Por E.P. | PONTEVEDRA | 27/09/2025 | Actualizada ás 16:05
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas anunciou a adxudicación, por un importe de 2 millóns de euros, das obras de reforzo de firme en tres estradas autonómicas da provincia de Pontevedra. O contrato foi concedido á empresa Construcións e Obras Taboada Ramos S.L.U. e será asinado nos próximos días, co inicio previsto das actuacións no mes de outubro.
Os traballos realizaranse en distintos treitos das estradas PO-402, PO-523 e PO-354, que discorren polos concellos da Guarda, As Neves, Mondariz, Oia, O Rosal, Pazos de Borbén, Ponteareas e Salvaterra de Miño.
Segundo informou a Xunta, as intervencións consistirán en fresados localizados, selado de fisuras e renovación da rodaxe, co obxectivo de mellorar a durabilidade e as condicións funcionais dos viarios.
Ademais, está prevista a reposicion de marcas viarias, a instalación de elementos de balizamento e seguridade viaria, así como a limpeza e reapertura de cunetas nos tramos afectados.
O proxecto conta cun prazo de execución de seis meses, polo que se estima que as obras estarán finalizadas na primavera de 2026.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.