Reaccións incendios: López replica a Feijóo: "Pulseiras deberían ter algúns para saber onde estaban" durante os lumes

O Goberno declarará "zonas afectadas por emerxencia" co anuncio das primeiras axudas.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 26/08/2025 | Actualizada ás 11:07

Comparte esta noticia

O portavoz socialista no Congreso, Patxi López, cargou este martes contra a proposta do líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, de controlar con pulseiras electrónicas aos pirómanos. Nunha intervención no Congreso, replicou que “eses dispositivos os terían que portar algúns para saber onde estaban cando se producían os incendios”, en alusión a responsables autonómicos do PP, aos que acusou de non exercer as súas competencias en materia de prevención. “Se un goberna só para festexos, os problemas agrávanse”, criticou.

O portavoz do PSOE no Congreso, Patxi López, intervén nun acto na Coruña.. M. Dylan - Europa Press
O portavoz do PSOE no Congreso, Patxi López, intervén nun acto na Coruña.. M. Dylan - Europa Press

López afeou a Feijóo que a idea das pulseiras é unha máis das “50 ocorrencias” que presentou esta semana e instouno a “asumir responsabilidades en lugar de facer propostas sen fundamento”. Ademais, lembrou que o PP pediu a comparecencia urxente no Congreso de Pedro Sánchez e oito ministros, pero reprochoulles que esas explicacións xa se van dar no Senado a petición da propia oposición. “Tómanse a broma o Senado?”, preguntou, acusando os populares de querer facer só “ruído”.

Pola súa banda, a portavoz de Sumar no Congreso, Verónica Barbeiro, tamén criticou con dureza ao PP e acusouno de “abandonar as súas obrigacións, difundir bulos e sementar desconfianza entre institucións en lugar de colaborar”. Barbeiro responsabilizou aos presidentes autonómicos populares da falta de humanidade e transparencia na xestión dos incendios, lembrando que Feijóo estivo nove anos á fronte da Xunta sen impulsar medidas de prevención eficaces.

A deputada de Sumar ironizou sobre a proposta dun rexistro de pirómanos e considerou máis necesario “un rexistro de negacionistas climáticos e de quen recortan en prevención”. Ademais, advertiu de que España sofre xa “as consecuencias da precariedade laboral dos bombeiros e brigadistas” e pediu un pacto amplo coa comunidade científica, ONG e sociedade civil para facer fronte ao quecemento global, que cualificou como “o maior risco ao que se enfronta a nosa terra”.

DECLARACIÓN DE ZONAS AFECTADAS POR EMERXENCIA

O Goberno aprobará no Consello de Ministros deste martes a declaración de "zonas afectadas por emerxencia de protección civil" aos territorios que están a sufrir os incendios forestais, así como dará luz verde á creación dunha comisión interministerial de cambio climático, que se reunirá xa esta mañá ás 09,00 horas baixo o liderado do presidente do Goberno, Pedro Sánchez.

Ambas as medidas foron anunciadas polo xefe do Executivo durante as súas comparecencias en ocasión das visitas da semana pasada en Estremadura e Asturias, dúas dos territorios afectados polos incendios que en 2025 queimaron case 400.000 hectáreas en territorio español, segundo o Sistema de Información de Incendios Forestais da Comisión Europea (EFFIS, polas súas siglas en inglés) de Copernicus.

O ministro de Política Territorial e Memoria Democrática, Ángel Víctor Torrres, confirmou que tras a reunión do Consello de Ministros, tanto a vicepresidenta para a Transición Ecolóxica, Sara Aagesen, como o ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, anunciarán as primeiras axudas para responder as necesidades dos afectados. "A todos os que a precisen", avanzou nunha entrevista na 'Cadea Ser'.

Extinción do lume na estrada de acceso á poboación de Cualedro.. Rosa Veiga - Europa Press
Extinción do lume na estrada de acceso á poboación de Cualedro.. Rosa Veiga - Europa Press

A XUNTA PIDE QUE QUEDE A UME

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, remitiu unha carta á ministra de Defensa, Margarita Robles, na que concreta os medios que o Executivo autonómico considera que aínda son necesarios para facer fronte ás consecuencias da vaga de incendios: que siga a UME, infatería e maquinaria pesada militar.

Fontes do Executivo autonómico consultadas por Europa Press aseguraron que teñen a confirmación verbal de Robles de que contarán cos medios necesarios. De feito, a propia ministra xa afirmou o pasado sábado, nunha visita a Galicia, que UME e Exército de Terra seguirían despregados na comunidade o tempo que fose preciso.

No escrito de Calvo, ao que tivo acceso Europa Press, con data de este luns, o conselleiro explica que efectivos da Xunta e persoal do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) percorren as zonas máis danadas "co fin de avaliar riscos de erosión e escorrentías". Tamén destaca a colaboración do Exército, á vez que incide en "a importancia de manter o seu despregamento en Galicia", e engade que o apoio de unidades da UME é decisivo "ante as reproducións" que se dan "mentres non cambien as condicións meteorolóxicas".

VISITA REIS

Os reis realizarán o vindeiro xoves unha visita a zonas de Galicia afectadas na onda de incendios que arrasa o territorio desde hai dúas semanas e deixa xa máis de 88.000 hectáreas calcinadas, a maioría delas en Ourense, que continúa no nivel 2 de emerxencia.

Segundo informa Zarzuela, Felipe VI e Letizia desprazaranse a Galicia para coñecer os danos sufridos e necesidades dos veciños afectados, así como mostrar o seu agradecemento a todos os equipos que contribuíron a combater o lume. Con todo, a axenda prevista dos reis aínda non precisa a que lugares irán.

Á viaxe a Galicia séguelle a visita dos reis a Castela e León e Estremadura, o tres comunidades máis arrasadas polos lumes. Na xornada do mércores, desprazaranse ao Parque Natural Lago de Sanabria e Serras Segundera e de Porto (Zamora) e ao Parque das Medulas (León). O venres, viaxarán a Estremadura.

INICIATIVA DA RAÍÑA SOFÍA

Pola súa banda, a raíña Sofía tivo como iniciativa, a través da Fundación Reina Sofía, activar un fondo de emerxencia para contribuír á recuperación ambiental e social tras os incendios forestais rexistrados recentemente en distintas zonas de España.

Dotado inicialmente con 50.000 euros, este fondo destinarase principalmente a labores de reforestación na provincia de Ourense, nunha primeira acción. As principais tarefas ás que chegará a axuda son a reforestación, atención á fauna afectada e outras accións de recuperación ecolóxica, con especial atención a aqueles danos que habitualmente non están cubertos por seguros nin polos fondos de emerxencia das administracións públicas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Se visitan Oencia poderían entregarlle unha Carta coa localización das Concesións Mineiras e as zonas queimadas entre Valdeorras ~ Bierzo por se queren estudar o tema... A canteira está situada en Gestoso, área directamente afectada polo incendio de Oencia, a zona da canteira coincide con terreos queimados. A aprobación ambiental publicouse o 25 de agosto de 2025, mentres os incendios aínda estaban activos... mentras os informativos miran os lumes outros asinan negocios millonarios... Casualidades ? Ver o final da conversa con Grok https://x.com/i/grok?conversation=1...