Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/08/2025 | Actualizada ás 10:45
Este martes transcorreron 15 días desde que se decretou nivel 2 de alerta por incendios na provincia de Ourense, o 12 de agosto, por unha onda "anómala", segundo ratificaba a Consellería de Medio Rural, derivada por unha seca prolongada durante dous meses, con precipitacións por baixo da media do últimos trinta anos.
Agora, con máis de 70.000 hectáreas calcinadas, os municipios afectados están en proceso de "encaixar o golpe". "Séntese como unha puñada no estómago", así o expresou en declaracións a Europa Press Enrique Barreiro (PSdeG), alcalde de Vilamartín de Valdeorras, un dos municipios máis afectados pola vaga de incendios.
Cun sector forestal "100% arrasado" e aldeas como San Vicente de Leira ou Cernego que sufriron importantes perdas en danos materiais, Vilamartín afronta consecuencias "moi duras". "É moi complicado de explicar, ás veces non che deixa nin respirar", engadiu.
Unha sensación que comparte Aurentino Alonso (PSdeG), alcalde do Barco de Valdeorras. "Foron 15 días de moita tensión", indica. A pesar de que, di, o municipio non sufriu moitos "danos materiais", Alonso lamenta unha "perda ambiental tremenda". "Máis de 40.000 hectáreas, vivimos todos en estado de alerta, é unha barbaridade", expresou a alcaldesa de Larouco, Patricia Lamela (PP), un municipio que contabilizou 3 casas calcinadas ata o momento e pobos nos que "xa non queda nada por arder".
UNHA REFLEXIÓN
Tras dúas semanas de "cansazo e desesperación", alcaldes e persoal de extinción coinciden na necesidade de "pór en valor o monte". "A política e a maneira de xestionar os incendios ten que cambiar" explicou Néstor Ogando (A Gudiña). "Non podemos esperar a que estean activas todas as brigadas só durante o tres ou catro meses de verán e que o resto do ano non teñamos nada, é aí onde hai que incidir", engade Aurentino Alonso (O Barco). Con medios que "non chegan" e veciños que "ían defendendo como podían" as súas propiedades, lamenta unha situación que "multiplica con fartura" á vivida durante os incendios do ano 2022. "Foi algo extraordinario, todo o que ardeu de riqueza, madeira e monte", engade.
O principal problema, destaca, é o incumprimento das franxas perimetrales. "No últimos cinco anos abrimos preto de 1.000 expedientes sancionadores, pero o problema segue estando aí", lamenta. Sinala que desde o concello non existe a "capacidade suficiente" para xestionar "todo o que se pide a nivel normativo" e solicita á Xunta de Galicia que "busque a maneira" de cumprir coa normativa das franxas perimetrales.
Pola súa banda, Néstor Ogando (A Gudiña), incide en que un dos factores principais é o abandono do rural. "Os pobos agora están abandonados, agora hai moi pouco gando", destacou. "Se queremos salvar o pouco que nos queda do rural hai que porse as pilas", engade.
AXUDAS TRAS OS INCENDIOS
Este martes terá lugar o Consello de Ministros onde se declararán zonas catastróficas as áreas afectadas polo lume e celebrarase, tamén, un Consello extraordinario da Xunta este venres para xestionar as axudas aos afectados polos incendios. Un Consello que presentará "investimentos cuantiosos", segundo avanzaba o presindente da Xunta, Alfonso Rueda, en axudas que estarán dirixidas tanto ao sector vitivinícola como a vivendas e a prevención.
"Metemos auga e luz e nalgunhas zonas puxemos iluminación tamén, o fundamental agora é perimetrar as casas en malas condicións e asegurar na medida do posible que non supoña un perigo", ha recalcaldo Enrique Barreiro (Vilamartín).
En concellos como O Barco ou A Rúa preocupa especialmente o abastecemento de auga potable. Segundo explicou María González (BNG), alcaldesa da Rúa, "moito material dos incendios" depositouse nas zonas de captación de auga, por iso, "haberá que facer analíticas unha vez acabe o fume para saber se se pode consumir".
Nos municipios de Trives, Montederramo ou Oímbra, a precupación céntrase especialmente na falta de subministración para o gando. "É necesario fornecer alimento para o gando e todo o que poida achegar a Administración", sinalou Francisco Rodríguez (PP), alcalde de Oímbra.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.