Por Europa Press / Redacción | VIGO | 03/06/2025 | Actualizada ás 14:53
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asistiu este martes á inauguración da feira da pedra natural, Stonegal 2025, que se celebra no Instituto Feiral de Vigo, e remarcou o valor deste sector en Galicia, así como o potencial da "minaría sustentable". Durante a súa intervención, o titular do Executivo galego lembrou que a Comunidade dispón de "uns magníficos recursos mineiros" e que ten unha "tradición de séculos" no traballo da pedra natural. "Interésanos a sustentabilidade mineira. Se chegamos ata aquí é porque sabemos facelo ben, compatibilizando co medio ambiente", proclamou.
Tras lamentar que "algúns se empeñan en ir contra esta riqueza", reafirmou o apoio da Xunta ao sector, con medidas como as liñas de axudas a empresas mineiras, o impulso á axenda de minaría sustentable, ou a reactivación do Consello da Minaría de Galicia. "Cremos nunha minaría sustentable, sen complexos", proclamou Rueda, antes de insistir en pór en valor que Galicia ten "unha potencia mineira" e que "sería un disparate deixalo pasar por formulacións demagóxicas, polos de sempre, os que se opoñen a todo".
Pola súa banda, tanto o CEO de Stonegal, Alejandro Miras, como o secretario xeral do Clúster do Granito, José Ángel Lorenzo, destacaron que a feira Stonegal será un punto de encontro e un escaparate para que a industria galega da pedra natural sexa aínda máis recoñecida en todo o mundo. Igualmente, o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e a vicepresidenta da Deputación, Luisa Sánchez, destacaron o peso desta industria no sur da provincia, unha industria que "ten pasado, presente e futuro".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.