De como #GalizaIsNotSpain se converteu no tema máis popular en Twitter España

Nin o BNG nin En Marea nin ningún partido independentista estivo tras esta acción. Os seus impulsores foron @AldeansPartido, @TradutorGalego e @arrevesadovideo, tres usuarios que conseguiron facer deste o tema do que máis se falou o xoves na rede social do paxaro azul.

Por Alberto Quian | Santiago de Compostela | 02/09/2016 | Actualizada ás 16:16

Comparte esta noticia

11.44 horas do xoves 1 de setembro de 2016. A conta @AldeansPartido publica en Twitter unha fotografía en branco e negro dunha parella de persoas maiores sentadas nun banco na rúa e, ás súas costas, unha pìntada nun muro: "Galiza is not Spain" ("Galiza non é España"), lema que converten en hashtag. O chío acada 102 retweets e 106 "gústame". Pero non só iso, pronto se converte en trending topic (tendencia) en España, chegando mesmo a ocupar o primeiro posto dos temas máis populares nesta rede social entre as 16.00 e as 21.00 horas.

'Galiza is not Spain', pintada nun muro dunha rúa galega
'Galiza is not Spain', pintada nun muro dunha rúa galega | Fonte: @AldeansPartido en Twitter.

Contra o que moitos xornais estatais e de Galicia publicaron, e contra as especulacións de moitos usuarios de Twitter críticos con este hashtag, tras esta acción non estaban nin o BNG nin En Marea nin ningunha forza política independentista; nin sequera o PP ou calqueroutra organización de ultradereita, como se chegou a dicir, sorprendentemente. A idea xurdiu de tres usuarios de Twitter en galego: @AldeansPartido, @TradutorGalego e @arrevesadovideo. E do primeiro foi a honra de estrear esta acción que sacudiu Twitter, con este chío: 

A partir de entón, milleiros de chíos sucedéronse en galego, catalán, español, inglés...; a prol e en contra; serios, creativos, retranqueiros, ácedos, críticos, groseiros ou amorosos..., publicados dende toda Galicia, dende todo o Estado, dende todo o mundo. Milleiros de mensaxes e de rechíos que situaron a Galiza no centro do debate nesta nova esfera pública que son as redes sociais. O impacto foi tal, que #GalizaIsNotSpain chegou a acadar picos de 4.000 chíos estimados por hora. Só entre as 20.15 horas do xoves e as 02.15 deste venres, GC puido contabilizar, a través da API de Twitter, 11.200 chíos con este hashtag, é dicir, 1.866 por hora, o cal fala do impacto desta etiqueta, tendo en conta ademais que a partir da media noite a actividade en Twitter tende a decaer.

GC preocupouse por coñecer cando, como, por que e de quen xurdiu esta iniciativa, até chegar aos seus verdadeiros autores, que nada teñen que ver co relato orquestrado dende moitos medios españois e algúns galegos. E tras identificalos, falamos co autor da conta @AldeansPartido.

Evolución estimada do número de chíos coa etiqueta #GalizaIsNotSpain.
Evolución estimada do número de chíos coa etiqueta #GalizaIsNotSpain.

"Levábamos un tempo coa idea de poñer unha serie de chíos que tivesen o mesmo hashtag; algo que involucrase os usuarios galegos de Twitter co fin de fomentar a nosa lingua na rede", explícanos o responsable de @AldeansPartido, quen recoñece que a intención era tirar da retranca que acostuman usar nas súas contas. "Usar o cancelo #GalizaIsNotSpain dábanos pé a poñer chíos que comparasen as diferentes idiosincrasias galega e española, coa oportunidade de facer sátira política e de xerar controversia entre o resto de usuarios", argúe.

A intención, polo tanto, foi "usalo como unha forma de reivindicar a nosa identidade dende a retranca e tentando difundir os primeiros chíos que ían incluindo o noso hashtag. E a partir de aí, todo foi medrando, ata que vimos un chío que poñía que eramos tendencia en Terrassa, e decatámonos da magnitude", continúa.

"Fainos graza ver que nalgún medio se fala de campaña orquestrada polo independentismo, cando só usamos Twitter pra botar unhas risas"

Galicia, Cataluña, Madrid, Valencia... Unha tras outra foron caendo baixo o dominio de #GalizaIsNotSpain, até viralizarse por todo o Estado e alén. E non tardaron os medios de información estatais e galegos en dar conta do que estaba acontecendo. Pero o seu relato cinguiuse a describir as leas que se estaban producindo entre usuarios a prol do hashtag —na súa maioría galegos e catalás— e os detractores, na súa maior parte de rexións castelás e que se valeron en moitas ocasións de mensaxes e tópicos españois ofensivos cara os galegos. E ao mesmo tempo, boa parte destes medios e dos usuarios críticos vincularon a campaña a grupos políticos independentistas, argallando unha nova teoría da conspiración. Pero o certo é que nada diso había. Ou cando menos así nolo contan os seus autores: "Fainos graza ver que nalgún medio se fala de campaña orquestrada polo independentismo, cando só usamos Twitter pra botar unhas risas", dinnos os responsables de poñer en marcha esta iniciativa, cuxo enorme impacto lles "sorprendeu moito". "Nós só puxemos o cancelo nun feixe de chíos, o resto chegou só", engaden.

