O desbordamento dunha balsa da mina de Touro agrava o desastre ambiental do río Brandelos

A Asociación Aldea Vida denuncia un novo episodio de contaminación nesta zona. Tamén critica por partidista a campaña de recollida de sinaturas do BNG contra a mina de Touro.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 15/02/2018 | Actualizada ás 11:52

Comparte esta noticia

Un novo desastre medioambiental derivado da actividade mineira en Touro. As abundantes chuvias dos últimos días provocaron o desbordamento dunha balsa na corta de Bama, causando un novo episodio de contaminación no río Brandelos.

Balsa da mina de Touro
Balsa da mina de Touro | Fonte: Aldea Viva.

A vertedura da balsa —situada a uns 100 metros da canle fluvial afectada e a unha elevación duns 50 metros sobre esta— é de cor turquesa-branqueciña, formando escuma ao baterse e "agravando de xeito preocupante a situación do río Brandelos, que xunto con outras canles fluviais da zona de afección das antigas labores mineiras na zona de Touro, experimenta dende hai anos unha grave problemática ambiental polo desleixo das administracións e os efectos das drenaxes", denuncia a Asociación Aldea Viva, que tomou imaxes deste novo desastre ecolóxico. 

Aldea Viva ven de comunicar por escrito a Augas de Galicia e á Consellería de Medio Ambiente este caso e insta as autoridades a "actuar con prontitude ante unha situación que só se pode tratar de insostible dende calquera punto de vista", asegura.

INCOMPATIBLIDADE COA DIRECTIVA EUROPEA 

A asociación subliña que esta situación é "manifestamente incompatible" coa Directiva Marco da Auga (2000/60/CE), establecida para deter o deterioro do estado das masas de auga en todo o ámbito da Unión Europea e conseguir un bo estado dos recursos hídricos.

Vertedura dunha balsa da mina de Touro ao río Brandelos
Vertedura dunha balsa da mina de Touro ao río Brandelos | Fonte: Aldea Viva.

Esta norma afirma nas súas consideracións que "a contaminación química das auguas superficiais representa unha ameaza para o medio acuático con efectos como toxicidade aguda e crónica para os organismos acuátivos, acumulación no ecosistema e perdas de hábitats e biodiversidade, así como para a saúde humana".

Considera, igualmente, que "é preciso identificar as causas da contaminación e tratar as emisión preferentemente na fonte misma, da forma máis eficaz en termos económicos e ambientais", algo que, "en apariencia, a Consellería competente en materia de minas da Xunta de Galicia non está a realizar de maneira axeitada, por máis que o seu director xeral, Angel Bernardo Tahoces, fale reiteradamente de «minería sostible» en apoio das empresas que desenvolven a tarefa extractiva", censura Aldea Viva.

CONTRA INTERESES PARTIDISTAS

Doutra banda, esta asociación expresou o seu rexeitamento á recollida de sinaturas por parte do Bloque Nacionalista Galego (BNG) contra  a mina de Touro anunciada estes días, por considerar que se está a facer unha "utilización interesada a nivel político" do movemento social contra a mina.

Aldea Viva considera que "a obriga dun grupo parlamentario é facer labor político, intervir e dar visibilidade aos problemas na casa da soberanía do pobo, que é o Parlamento", mentres que "debe ser a veciñanza" a que se encargue de poñer en marcha iniciativas fóra da Cámara, como a recollida de sinaturas, "sen ningún tipo de 'axuda' externa que se poida interpretar como a politización dunha loita que, por máis que xusta, pertence ao común da xente e non entende de bandeiras nen cores partidarias".

Vertedura dunha balsa da mina de Touro ao río Brandelos
Vertedura dunha balsa da mina de Touro ao río Brandelos | Fonte: Aldea Viva.
Imaxe de satélite dunha balsa da mina de Touro
Imaxe de satélite dunha balsa da mina de Touro | Fonte: Aldea Viva.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Alexandreu

Había unha asociación que estaba peneirando e quería unha fariña tan, tan, branca e fina que a malla deixaba atrás todo como farelo e a pouca fariña que pasaba a levaba o vento. Non sabía esa asociación que o que ela peneiraba xa fora peneirado, tantas veces...

2 Teixido

Para nada comparto o primeiro comentario e máis tendo en conta os precedentes que temos a nivel galego no caso da formación política da que estamos a falar. Nas presentes circunstancias, non todo suma. Se quere axudar cada quen ten o seu lugar para facelo, e o da clase política é a sede parlamentaria coas iniciativas que consideren. A gran cuestión é onde estivo esta misma xente todos estes anos nos que se acumularon denuncias sen atender e porqué agora lles entra a urxencia repentina polo tema. Acaso a mina de Touro non ven provocando problemas desde fai xa moito tempo?

1 Andrés Piñeiro

Mágoa do final da noticia. Nestes temas importantes hai que sumar sempre, sexa quen sexa e non excluír nen dividir. Todo suma, +++++. A ver cando se dan conta desto.