“A enerxía eólica en terra é unha das renovables con menor creación de emprego directo”

Un estudo do Departamento de Enxeñaría Industrial da Universidade da Coruña demostra que as centrais de enerxías renovabes como a fotovoltaica, a biomasa, a minihidráulica e a térmica de alta temperatura xeran máis empregos directos que as plantas de enerxías convencionais. Con todo, a eólica 'onshore' é das que menos postos de traballo xeran.

Por Alberto Quian | Santiago de Compostela | 16/08/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Investigadores do Departamento de Enxeñaría Industrial da Universidade da Coruña (UDC) veñen de presentar un novo modelo analítico para avaliar o emprego directo xerado polas centrais eléctricas renovables e non renovables. O obxectivo é axudar ao proceso de toma de decisións no campo da política enerxética. Os resultados demostran que "algunhas centrais renovables, como a fotovoltaica, a biomasa, a minihidráulica e a térmica de alta temperatura, seguen sendo as opcións con maior xeración de emprego directo". Con todo, o estudo tamén demostra que "non todas as enerxías renovables presentan unha alta xeración de emprego directo", sendo a eólica onshore (en terra) unha das alternativas "con menor creación" de postos de traballo. Ademais, comprobouse que "as alternativas non renovables poden competir coas súas contrapartes renovables baixo certas condicións".

Eólicos na serra do Xistral
Eólicos na serra do Xistral | Fonte: USC.

O novo modelo probabilístico e analítico desenvolvido polos investigadores da UDC avalía o emprego directo xerado polas centrais eléctricas ao longo dos seus ciclos de vida, desde a súa instalación e posta en marcha e mantemento, ata a etapa de desmantelamento. Para representar a maioría de rexións e países de todo o mundo, o modelo proporciona unha visión global, xeral e probabilística para todos os tipos máis comúns de centrais eléctricas. A creación directa de emprego expresouse por unidade de electricidade producida ao longo da vida útil da planta, mediante un proceso de normalización, é dicir, en anos de traballo por gigawatt por hora (GWh).

Os expertos avaliaron 19 alternativas. Cinco delas clasificáronse como centrais non renovables: carbón, lignito, petróleo, gas natural e enerxía nuclear. E o resto foron enerxías renovables: eólica onshore e offshore, fotovoltaica, minihidráulica, biomasa, enerxía solar térmica de alta temperatura, híbrido solar térmico de alta temperatura que utiliza gas natural ao 10%, 15%, 20% e 25% respectivamente, presas de marea, correntes de mareas, enerxía das ondas do mar e grandes plantas hidroeléctricas.

As enerxías renovables obtiveron, en conxunto, valores de xeración de emprego directo de arredor de 0,1 a 4 anos-traballo/GWh, mentres que para as plantas de enerxías non renovables foi de aproximadamente 0,1 a 2,4 anos-traballo/GWh.

O novo método de avaliación presentado demostrou que "non todas as enerxías renovables presentan unha alta xeración de emprego directo". Por exemplo, as dúas opcións de menor rendemento entre todas as analizadas —a hidroeléctrica de gran tamaño e as presas de mareas— son tecnoloxías renovables.

Os autores estiman que "a xeración de emprego directo das enerxías renovables menos maduras (por exemplo, a corrente de mareas e a enerxía das ondas) seguirá probablemente diminuíndo no futuro. Con todo, cren que "é difícil ou mesmo imposible predicir se seguirán tendo un rendemento superior ao das tecnoloxías restantes que actualmente teñen os resultados máis baixos en termos de creación directa de emprego".

Porén, e segundo os resultados acadados con este novo método, "algunhas das enerxías renovables máis maduras, como a fotovoltaica, a biomasa ou a minihidroeléctrica, e algunhas das menos maduras como a corrente de mareas e a enerxía das ondas seguen sendo as tecnoloxías con maior xeración de emprego directo". Con todo, matizan, unha tecnoloxía tan popular como a eólica en terra, "a pesar de ser unha opción renovable, está preto das centrais eléctricas non renovables coa menor creación directa de emprego".

