Susana Baltar e o caciquismo do PSOE

O clientelismo político que despregou Susana Díaz nas primarias socialistas púxose de manifesto ao ter menos votos que avais

Por Horacio Vixande | Vigo | 29/05/2017

Comparte esta noticia

Os dous principais candidatos nas eleccións primarias do PSOE concibiron o proceso como uns comicios a dúas voltas, o que desvirtuou o significado deste tipo de votación e puxo de manifesto as vergoñas do partido socialista, que se mostrou como unha organización clientelar de tipo baltariana.
O feito de que a presentación de avais para concorrer ás eleccións primarias socialistas requira dun mínimo, pero que non estableza un máximo, en principio non ten porqué provocar ningunha disfunción, mais neste caso levou sobre todo a Susana Díaz e en menor medida a Pedro Sánchez a pór en marcha unha maquinaria electoral que consistiu na mobilización do aparato político para tratar de converter o proceso de recolleita de avais nunha primeira volta que decantase de forma definitiva as primarias no seu favor.
Hai que matizar, porén, que as intencións dunha e doutro non eran as mesmas, xa que Pedro Sánchez estaba máis preocupado por chegar ao día das primarias dunha peza, o que o obrigaba a dar unha réplica contundente a Susana Díaz e evitar así a sensación de que, cos avais, todo estaba decidido.
Mais non se trataba nunha primeira volta por canto a militancia socialista prestaba o seu aval a unha candidatura de forma pública, no canto de emitir un voto secreto que, precisamente, distingue os procesos democráticos.
E dado que Susana Díaz pretendía deixar resoltas as primarias na recollida de avais, ela e o aparato do partido lanzáronse a unha campaña de recollida de avais que resultou moi numerosa, aínda que quedou eclipsada polo número de avais alcanzados por Sánchez, que non a superaba en número mais que representaba unha ameaza porque lle anda perto.
Posteriormente, o secreto do voto puxo a cada quen no seu lugar e deulle a vitoria a Sánchez. Máis significativo, aínda, foi o feito de que Susana Díaz conseguiu menos votos que avais e que esta circunstancia produciuse xusto onde ten poder, é dicir, onde pode castigar aos militantes díscolos –aqueles que prestaron o seu aval a Sánchez. A militancia andaluza cunha man asinaba o aval a Susana Díaz e coa outra votaba por Pedro Sánchez. Poucas veces o clientelismo político móstrase tan diáfano, aínda que na Galiza esteamos afeitos a velo.
Se o aparato político do PSOE e a súa frustrada lideresa fosen máis listos, non tratarían de converter o proceso de recollida de avais nunha primeira volta, co que evitarían dar a imaxe de caciques. Mais, como non é así, ao PSOE máis lle valía limitar tamén o número de avais a presentar nunhas primarias. Así veríamos menos o parecido co PP.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Horacio Vixande Horácio Vixande, xornalista, traballou na correspondencia da TVG en Vigo nos 90, foi xefe de prensa do Real Club Náutico de Vigo e e durante máis dunha ducia de anos redactor d'A Nosa Terra. Na actualidade dirixe O Cartafol, a primeira revista en galego para Ipads e outras tabletas.