Se houbo algún tipo de conspiración arredor deste hashtag, os seus autores cren que só puido vir dun lado, o dos medios: "Eu penso que os xornalistas deses medios se informaron ben sobre onde viña o hashtag, pero ó mellor préstalles máis publicar o da campaña independentista", especula o autor de @AldeansPartido a teor do publicado en moitos xornais.

Sobre a elección da etiqueta, contánnos que "o hashtag en inglés foi decisión de última hora, ao recordar que nun dos nosos vídeos de @arrevesadovideo había imaxes dunha faixa en Riazor con ese mesmo texto, durante o partido Galiza-Venezuela. Non ten demasiada explicación; o caso é que co éxito que tivo, as críticas que teña non importan nada".

Durante a mañá deste venres tamén saltou entre as tendencias máis destacadas en Twitter a etiqueta #GaliciaIsNotSpain, pero non chegou a acadar o mesmo impacto que #GalizaIsNotSpain e pronto desapareceu da lista de trending topics. Preguntados se tiñan algo que ver con esta variante, os autores coméntannos que "o de #GaliciaIsNotSpain foi cousa da propia rede; nós non chiamos nada con ese hashtag".

E sobre a fotografía elixida para o primeiro chío, xa fora usada anteriormente por @AldeansPartido "durante un debate electoral", e "xa daquela tivo bastante éxito", recoñece o seu autor, quen engade: "Como publico moitas cousas do rural, o contraste dos señores no banco coa pintada detrás gustoume. Mais non lembro de donde a saquei, supoño que a atopei no Google. É unha foto que sempre teño por aí gardada".

Esa foto foi a primeira publicación desta acción, "pero os chíos de @TradutorGalego sobre o espolio a Galiza e os vídeos de @arrevesadovideo que soen ter moito éxito foron clave pra que o hashtag fóse como pólvora", salienta por último o responsable de @AldeansPartido.

E así foi a historia dun hashtag que colocou a Galiza no centro do debate público en Twitter. Velaquí agora, ordeados cronoloxicamente, algúns dos chíos orixinais que publicaron os autores desta campaña (podes facer scroll cara abaixo para ver os contidos).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 18 comentarios

3 arzuacapital

home, a Marea fixo que non

1 Comunista

E o BnG aínda menos. Lembra que dende o BnG sempre se purgou, expulsou, e até se delatou diante das forzas de ocupación españolas a calquera abrollo de independentismo organizado. A última foi a propia candidata Poltrona pedindo man dura contra militantes independentistas galegas: http://www.diarioliberdade.org/gali...

2 Galego

Claro comunista imos por bombas por ideoloxía política, iso nom é defendible, preguntalle os presos independentistas galegos de quen reciben apoio, da marea??? Jajajajaja a quen chamou a declarar a AN nos procesos dos presos independentistas???? A Marea?????

3 comunista independentista

A quen vai chamar a AN a declarar? Pois aos chivatos! No caso de Galiza, aos sipaios do Bloque.

4 contraprovocadores

M. Lareu "Chovi", auténtica alimaña provocadora que habita na FPG pero podería facelo en calquera forza de choque fascista. Agochase baixo os alias "comunista" e "comunista independentista". A súa función é habitualmente provocar confronto en base a feitos que non viviu, curiosamente cando moitos dos protatonistas históricos de certos relatos que conta non teñen problema en se relacionaren con normalidade. Era ben que na súa organización lle dean un correctivo serio, pois probabelmente non exista hoxe ninguén que fomente tanto o odio e violencia entre forzas políticas coma el agás ultradireitistas, infiltrados ou enfermos.

5 Ulrike M

Os efepegallos "fomentan odio e violencia". Qué malos. Non son coma os de Benito Troleada Bloqueira que fomentades paz, amor e concordia.

2 Juas

A Marea dificilmente vai apoiar nada diso cando esta composta por garantes da unidade de España e encabezada por un xuíz constitucionalista do 78. Bo intento de "poderían ter sido eles"

1 comunista independentista

De como as posicións independentistas se poden desenvolver con naturalidade en Galiza sempre que non as reprima o trío Zarzuelas-UPyG-Bloque, como levan facendo dende hai 4 décadas.

1 GALEGO NON EXPAÑOL

coma van ser independentistas os de merdeyha de podreiros... cando son EXPAÑOLISTAS, EXPAÑOLISTAS, EXPAÑOLISTAS!!!

2 indepe patriota español

Home o comunista independentista que apoia aos garantes da unidade de España e á testigo de Xehová asesorada polo que foi da Falanxe "buena". Toma unha pastilla home

3 Comunista_calazista

Oes, comunista _independentista e a tí non che molesta que o galego estea discriminado nas escolas? Só che molesta o BNG?