contribuír "a que os inquilinos se aforren ata 400 euros ao ano nas rendas e que tamén beneficiará aos propietarios que van ver aumentada a desgravación fiscal".
"Non hai ningunha medida que supoña a solución definitiva pero esta con outras, como a regulación das vivendas de uso turístico, a disposicion de chans ou o aumento de vivenda protexida en polígonos urbanísticos, vai contribuír a paliar", argumentou. Cuestionada sobre as críticas da Xunta, afirmou que o que hai é que expor se se está disposto "a solucionar" o que cualificou como "máxima preocupación" dos cidadáns.
Neste sentido, criticou ao PP por "recorrer cuestións que supoñen ampliación de dereitos", en alusión, entre outras, á lei de vivenda que permite a declaración de mercado tensionado. "Recorren, torpedean", aseverou para asegurar que os populares están "noutra cultura de país". "Que non coincide coa dos que queremos que gocen das políticas de benestar", dixo para asegurar que espera que, tras todo o procedemento necesario, estea nuns meses "en marcha" a materialización da citada declaración, solicitada para toda a cidade.
O PSDEG AGARDA QUE SANTIAGO TAMÉN SE DECLARE ZONA TENSIONADA
Ademais, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, alertou este xoves da "fonda preocupación polo problema da vivenda" que existe en Galicia, solicitando á Xunta que ofreza "solucións" e esperando que Santiago tamén sexa declarada zona tensionada. Así o sinalou ante os medios de comunicación na súa visita á Alameda de Santiago con motivo das festas da Ascensión, onde lamentou os "obstáculos" que o Executivo galego puxo para declarar zona tensionada á cidade da Coruña.
Respecto diso, reafirmou o compromiso dos socialistas "cunha Compostela moderna, habitable e na que moita xente poida facer nela o seu proxecto de vida", sinalando á capital galega como a seguinte urbe que debe seguir os pasos da Coruña para ser declarada zona tensionada, "impulsada tamén polo PSdeG desde un primeiro momento". "O Partido Socialista está vinculado á modernización de Compostela no pasado e no presente, e comprometido co seu futuro", apostilou, insistindo en que os socialistas están "unidos" e apostando pola necesidade de recuperar o pulso forte dunha cidade que está "a ralentí".
TAXA TURISTICA
Noutra orde de cousas, o vicepresidente primeiro da Xunta, preguntado polos pasos dados polo consistorio coruñés para aplicar a taxa turística, instoulle a incluír aos cruceristas no colectivo que quedan excluídos, rexeitando que a súa inclusión sexa por unha cuestión vinculada á Administración galega. "A decisión de aplicar taxa turística correspóndelle exclusivamente aos concellos", insistiu.
MINISTRA
Pola súa banda, a ministra de Vivenda e Axenda Urbana, Isabel Rodríguez, celebrou a declaración da Coruña como zona de mercado tensionado de vivenda e espera que "renda o exemplo". Neste sentido, chamou a un "acordo xeneralizado" entre concellos e Comunidades Autónomas para dar resposta ao problema de acceso á vivenda. Desde o Goberno, subliñou, "non vai faltar nin disposición, nin recursos, nin actitude para estar á beira de todas as persoas, independentemente de quen gobernen".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.