Os datos tamén mostran que "as alternativas non renovables poden competir coas súas contrapartes renovables baixo certas condicións". E entre estas útimas, "as centrais eléctricas de lignito obtiveron os mellores resultados".

A partir dos resultados acadados, a conclusión xeral é que "a incerteza xoga un papel chave cando as centrais eléctricas se comparan e avalían desde o punto de vista do emprego".

EÓLICAS

A febre das eólicas tamén afecta a Galicia, onde, segundo a Asociación Eólica Empresarial, existen 160 parques distribuídos por todo o territorio galego. E a súa proliferación non cesa, non sen polémica polo seu impacto paisaxístico e ambiental. De feito, dous novos proxectops eólicos de Gas Natural Fenosa están no punto de mira dos ecoloxistas. A propia compañía anunciou o pasado 30 de xuño o investimento de 200 millóns de euros en Galicia para desenvolver parques eólicos que sumarán una potencia total instalada de 200 MW. A propia compañía dixo que estes novos proxectos "implicarán a creación de 500 postos de traballo, directos e indirectos, no horizonte temporal 2017-2019".


Parques distribuídos por todo o territorio galego, segundo a Asociación Eólica Empresarial | Fonte: AEE.

Os novos proxectos eólicos proxectados por Gas Natural Fenosa, na Costa da Morte, moi criticados por asociacións como Salvemos Cabana, Petón do Lobo, Arcoiris ou a Sociedade Galega de Historia Natural, son o de Pena Forcada-Catasol II, en Laxe, e o de Mouriños, en Cabana de Bergantiños e Zas.

A creación de emprego é un dos argumentos pilares de Gas Natural Fenosa para soster os proxectos eólicos ante a opinión pública. O certo é que o método de avaliación desenvolvido polo Departamento de Enxeñaría Industrial da Universidade da Coruña sitúa os parques eólicos onshore non só entre as alternativas renovables con menor creación de emprego directo, senón tamén como "unha das opcións con menor xeración de emprego directo, en xeral", lonxe doutras alternativas con maior rendemento. De feito, "para todos os parámetros estatísticos, a eólica en terra está preto das alternativas non renovables cos resultados máis pobres", detallan os investigadores.

"É unha crenza común que as enerxías renovables xeran máis traballo que as plantas non renovables", pero no caso da eólica onshore, ao tratarse dunha "tecnoloxía suficientemente madura", os investigadores acharon que "a súa eficiencia nos procesos de construción, instalación e fabricación é considerablemente elevada, polo que non é necesaria unha forza de traballo intensiva".

Os niveis de xeración de emprego directo da eólica en terra é "similar ás centrais de carbón, gas natural e nuclear, excluída a fase de desmantelamento", engaden os responsables do estudo.

Porén, a outra alternativa eólica, a offshore (no mar), a cal aínda non foi desenvolvida en Galicia, "obtivo resultados mellores que a opción da tecnoloxía terrestre", sublíñase no estudo. Por que? Porque "as actividades de construción, instalación e desmantelamento que se realizan requiren un número maior de empregados". 

Con todo, o máximo pico creación de emprego na eólica offshore "está lonxe dos valores máis altos" acadados por outras alternativas renovables, sendo "pouco probable" que acade unha xeración de emprego directo por enriba de 1,15 anos-traballo/GWh, dise no estudo.

Se a eólica onshore se atopa entre as menos favorables para a creación de emprego directo, a offshore atópase nunha "posición intermedia entre as alternativas renovables de maior rendemento (fotovoltaica e biomasa) e as non renovables", esclarecen os investigadores da UDC.

