Pobreza e clase traballadora

Pouco antes das datas de Nadal xurdiu unha polémica debido ao fracaso da recollida de alimentos organizada por unha ONG no Congreso dos Deputados. Non sería preocupante se quedase no plano simbólico, pero a tenor dos datos publicados recentemente sobre a pobreza, a falta de resposta e de recursos dos distintos gobernos para atallar esta problemática parece ser unha constante.

Por Patricia Grela González | A Coruña | 13/01/2017

Comparte esta noticia
As accións contra a desigualdade e a pobreza aparecen convertidos en meros slogans políticos que se sacan a pasear en campaña, pero que á hora da verdade quedan abandonados nun caixón a falta de dotación orzamentaria.
 
Durante a etapa de esplendor económico español, o discurso predominante do modelo de crecemento infinito guiaba todas as decisións políticas. A política social tan só era posible con grandes niveis de emprego e beneficios. Nembargantes, nesta etapa os magníficos datos macroeconómicos non facían máis que ocultar unha realidade de vulnerabilidade estructural. Renunciamos a unha ocasión histórica de crear e consolidar un modelo integral de protección social que fose quen de controlar e reducir os riscos derivados dun sistema desigual. 
 
Neste cambio social marcado pola crise económica perdemos todas aquelas conquistas sociais logradas polos nosos antecesores. Deixamos de ter dereitos para ser simples números nunha folla de custos e a crer o discurso neoliberal da meritocracia, aquel que nos convenceu de que con esforzo o éxito sería noso. 
 
Hoxe o emprego, lonxe de ser unha das mellores formas de loitar contra a vulnerabilidade, converteuse nun espazo de perda económica e social onde a explotación e a redución de salarios é unha constante; o acceso a dereitos e servizos públicos que funcionaban como instrumentos fundamentais contra a desigualdade (sanidade, educación, dependencia, bolsas...) é cada vez máis restrinxido para as persoas que o precisan.
 
O novo discurso que marca a axenda política desde fai uns cantos anos é o da austeridade e por experiencia sabemos que esta non é neutral. A pesar de estar máis que demostrado que estas políticas xeran exclusión e pobreza, os grandes gobernos seguen insistindo porque o seu obxectivo é salvar un sistema capitalista que ten como síntoma a desigualdade que el mesmo produce.
 
Cos gobernos e o gran poder empresarial loitando por conservar este sistema inxusto, parece cada vez máis urxente recuperar unha forza que empurre á representación política a traballar polos nosos dereitos contra os lobbies e o poder do capital. Falo de volver a construír un movemento de traballadores e traballadoras, unha forza popular que logre o cambio social que vimos desexando e que facelo só desde as institucións é insuficiente. A única forma de recuperar e conquistar dereitos é estar unidas, formadas e fortes para esixir o que nos pertence na rúa e nos parlamentos. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Patricia Grela González Chámome Patricia Grela González e teño 26 anos. Nacín na Coruña e vivo actualmente en Arteixo, onde colaboro activamente no Círculo e pertenzo ao Consello Cidadán Municipal. Son Diplomada en Educación Social e creo firmemente en que a educación é a ferramenta para mellorar a sociedade e as persoas. Formeime do campo da Educación para a Paz e o Desenvolvemento, o consumo responsable e a Educación Ambiental. Actualmente, colaboro con Cruz Vermella no ámbito das persoas maiores, familias con dificultades sociais e infancia, aprendendo de técnicos especializados en intervención social.