SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/12/2016 | Actualizada ás 17:20 por EUROPA PRESS
O presidente do Parlamento, Miguel Santalices, participou este venres en Ordes (A Coruña) na estrea do documental 'Isabel Zendal, a enfermeira que cambiou o rumbo do mundo', que rescata a figura desta galega, considerada pola OMS como a primeira enfermeira da historia en misión internacional.
Nacida en Santa Mariña de Parada, en Ordes, Isabel Zendal Gómez era, ata agora, a grande descoñecida da Real Expedición Filantrópica da Vacina, financiada polo rei Carlos IV e que zarpou do porto da Coruña en 1803 para levar a vacina da varíola a América e Asia.
Miguel Santalices destacou que as referencias a esta enfermeira eran "escasas" a pesar de que "ela foi a responsable directa do máis prezado daquela aventura: prestar todo tipo de coidados aos nenos que portaban a vacina nos seus propios corpos. Se eses coidados non fosen efectivos nada sería posible".
A OMS recoñece dende 1950 a Isabel Zendal como a primeira enfermeira da historia en misión internacional e o Premio Nacional de Enfermaría de México leva o seu nome, entre outros recoñecementos.
"INXUSTAMENTE IGNORADA"
Non obstante, en Galicia e en España, esta profesional foi inxustamente ignorada durante máis de dous séculos, xa que nin entón nin agora se recoñeceu o verdadeiro alcance de fazaña, única en mundo,", dixo Santalices.
Unha recente investigación do historiador e xornalista Antonio López Mariño sacou á luz moitas das incógnitas que rodeaban a traxectoria vital de Isabel Zendal e a última edición dos premios Enfermería en Desenvolvemento recoñeceu o labor desta muller a través dun premio recollido polo alcalde de Ordes.
Con actos como o deste venres pon "un chanzo na recuperación da figura histórica dunha das grandes heroinas" de Galicia, dixo Santalices, que lamentou que "con frecuencia" a sociedade se "enrede en discusións absurdas, enxalzando o negativo e enterrando no esquecemento feitos dignos da máxima consideración".
"Que Galicia ocupara, a través da figura de Isabel Zendal, un papel protagonista na historia de América, e tamén de Asia, constitúe un feito excepcional, digno de figurar en todos os libros de historia e, por suposto, débenos de encher de satisfacción como pobo", resolveu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.