Eu fun incendiario

Que podiamos facer co material que tiñamos preparado ? Ao final non iamos ir á aldea : onde queimar aquela pólvora ? Que facermos con ela ?

Por H.Harguindey | Redondela | 18/11/2017

Comparte esta noticia
Meu irmán atopara nalgunha enciclopedia o xeito de fabricala, e non fora difícil facernos cos compoñentes : en farmacias e algún comercio mercámolos sen que ninguén preguntase nada a aqueles cativos de dez anos e aire inocente. E, unha vez feita, probámola facendo fogueiriñas en recunchos da muralla. Era divertido : a calor e a cor do lume fascinábanos.
 
O caso é que o troco de plans para as nosas vacacións do vran obrigounos a improvisar unha saída : « Vamos a hacer una hoguera a las cuestas del parque ». E, coa mesma, alá fumos os tres amigos todos decididos,
 
Non había praticamente xente a aquela hora e escollemos o lugar. Alá, algo lonxe, enriba dun pau do teléfono, un home andaba a traballar nos cables. Acendimos a fogueiriña, era pequeneira e deixámola medrar un pouco, e logo un pouquiño máis, e outro pouco.  Alguén dixo de apagala e os outros foron partidarios de deixala un pouquechiño aínda :« Espera, no seas caguiñas ! ». Cando quixemos (« Ahora, ahora hay que apagarla ! »), por moito que intentabamos cos pes, con terra e con pedras a cousa  seguía a facerse máis grande. Pareceunos que o home do pau do teléfono miraba para nós ;  os nervios e o medo foinos tomando e non sabiamos como facer ; ao final, a fuxida cara abaixo : rispamos despavoridos ata chegarmos á estrada de Santiago e a fortísima pendente cara a Lugo fíxosenos pouca cousa para uns corpiños que semellaban voar. Diría que no camiño sentimos zoar unha sirena.
 
Chegamos á casa. Abríronnos e fumos correndo para o cuarto dos trastos pechándonos e tratando de darlle acougo ao noso alento e ao noso latexar. Pouco durou a sensación de seguridade pois ao minuto chamaron ao timbre da porta con moita présa : « Ahí están, vienen a por nosotros. Mamaíña ! ». Con moito sixilo saimos do cuarto e dende o corredor espreitamos a porta da entrada : efectivamente, alá estaba un garda municipal. Volvimos para dentro e decidimos contarlle todo a miña nai en busca de amparo.
 
Cando meu pai acabou de lle empastar unha moa ao garda municipal, coñeceu a nosa falcatruada e castigounos. Nós nin chistamos, aliviados e sabedores de que mereciamos ese castigo e moito máis.
 
O medo que tiven no corpo aínda o lembro hoxe.
 
E nunca máis volvemos xogar con pólvora.
 
- - - - - - - - - - - - - - - - - -- - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - - 
 
Os incendiarios existen : sexan rapaces inconscientes ou vellos descoidados, sexan tolos maniáticos ou ignorantes que pensan que queimalo venlle ben ao campo. Ora ben : existe esa trama de incendiarios que organiza sistemáticamente o lume e queima o noso país dende hai décadas?  
 
Parece difícil sostelo cando dende hai tantos anos nin as investigacións policiais nin as denuncias xudiciais botaron luz nesa posible causa. Con todo, o número e a reiteración desmedida dos lumes e as circunstancias en que xurden (horas, simultaneidade de focos de comezo, etc), conducirían lóxicamente a pensar niso. Existen tamén evidentes intereses económicos vencellados á « industria do lume » que poderían estar en xogo. E por riba de todo, tense sinalado a presenza de rudimentarios aparatos que teñen aparecido acá e acolá ; sinalados por ducias de persoas  do común dotadas de total credibilidade e mesmo polas forzas da orde. Eu lembro un amigo, alcalde do BNG, que contou hai anos públicamente como un deses pequenos paracaídas lle caira enriba do seu coche cando viaxaba ; e compañeiras do ensino comentaron como lles acontecera o mesmo e deran parte á Garda Civil.
 
O que si é certo é que desviar todo o problema enriba dun hipotético exército de sombras sen examinar os distintos ángulos da cuestión, para o único que serve é para  de novo agachar o problema e fuxir da súa solución. E a cerna da cuestión está no total abandono no que se atopa o mundo rural galego : monte á bouza,  eucaliptización do país, campo a ermo, illamento e despoboación, morte da aldea. E non é porque a terra non renda senón porque a política seguida  fai imposíbel vivir dela, ou mesmo vivir nela. 
 
Hoxe é un perigo vivir no rural e está comezando a selo vivir en zona semiurbana. A recente vaga de outubro  arrasou nunha fin de semana cincuenta mil hectáreas levando tamén vidas. E puxo en evidencia que os gobernos do Estado e da Xunta incumplen as súas obrigas máis primordiais : a defensa e a integridade da natureza e o patrimonio público, a facenda e os bens dos cidadáns, a protección da vida da xente. Máis de un lembramos daquela –e seguiremos lembrando sempre- que o goberno en funcións de Mariano Rajoy, excedéndose nas súas funcións, lle prorrogara en 2016 á Celulosa de Pontevedra o permiso por sesenta anos. Para que dicir máis ?
 
Os incendiarios non son somente os que prenden lume senón os que propician que se prenda.
 
Só un cambio total da xestión do agro, inseparábel da xestión de Galiza toda, faría posíbel ir recuperando devagariño un país próspero. E mitigaría moi amodo esa brutal perda de poboación que lle fará –segundo os estudos demograficos oficiais- perder un  millón de persoas, o 40% do total de aquí a 2050. Para iso é preciso mudar aos responsabeis, os que nos levaron á situación máis tráxica da nosa historia moderna. 
 
Esa é a cuestión central non do noso futuro senón do noso presente.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA