O BNG insiste en que as explicacións de Sánchez "non son suficientes"

Os nacionalistas resaltaron así mesmo que o apoio dos nacionalistas ao PSOE é "puntual".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/06/2025 | Actualizada ás 13:12

Comparte esta noticia

A portavoz de Feminismo e Igualdade do BNG no Parlamento, Noa Presas, insistiu en que as explicacións de Pedro Sánchez tras transcender o informe da Unidade Central Operativa (UCO) sobre Santos Cerdán "non son suficientes" e lembrou que o apoio dos nacionalistas ao PSOE é "puntual" e "suxeito a un acordo de investidura".

A preguntas dos medios este luns en rolda de prensa, Presas subliñou que o acordo de investidura cínguese a "cuestións puntuais" e volveu a reiterar que os feitos que se investigan no PSOE son "especialmente graves" e que "hai que aplicar tolerancia cero coa corrupción e máxima transparencia". Por iso, manifestou que seguirán insistindo en que as explicacións dadas polo secretario xeral dos socialistas "non foron suficientes" porque considera que "non chega con cesar e pedir perdón", senón que "é necesario moito máis".

En concreto, o Bloque xa solicitou a súa comparecencia no Congreso e esixiu que se faga "unha auditoría externa e completa" de todas as contratacións do Ministerio de Transportes para "seguir profundando". Nesta liña, lamentou que se envíe á cidadanía "unha mensaxe moi perigosa". Cuestionada sobre se os nacionalistas reclamarán tamén un anticipo electoral, Presas censurou que o PP "non está para dar leccións de corrupción" ao ser "o único partido condenado por financiamento ilegal e por corrupción". Así, volveu a demandar "máxima transparencia", apuntando que polo momento non se ten coñecemento de que a presunta corrupción afecte a membros do Goberno. Se isto cambiase, avanzou que o BNG analizará a situación.

A portavoz de Feminismo e Igualdade do BNG no Parlamento, Noa Presas, en rolda de prensa. BNG
A portavoz de Feminismo e Igualdade do BNG no Parlamento, Noa Presas, en rolda de prensa. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta