Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/10/2025 | Actualizada ás 19:35
A Real Academia Galega (RAG) fixo un chamamento este sábado na X Xornada de Onomástica Galega, que se celebra no Museo de Pontevedra, a recoller os nomes propios do mar de transmisión oral, "un tesouro inmaterial que corre o risco de desaparecer".
A secretaria da Real Academia Galega, Ana Boullón, e o tamén membro do Seminario de Onomástica da RAG Gonzalo Navaza interviñeron na mesa inaugural xunto a María Anxos Tilve, directora do Museo de Pontevedra, e Rafael Domínguez, vicepresidente da Deputación de Pontevedra, en representación das dúas institucións que apoian esta actividade desde a primeira edición, celebrada no ano 2016.
"Con este encontro queremos recoñecer e visibilizar traballos de recollida dun patrimonio que é parte da nosa identidade como pobo, achegas de gran calidade que se están facendo e que poden servir de inspiración a outras persoas. Tamén é un recoñecemento aos mariñeiros, ás mariscadoras, aos percebeiros xa retirados que gardan na súa memoria os talasónimos tradicionais, que cumprían as funcións que hoxe realizan tecnoloxías como a do GPS", expuxo Ana Boullón.
Así mesmo, destacou que se as fontes orais son relevantes en calquera estudo de microtoponimia, "moito máis sono no caso dos nomes propios do mar". "Como non designan propiedades privadas que deban ser rexistradas no catastro, como sucede en terra coas leiras ou chousas, carecen a miúdo de tradición escrita", sinalou. Por este motivo, a investigadora Helena Domínguez, estudiosa do caso da Illa de Arousa e relatora do encontro, insistiu en que os esforzos deben centrarse agora na recollida de campo, mentres sobreviven as últimas xeracións que accederon ao caudal toponímico mediante a transmisión oral.
"Eu fixen recollidas que son xa irrepetibles porque as fontes morreron. Necesitamos xente con ganas de recoller nomes e ben preparada para facelo, que saiba preguntar e conversar coa xente maior", apuntou Xosé Lois Vilar, director da Sección de Arqueoloxía e Historia do Instituto de Estudos Miñoráns.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.