Por Galicia Confidencial | Edimburgo | 24/08/2017 | Actualizada ás 12:30
“A lingua ben podería ser un punto de partida significativo para provocar cambios en Galicia”. Así se titula un artigo do xornalista Martin Hannan nun dos principais medios escoceses, The National, un dos poucos xornais que apoia o referendo de independencia escocés e que forma parte do mesmo grupo editorial que The Herald e The Sunday Herald.
Hannan, aínda que con algúns erros sobre a realidade galega, lembra que Galicia xa foi reino independente e destaca a súa traxectoria autonómica, cortada durante o golpe franquista de Franco. Tamén fai un percorrido pola política nacionalista galega. Así destaca que varios partidos separatistas e de esquerdas formaron o BNG. “Conseguiu algún éxito, pero é só un sobre 30 partidos, organizacións e unións que poderían ser descritos como independentistas”, indica.
Neste sentido, suliña que son tanto o BNG como Alternativa Galega Esquerda --non dá conta de En Marea, senón da formación anterior que está aínda presente en Europa-- os que fan campaña pola autodeterminación e que “ambos están liderados por mulleres, Ana Ponton e Lidia Senra”.
Intervención na Cámara galega
Precisamente, o xornalista descata unha recente intervención de Senra no Parlamento Europeo no que reclamaba poder usar o galego na Cámara, a pesar de ser dun país sen estado. “E o certo é que a lingua e a tentativa de rebaixar o seu uso téñense convertido nun foco importante nas reclamacións dos nacionalistas galegos”, indica en relación ao decreto do plurilingüismo de Feijóo.
“Ela acusou ao Goberno de Rajoy de atentar contra os dereitos lingüíticos dos galegos... e pediu a normalización do galego e o seu uso en todas as áreas antes de facer un chamamento ao Parlamento europeo e ao seu presidente, Antonio Tajani, a garantir ao total recoñecemento dos dereitos lingüísticos dos galegos”, recolle The National.
“Isto foi un gran berro que está presente en moitos galegos e que pode ser visto como o puntod e partida dalgo máis significativo para a rexión”, remata o xornalista.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.