A auxiliar do naval Empse Group bota aos seus 23 empregados na fábrica de Ferrolterra

Os sindicatos rexeitan o ERE e culpan á empresa de "nefasta organización".

Por Europa Press / Redacción | Ferrol | 29/05/2025 | Actualizada ás 16:43

Comparte esta noticia

Empse Group, empresa auxiliar de Navantia e Nervión, comunicou un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) de extinción que afectará á totalidade do seu persoal, composta por 23 traballadores.

A compañía, con sede no polígono de Río do Pozo, en Narón alega causas produtivas para xustificar esta medida. Os sindicatos CIG e CCOO, que ostentan a representación social dos traballadores, manifestaron o seu firme rexeitamento a este ERE.

Ambas as organizacións sindicais consideran que a medida é consecuencia directa da "nefasta organización" da empresa, á que acusan de ser "incapaz de cumprir cos prazos de entrega dos pedidos". Nun comunicado conxunto, CIG e CCOO cualifican de "intolerable" que, nun momento de crecente carga de traballo na comarca de Ferrol, tanto no sector da construción naval como no da eólica mariña, unha empresa presente un despedimento colectivo por causas produtivas.

Os sindicatos lamentan que, unha vez máis, sexan os traballadores quen "pagan as consecuencias da incompetencia da dirección empresarial", véndose abocados ao desemprego coa mínima indemnización legal. Empse Group, orixinaria de Cádiz, chegou á comarca de Ferrol fai menos de cinco anos e realiza traballos para Nervión no ámbito da eólica mariña e para Navantia na construción de fragatas.

Con todo, segundo denuncian os sindicatos, a "mala organización" da empresa provocou a perda de contratos con Nervión debido á súa incapacidade para cumprir cos prazos de entrega, a pesar de contar con maquinaria adecuada e persoal cualificado. CIG e CCOO anunciaron que estarán á espera da constitución da mesa negociadora e da documentación que presente a compañía.

Traballadores dempresa Empse Group
Traballadores dempresa Empse Group | Fonte: empse.es

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta