Méndez insta a Sestayo a "empezar a conxugar o verbo dimitir" e esta replica que sempre foi rexeitada por militantes

A concelleira do goberno de Ferrol asegura que se decatou pola prensa que se iniciaron os trámites para expulsala do PSOE

Ferrol | 21/10/2016 | Actualizada ás 19:20 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A concelleira ferrolana Rosa Méndez instou á secretaria xeral do PSOE en Ferrol, Beatriz Sestayo, "a empezar a conxugar o verbo dimitir en todos os seus tempos" tras asegurar que se decatara polos medios de comunicación que a executiva desta cidade solicitara ao comité federal do PSOE a súa suspensión de militancia.

"Non debo de ser unha militante de primeira cando me decato de todo pola prensa. Eu estou no mesmo proceso que hai tres semanas, cando solicite mediación ao partido e continuo nesa liña e adaptándome aos órganos superiores", afirmou.

A concelleira do grupo dos non adscritos en Ferrol, xa que se presentou pola lista do PSOE e tras a rotura do pacto con Ferrol en común decidiu manter as súas competencias de goberno, opinou que supón "que a executiva está máis nunha liña persoal e ferrolana, tomaron unha decisión e non teño nada máis que dicir, adiante con ela".

A preguntas dos medios de comunicación Méndez asegurou que dos órganos superiores do partido "algo" sabe. "Pero eu non son como outras persoas que queren estar todo o día na prensa, eu intento pasar un pouco máis desapercibida", abundou.

A integrante do goberno de Jorge Suárez tamén acusou a Beatriz Sestayo de "estar a levar problemas orgánicos ante a prensa en beneficio propio". "Algo que me parece unha deslealdade ás siglas, ademais de pouco serio, mentres que outros nos dedicamos a estar nun segundo plano en lugar de estar a ocupar portadas, xa que estimo que as cousas se deben de levar por outras canles e ámbitos", sostivo.

ASEMBLEA EXTRAORDINARIA

Por outra banda, Rosa Méndez tamén se referiu á asemblea xeral extraordinaria convocada polo PSOE de Ferrol este xoves, 20 de outubro, para debater e consensuar unha proposta para levar o comité federal do próximo domingo en Madrid.

"Foi unha asemblea moi normal e cunha militancia moi próxima á posición unánime e que ao final se nos prohibe votar como se fixo no 80 por cento das asociacións galegas", explicou.

Méndez incidiu en que a asemblea de Ferrol "xa foi un pouco atrasada" con respecto á convocada nas doutras localidades galegas e que, dende o seu punto de vista, "sentir da asemblea foi votar non" á hipotética investidura de Mariano Rajoy, trasladando que ao final desta "cando os militantes quixeron votar, impediúselles".

RESPOSTA DE SESTAYO

Pola súa banda, a voceira do Grupo Municipal do PSOE no Concello de Ferrol e secretaria xeral deste partido nesta cidade, Beatriz Sestayo, saíu ao paso destas declaracións. "Parece curioso que para Rosa Méndez quen ten que dimitir é a que é elixida polos seus compañeiros", dixo.

Ademais, estimou que supón "que será un desexo de Jorge Suárez do que Rosa Méndez é leal trasmisora". "Dimitirei ou tomarei as decisións como fixen sempre con todos os cargos que ocupei, onde fun elixida polos meus compañeiros militantes en asemblea", sinalou e remarcou que "a historia persoal de cada un é coñecida e, lamentablemente, todas as veces que Rosa Méndez se presentou nunha asemblea para diferentes cargos sempre foi rexeitada polos seus compañeiros".

Con respecto ao inicio do expediente para a suspensión de militancia de Méndez do PSOE, Sestayo trasladou que a que foi a súa compañeira de lista electoral "está fóra do grupo municipal socialista tras optar por permanecer no goberno, fronte aos compañeiros que o alcalde Jorge Suárez botou deste" en lugar de "ser solidaria con disciplínaas do partido, coas siglas e cos votantes socialistas que nos deron o seu apoio nas urnas".

A líder do PSOE en Ferrol tamén trasladou que "cada un ten as súas prioridades e as deste grupo e partido socialista é servir á cidadanía mentres que outras prefiren outros intereses que prefiro non cualificar".

DEBATE DE MILITANTES

Beatriz Sestayo tamén se referiu á asemblea extraordinaria criticada por Méndez. "A pesar de que aínda non se nos trasladou a pregunta que se nos vai formular os membros do comité federal, decidimos convocar unha asemblea extraordinaria para coñecer a opinión dos militantes e na que todos puideron emitir libremente o seu sentir", comementou.

A política ferrolana asegurou que nesa asemblea se foron "pronunciando con respecto ás distintas posibilidades que están a saír estes días á espera dese documento que se está a tratar de consensuar". "E comprometémonos a informar á militancia de todos os pasos que se dean de aquí ao domingo", concluíu.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta