A información crítica dos incendios, o máis visto dun ano no que GC se consolida como líder da prensa en galego

300.000 usuarios máis e un millón máis de páxinas vistas este ano, en comparación con 2016, fan deste 2017 o mellor exercicio de Galicia Confidencial, que lidera os medios de información escritos en lingua galega en Internet e situouse como terceiro medio dixital, segundo Alexa, só por detrás de La Voz e Faro de Vigo.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 31/12/2017 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Galicia Confidencial pecha o seu mellor ano, con rexistros históricos: somos o diario galego que máis creceu en Internet en 2017 e na clasificación, tanto mundial como estatal, de Alexa (auditora da empresa Amazon) somos o terceiro xornal de Galicia, só tras La Voz de Galicia e Faro de Vigo. O crecemento de GC é constante e firme. Este ano 2017 tivemos 600.000 sesións máis no noso sitio web que en 2016, sumamos 300.000 usuarios máis e obtivemos un millón de páxinas vistas máis que o pasado ano, segundo datos de Google Analytics.

Un dos lemas de Galicia Confidencial
Un dos lemas de Galicia Confidencial

GC consolídase así como o medio de información en Internet líder da prensa en galego e compite directamente con algúns dos xornais tradicionais en papel con edicións dixitais que até agora se consideraban dominantes en Galicia.

En particular, este ano hai que salientar a cobertura especial que fixemos da vaga de incendios do pasado mes de outubro —que calcinou case 50.000 hectáreas e se cobrou catro vidas—, que confirmou a GC como un dos principais medios de información para os galegos que buscan, en situacións de crise, caos informativo e censura, información veraz, independente e crítica.

Entre as dez novas máis vistas das publicadas en 2017, cinco estiveron directamente relacionadas cos incendios en Galicia. Velaquí a clasificación:

1. Miguel Ucles, as verdades dun bombeiro que estivo nos peores lumes: “Menten descaradamente".

Esta foi a nova máis vista do ano en GC. Unha entrevista na que o presidente da Plataforma de Bombeiros Públicos de Galicia recoñeceu que viviu tensión, terror, medo, indefensión... pero sobre todo, moita solidariedade dos veciños, durante a onde de incendios de outubro. Sobre a coordinación, os medios e os efectivos dos que falaba a Xunta, Miguel Ucles foi moi contundente na súa charla con GC: “Menten descaradamente”.

2. Traballadores de Aluminios Cortizo denuncian situacións “escravistas” na empresa.

A segunda nova máis lida do ano foi esta exclusiva de GC na que os propios empregados da empresa Aluminios Cortizo denunciaron as precarias condicións e presións nas que traballaban. Segundo os propios empregados, traballar sábados e domingos, as ameazas de despedimentos ou librar unha fin de semana ao mes eran algunhas das condicións que tiñan que enfrontar. Unha situación que eles mesmos cualificaron de “escravista”.

3. Primeiros mortos pola vaga de lumes en Galicia.

Galicia Confidencial foi o primeiro medio que informou das primeiras mortes nos incendios de mediados de outubro pasado. En exclusiva, e no medio do caos informativo que se estaba xerando nas redes sociais e ante o silencio da TVG no domingo negro, o día 15 de outubro, informamos de que dúas persoas faleceran nunha furgoneta calcinada en Chandebrito (Nigrán), unha das zonas máis afectadas pola vaga de lumes. A exclusiva de GC pasou logo aos demais xornais, radios e televisións de Galicia e de toda España.

4. Falan os traballadores da CRTVG: “Sentimos vergoña do tratamento informativo e pedimos desculpas”.

Precisamente a polémica cobertura da onda de incendios de outubro na CRTVG, que silenciou o que estaba ocorrendo naquelas primeiras e tráxicas horas, levou a Galicia Confidencial a contactar cos profesionais da corporación pública para coñecer o seu parecer sobre o que ocorrera tanto na TVG como na Radio Galega. Raquel Lema, xornalista, traballadora da CRTVG, ex-presidenta do Comité Intercentros, falou alto e claro sobre o que acontece nos medios públicos do país. “Algún día haberá repercusións penais por practicar a manipulación informativa”, subliñou nesta entrevista, na que quixo clarificar claro que unha cousa é o labor dos traballadores “que se partiron o lombo durante 24 horas para sacar adiante o seu traballo”, e outra os cargos directivos que non estiveron á altura das circunstancias, durante os incendios.

5. A filla do detido por un lume doméstico: “Pido aos galegos que axuden a meu pai e que non se deixen enganar”.

Miguel Ángel Martínez Novoa foi a única persoa detida relacionada coa vaga de lumes do mes de outubro que pasou por prisión. GC seguiu de preto o seu caso, case día a día, dende a súa detención até a súa liberación, case mes e medio despois, falando cos seus familiares, amigos e co propio Miguel, quen fixo declaracións en exclusiva para este xornal tras quedar en liberdade baixo fianza. Nesta entrevista coa súa filla, cando Miguel se atopaba aínda en prisión, Sara Martínez explicaba a Galicia Confidencial a dura situación que vivía o seu pai, responsable dun lume imprudente na súa propia leira que queimou menos dunha hectárea fronte as finalmente case 50.000 que arderon no país aqueles días, sen responsables. A familia sempre asegurou que non houbo investigación policial na finca para coñecer os feitos e causas e que Miguel foi un "cabeza de turco".

6. A iniciativa empresarial Porto Cabral, en Vigo, actívase 15 días despois dos lumes.

A comisión formada polas dez entidades e particulares que promoven unha Proposición non de Lei de Iniciativa Popular para desenvolver un centro comercial e de lecer en Liñeiriños, na parroquia de Cabral, en Vigo, anunciaba só dúas semanas despois dos lumes que asolaran esta cidade que xa recollera xa máis 60.000 firmas para impulsar o maior espazo de ocio de Galicia, Porto Cabral, unha iniciva empresarial que ocuparía 80 hectáres e case 205.000 metros de superficie comercial. Ademais, de realizarse o proxecto, case a metade dos montes de Cabral desaparecerían.

7. "Os traballadores que fan rico a Cortizo pasan fame".

A sétima nova máis lida do ano foi outra relacionada coas polémicas condicións de traballo denunciadas polos traballadores de Aluminios Cortizo. Neste caso, o responsable comarcal de Industria da CIG confirmaba as denuncias sobre a precariedade laboral dos traballadores do Grupo Cortizo denunciadas en GC. Segundo Benedicto Blanco, a principal responsabilidade é dos encargados, que teñen atemorizados aos traballadores. Tamén acusou o comité de empresa de UXT por permitir e ocultar esta situación.

8. Sobre as mulleres galegas: "Para buscar una mujer guapa no te vayas a buscar una gallega".

GC facíase eco en decembro deste ano dun polémico artigo publicado no sitio web femenino.es no que se criticaba o acento e a pel branca das galegas, que consideraban "mulleres feas". "Según los estudios, la belleza gallega brilla por su ausencia. La gallega media está muy por debajo de la andaluza o la canaria", dicían nun artigo sobre os lugares de España coas mulleres máis fermosas.

9. Unha borrasca profunda de “dimensións inusuais” achégase polo Atlántico.

As novas sobre o clima, o tempo, fenómenos meterorolóxicos extremos ou estraños, e o cambio climático foron tamén moi consumidas polos nosos lectores. De feito, esta nova publicada en febreiro situouse como a novena máis lida en GC este ano. Nela, dábamos conta de que unha borrasca profunda "de dimensións inusuais", segundo o meteorólogo de 'eltiempo.es' Mario Picazo, estaba a avanzar polo Atlántico e dirixíase cara a Europa cunha presión atmosférica similar aos furacáns de categoría 4 (escala de 1 a 5), e os seus efectos notaríanse en Galicia, pero sen impactar de cheo.

10. “A riqueza no monte non é plantar pinos para traer a Orquesta Panorama”.

Esta entrevista co alcalde de Verín, Gerado Seoane, do PSdeG-PSOE, pecha a clasificación dos dez contidos máis vistos en GC en 2017. Nela, dous meses antes da gran onda de incendios que arrasou case 50.000 hectáreas en Galicia a mediados de outubro, Seoane xa pedía un cambio na política forestal e que se limitasen as plantacións como se limitan os edificios. Na súa opinión, os bosques artificiais están detrás da seca e de incendios como o que por entón acababa de arrasar 1.400 hectáreas no seu concello. Reclamaba tamén a fin das brigadas municipais, que son “repartir miseria”, dicía. O conflito entre Deputación e FEGAMP foi outro dos temas desta entrevista.

SECCIÓNS E TEMAS

Por seccións, a Última Hora, co servizo de teletipos que presta Europa Press a Galicia Confidencial, foi o máis consultado durante este ano.

Por temas, isto é, a categorización que facemos de contidos específicos mediante tags para acceder a novas específicas etiquetadas xeograficamente, por sectores, actividade, institucións, partidos políticos, organizacións, persoas, temas de actualidade, etc., as etiquetas máis consultadas foron, por esta orde, Grupo Cortizo (pola polémica suscitada polas precarias condicións denunciadas por algúns traballadores), Incendios (pola crise provocada polas vagas de lumes en Galicia) e Cataluña (polo proceso independentista, para o que GC fixo unha cobertura especial, con corresponsais desprazados a Barcelona nos últimos meses).

A redacción do Galicia Confidencial aproveita para felicitarvos a tod@s e desexarvos un gran 2018

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Daviciño

acho en falta unha aplicación para movéis, de todolos xeitos noraboa e feliz aninovo

1 JUSTICE LEAGUE

feliz aninovo 2018, eu fixen ben en apostar polo medio!