Cabe salientar que contra a expansión masiva de parques onshore en Galicia, a eólica offshore só existe de momento en proxectos sobre o papel. Recentemente, un equipo do Centro de Engenharia e Tecnologia Naval e Oceânica (CENTEC) do Instituto Superior Técnico de Lisboa publicaba un estudo sobre a viabilidade dun parque eólico mariño en Galicia, en fronte de Ferrol. Sería o primeiro en augas galegas.

Por outro lado, investigadores das universidades de Santiago de Compostela e Plymouth (Inglaterra) propuxeron máis recentemente para Burela outra alternativa de renovables mariñas: a creación da primeira granxa de ondas en Galicia para explotar a enerxía undimotriz (a producida polo movemento das ondas do mar).

EFICIENCIA

Para concluír, os autores aclaran que para producir a mesma potencia que xeran as centrais eléctricas de maior capacidade necesítanse un gran número de plantas de menor capacidade. Neste sentido, as plantas de enerxía renovable adoitan ter capacidades instaladas máis baixas que as súas contrapartes non renovables. Nestas plantas, cunha vida útil reducida, a instalación terá que ser substituída antes, é dicir, "a xeración de emprego asociada ás actividades de construción, instalación e desmantelamento distribúese nun período de tempo máis curto e, por tanto, a través dunha menor produción de electricidade", explican os investogadores, que estiman que "estes factores conducen a valores máis altos para os anos de traballo/GWh e explican por que a maioría das enerxías renovables obteñen resultados de maior rendemento".

Mais contra o que algún analistas puidesen interpretar, os investigadores da UDC subliñan que "unha maior xeración de emprego por produción de electricidade pode considerarse menos eficiente". Ou dito doutro xeito: "A maioría das enerxías renovables son menos eficientes por traballador que as súas contrapartes non renovables".

Tanto é así, que mesmo aseguran que "unha maior xeración de emprego directo pode ser, nalgunhas ocasións, contraproducente". Por exemplo, "a instalación dun parque eólico nun lugar equivocado xerará maiores resultados en termos de xeración de emprego por GWh que instalalo nun adecuado, xa que a cantidade de electricidade producida será menor mentres que o número de traballos será o mesmo en ambos os casos", clarifican. Con todo, recoñecen que "é obvio que isto non ten sentido". Na mesma liña, "a redución do factor de capacidade dunha planta de enerxía para obter resultados de maior rendemento na xeración de emprego por unidade de produción é tamén un disparate", din.

Isto, proseguen, non significa que non existan casos reais nos que dúas ou máis centrais do mesmo tipo e tecnoloxía, con capacidade similar e instaladas en diferentes zonas, poidan presentar factores de capacidade moi diferentes por diversas razóns, como poden ser a escaseza de recursos, decisións políticas, etc. Circunstancias potenciais, que, din, tivo en conta este estudo.

Por último, salientan que "a calidade dos traballos é tan importante como a cantidade" e habería que ter en conta unha ampla gama de cuestións como os salarios, as perspectivas laborais, a seguridade no emprego, os dereitos dos traballadores, as condicións de traballo e o nivel de participación sindical, entre outras.

A este respecto, advirten de que "os gobernos, as comunidades e os sindicatos teñen un papel que desempeñar para garantir empregos de calidade suficientemente alta", xa que "millóns de empregos na actualidade se caracterizan por prácticas deficientes que comprometen a saúde e as condicións de vida dos traballadores", alertan.

Os autores agardan que os resultados obtidos co seu modelo faciliten ás autoridades públicas e ás empresas privadas tomar decisións con "maior obxectividade".

O estudo, titulado 'Comparative analysis of direct employment generated by renewable and non-renewable power plants', publícase na revista científica Energy (Volume 139, 15 novembro 2017, páxinas 542-554).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 luís ferrolán do pisco

Gastar àuga movendo turbias e un roubo e unha inmoralidade , a áuga hai que usala en outras cousas. Os eólicos, fan ruido,afean e non producen traballo diretto . En unha sociedade seria e libre de corruptos ,a enerxía nuclear seria a solución para producir electricidade .