A rampla mecánica da Gran Vía de Vigo

Able Caballero pretende instalar unha rampla mecánica onde xa hai un autobús, incumprindo a Lei de Economía Sostible.

Por Horacio Vixande | Vigo | 30/12/2016

Comparte esta noticia

O alcalde de Vigo, Abel Caballero (PSOE), vén de anunciar a construción dunha rampa mecánica na Gran Vía de Vigo –no treito do Corte Inglés, desde desde a rúa Urzáiz ata a praza dos Cabalos. Esta infraestrutura serviría para que os viandantes podan percorrer este tramo de 650 metros en dous minutos e medio. Para pasmarse, como se fósemos millonarios!

En realidade, eses dous minutos e medio que promete o alcalde é o que se pode tardar en cruzar a rúa Gran Vía en sentido transversal, segundo o sentido no que se trate (de este a oeste ou ao revés), o que implica que case sempre haxa que deterse en tres semáforos distintos. Parece unha brincadeira pretender que tardemos en subir os 650 metros de rúa no mesmo tempo que nos custa cruzar os 20 metros de ancho que ten esa rúa.

Segundo afirma Abel Caballero, o investimento corre a cargo unha subvención de 15 millóns de euros procedentes do ministerio de Facenda para levar adiante unha “Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado (EDUSI) do Concello de Vigo”. Neste documento, aparecen tres mencións á rúa Gran Vía; a principal delas di: “situamos a nosa área de intervención no centro de Vigo, desde o monte do Castro como punto neurálxico do centro de Vigo, agrupando o eixo Gran Vía como eixo vertebrador da cidade e até o Centro histórico e a zona portuaria e de estación da AVE como alicerces turísticos e comunicativos da cidade”, mais en ningún momento se menciona a instalación de aparellos mecánicos nesa ou noutra rúa.

Si existe un documento do concello de Vigo que menciona en varias ocasión á Gran Vía e os planos de mobilidade a aplicar nesa rúa. Trátase do Plano de Mobilidade Urbana Sostible de Vigo, que se aprobou en 2014, sendo alcalde Abel Caballero. Neste plano si se aborda a necesidade de “reconfigurar pasos de peóns en zig-zag, intentando canalizar o fluxo transversal de peóns polos novos pasos, que terán un tránsito peonil máis fluído que os actuais” e insístese na necesidade de reforzar as frecuencias do autobús urbano e crear un carril bus. Nunca se fala de aparellos mecánicos nesa rúa.

O Plano de Mobilidade Urbana Sostible de Vigo afirma que “cumpre de forma ampla os criterios, obxectivos e contidos regulados prescritos nos artigos 99, 100 e 101 da lei 2/2011 do 4 de marzo, sobre Economía Sostible”. Precisamente no artigo 100.4 da lei de Economía Sostible sinálase que se deben “fomentar os medios de transporte de menor custo social, económico, ambiental e enerxético, tanto para persoas como para mercancías, así como o uso de transporte público e colectivo e outros modos non motorizados”.

Pois ben, na rúa Gran Vía de Vigo xa existe un medio de transporte público e colectivo como é o autobús urbano, que ademais está subvencionado no caso dos colectivos máis desfavorecidos. A ver como xustifica o alcalde vigués a instalación dunha rampla mecánica onde xa hai un autobús. Tamén me gustaría ver os números que demostran que os custe de instalación e mantemento é o “menor custo social, económico, ambiental e enerxético”, en comparanza co autobús, como obriga a lei 2/2011. Se non é así, e rematan por instalar a devandita rampla, pregúntome se iso non e malgasto de cartos públicos e se non hai ninguén na Xustiza que vexa a posibilidade dun delito.

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Horacio Vixande Horácio Vixande, xornalista, traballou na correspondencia da TVG en Vigo nos 90, foi xefe de prensa do Real Club Náutico de Vigo e e durante máis dunha ducia de anos redactor d'A Nosa Terra. Na actualidade dirixe O Cartafol, a primeira revista en galego para Ipads e outras tabletas.