Por Galicia Confidencial | Vilagarcía de Arousa | 06/09/2025 | Actualizada ás 13:00
O festival Revenidas de Vilaxoán, evento que terá lugar os días 11, 12, 13 e 14 de setembro, presentouse oficialmente este xoves 4 de setembro. No acto estiveron presentes, entre outras autoridades, o alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela; o Presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López; o secretario da Xunta en Pontevedra, Ramón Pereiro; e o director do Revenidas, Xoán Quintáns. Para amenizar a presentación, antes e despois das intervencións, participaron Gabri e Iñaki, cantante e guitarra de Dakidarría, interpretando dúas cancións do grupo: Linguas Ceibes e Terra.
Alberto Varela comentaba que "poucos eventos están tan apegados a un territorio como o Revenidas e Vilaxoán", mentres que Luis López afirmaba que este festival representaba tres conceptos: "descentralización, desestacionalización e sostibilidade", e salientou a "combinación de música, actividades e experiencias en torno ao mar".
Pola súa banda, o organizador e director do Revenidas, Xoán Quintáns, destacou o feito de que o festival propón un ano máis "unha programación diversa e inclusiva, moi na liña do que sempre foi o Revenidas", ao tempo que subliñou a "aposta polo talento galego".
Quintáns lembrou que para o pobo de Vilaxoán o epicentro do Revenidas segue sendo a sardiñada popular que se celebrará o domingo 14 "porque aí foi onde naceu o festival", e subliñou que este evento enche Vilaxoán "de tradición, cultura e música" convertíndoo "nunha experiencia que busca poñer en valor a nosa cultura e as nosas tradicións mariñeiras".
ACTIVIDADES PARALELAS
Unha das propostas complementarias coas que contará o Revenidas 2025 está a celebración de concertos a bordo dun barco, actividade que ademais ten por obxecto a promoción turística e que se fai posible grazas a Turismo Rías Baixas e a Deputación de Pontevedra. Trátase de pequenos recitais en formato acústico e para un aforo máximo de 12 persoas que se ofrecen a bordo do barco Chasula navegando pola ría de Arousa.
O sábado 13 haberá concertos de Uxía (con saída do porto de Vilaxoán ás 13 h), Xisco Feijoó (15 h) e O Rabelo (17 h). Os concertos a bordo do domingo 15 correrán por conta de Dakidarría en formato “acustiquísimo” (13 h), Budiño (15 h) e Xabier Díaz (17 h).
As entradas para os concertos a bordo Arehucas poranse a venda o sábado 6 de setembro ás 10.00 horas co prezo de 30 € (+ gastos de xestión) e inclúe tamén unha degustación de produtos galegos durante a travesía.
SARDIÑADA E GALA DE CIRCO SOLIDARIA
O domingo 14 é un día grande para o Revenidas xa que é a xornada na que se celebra a gran sardiñada popular que foi a que deu orixe ao festival. Será no parque de dona Concha e con entrada libre. "A partir das 13:30 horas poderanse degustar as que posiblemente son as mellores sardiñas do mundo", comentan dende a organización. Os Terribles de Arousa, As do Xeito e a Mekánika Rolling Band animarán as rúas e a contorna do parque xa dende ás 12.30 h.
Trala sardiñada, ás 17.30 horas, tamén no parque Dona Concha, dará comezo a Gala de Circo Solidaria, con entrada de balde. As achegas voluntarias que se realicen terán como destino a axuda a Palestina. A Gala acollerá unha festiva sucesión de espectáculos de maxia, clown, música e circo protagonizados por varios dos nomes máis destacados da escena galega e catalá dos espectáculos de rúa, como é o caso de Peter Punk, Factoría de Subsistencia, Cris Collazo, Sempre Arriba, Sabela Galbán, Sonía García e Pau Segalés.
ROTEIRO E CATAS
O roteiro "Redescubre Vilaxoán", guiado por Xurxo Souto, é unha actividade con carácter previo ao programa festivo do Revenidas que permite coñecer a cultura, a música e a gastronomía da vila que acolle o festival. Será o mércores 10 ás 19:00 horas con asistencia de balde e 40 prazas dispoñibles.
Dende o xoves ata o sábado, o Revenidas tamén ofrece a posibilidade de gozar das Catas dos Sentidos que se desenvolverán no espazo de Paco & Lola no recinto do festival o xoves, venres e sábado. Os asistentes ás catas recibirán uns auriculares inalámbricos para poder escoitar á perfección as indicacións do sumiller sen que interfira o son dos escenarios. As entradas para as catas poden reservarse a partir das 10:00 h do venres 5 na web do festival.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.