Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 24/09/2025 | Actualizada ás 13:41
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, defendeu que a Comisión de Peticións da Eurocámara debería incluír as denuncias contra a instalación de Altri, a manipulación da CRTVG e a contaminación do encoro das Conchas, de forma que os colectivos afectados poidan intervir nas próximas sesións desta comisión.
"Que as plataformas e colectivos afectados poidan trasladar as problemáticas que afectan a miles de galegos só redunda no bo funcionamento da propia Comisión de Peticións", afirmou, lembrando ademais que nela xa foron escoitadas as vítimas do Alvia e da Vila de Pitanxo.
Ana Miranda espera que na reunión de coordinadores da comisión, que se celebrará ao longo desta mañá, os representantes dos diferentes grupos políticos do Parlamento Europeo dean o visto e prace para que estas peticións sexan tratadas nos próximos meses e a cidadanía galega poida trasladar estes problemas no Parlamento Europeo.
"Imos ver que fai o PP e que fai a extrema dereita desta Cámara, se volven estar aliados ou non, porque sería unha gravísima discriminación para Galicia", manifestou Miranda, en relación ás denuncias presentadas polos colectivos contrarios á instalación de Altri en Pas e polo Comité Intercentros da CRTVG, "rexeitadas varias veces polas manobras entre o PP e a extrema dereita".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.