Por Horacio Vixande | Vigo | 02/06/2016
O Partido Popular vén de adiantar tacitamente que a política de concertos económicos cos centros educativos privados para subvencionalos vai constituír un dos eixes da campaña das Eleccións xerais do 26 de xuño, aínda que os concertos son unha competencia das Comunidades autónomas.
Argumenta o PP que a decisión da Generalitat de València de retirar concertos a colexios privados atenta contra a liberdade educativa e pensa facer bandeira do dereitos dos pais a elixir o colexio dos seus fillos en todo o Estado.
En realidade, no noso país, ese dereito non existe porque en 220 concellos galegos é imposible elixir un centro concertado para estudar, xa que non existe ningún. Todas as crianzas galegas poden acceder a un centro educativo para se formaren, mais é o ensino público o único que garante este dereito.
O presunto dereito a elixir centro de ensino non é a única falsidade do discurso educativo que defende o Partido Popular. Hai uns con máis dereitos que outros. As sete cidades galegas, que representan o 36,14% da poboación, contan co 59,74% dos centros privados concertados.
A educación obrigatoria en España vai entre os seis e os dezaseis anos de idade; é dicir, comprende os treitos de Ensino Primario e Ensino Secundario Obrigatorio (ESO) e as sete cidades contan co 60,41% dos centros concertados en Primaria e o 56,98% de ESO. Tramos como Infantil (de tres a seis anos), concentran nas cidades o 58,16% dos concertos.
Mais a discriminación máis grave ten lugar no Bacharelato e nos Ciclos formativos. Trátase de tramos de ensino para maiores de 16 anos que non son obrigatorios e que, en consecuencia, non deberían contar con concertos educativos cos centros privados porque non hai ningún dereito que garantir. Se non tes obriga estar escolarizado tampouco podes esixirlle ao Estado que te dea opcións e elixir, e moito menos entre centros privados concertados. Pois ben, o 73,33% dos centros concertados que ofrecen Bacharelato están nas sete cidades, que tamén concentran o 67,56% dos Ciclos formativos impartidos por centros privados concertados.
En toda a circunscrición de Ourense, fóra da comarca de Ourense, só na Rúa é posible estudar bacharelato nun centro concertado. Se falamos de Ciclos formativos, só hai catro centros concertados que os ofrezan en toda a provincia: todos na cidade de Ourense (e aínda por riba con ofertas duplicadas). Xa vemos como defende Manuel Baltar os intereses dos seus veciños.
Se as sete cidades suman o 36,14% da poboación, nas últimas eleccións xerais o PP obtivo nesas cidades o 32,78% dos votos totais en Galiza. É dicir, o PP segue a ter un sesgo non urbano, pero a quen de verdade presta atención é ás cidades.
Non defendo os concertos educativos e estes nin sequera non son quen de ofrecer unha alternativa complementaria para o ensino en Galiza, pero alguén lle debería lembrar aos votantes do PP os intereses que defende e como este partido está a traizoar o seu electorado.