Xornal materializa a súa aproximación ao PSOE

O diario coruñés renova o seu Consello de Administración con xente vinculada aos socialistas. A operación está pactada co propio Pachi Vázquez.

Por Xurxo Salgado | Santiago | 24/02/2011 | Actualizada ás 20:30

Comparte esta noticia

O empresario Alfonso Paz-Andrade é, desde hai uns días, o novo presidente do Consello de Administración de Xornal de Galicia, SA. Substitúe no cargo a Domingo Docampo. Con el tamén estarán Xosé Díaz Arias, fillo de Isaac Díaz Pardo, como cepresidente primeiro e Miguel Barros, histórico dirixente socialista, que xa formaba parte do Consello de Administración, como vicepresidente segundo.

Con este cambio, Xornal de Galicia materializa a súa aproximación ao PSOE, partido co que xa mantiña lazos moi activos nos últimos meses. De feito, os tres máximos dirixentes do Consello de Administración están vinculados, ben de xeito directo ou indirecto, ao Partido Socialista. O novo presidente do Consello de Administración mantén boas relacións co PSOE e mesmo chegou a aconsellar ao ex presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, en varios asuntos importantes durante o Bipartito. Xosé Díaz é fillo dun histórico galeguista e moi próximo ao socialismo e Miguel Barros foi concelleiro do PSdeG en Vigo. Todos eles teñen en común, ademais,  unha visión galeguista de Galicia.

Cambio pactado

Segundo fontes da dirección do PSdeG consultadas por GC, este cambio foi pactado cos socialistas e o propio Pachi Vázquez e José Blanco supervisaron os nomeamentos e a nova liña de Xornal que, a partir de agora, manterán unha vinculación máis estreita con este partido. O obxectivo, segundo as fontes consultadas, é que Xornal "contrarreste" as informacións "maliciosas" doutros medios de comunicación, especialmente, de La Voz de Galicia, que nos últimos tempos mantén unha liña moi dura contra o secretario xeral socialista e contra o PSdeG, en xeral.

Tamén José Blanco foi partícipe deste cambios. De feito, o ministro e número dous do PSdeG é un dos  dirixentes políticos mellor tratados no xornal coruñés.
Un cambio que tamén vai aparellado a actual situación económica de Xornal que non ten ningún tipo de axuda nin subvención por parte da Xunta de Núñez Feijóo. O propio director deste medio, José Luis Gómez, xa mantén esta línea de aproximación desde hai meses.

GC púxose en contacto con Xornal de Galicia para coñecer a súa opinión. Nun comunicado sinalan que esta decisión adoptouse o pasado venres en Vigo, "cidade que terá un papel máis destacado na estrutura empresarial e editorial de Xornal". "É só o movemento máis visible no reforzo dun medio que quere crecer como alternativa en Galicia e que ampliará a súa estrutura nos próximos meses", apunta.

"Borrar" ao BNG

"Do que se trata é de  borrar a idea de que isto é un xornal do BNG", apuntan xornalistas do propio medio consultados por GC. E é que, o nacemento de Xornal está moi vinculado a Quintana e ao BNG. Unha foto do ex líder nacionalista e do promotor deste diario, Jacinto Rey, provocou unha campaña mediática sen precedentes xusto antes das eleccións autonómicas.

Sen embargo, desde entón, a relación deste medio cos nacionalistas foi de máis a menos. A UPG sempre criticou a súa liña "progre" e "falsamente galeguista" e con Máis Galiza e o seu líder, Carlos Aymerich, non hai "moita sintonía". Pola contra, co PSdeG aconteceu o contrario, e a vinculación cos novos dirixentes socialistas e con Pachi Vázquez foi de menos a máis.

Menos novas en galego

Por outra banda, e desde hai máis dun mes, a dirección do Xornal deu ordes de diminuir a publicación de novas en galego na súa edición dixital. "Non é algo que se teña transmitido de xeito oficial nin a todas as seccións pero si que hai a xente que se lle dixo iso", aseguran profesionais de Xornal consultados. "A min dixéronme que había que publicar menos en galego que así non vendiamos na rede", comenta outro xornalista coruñés. Este punto non puido ser contrastado con fontes da dirección do xornal.

Con todo, segundo outras fontes consultadas esta orde pode ter máis que ver con cuestións técnicas que ideolóxicas xa que o buscador de Google discrimina ás publicacións que están escritas en galego e prima as que están en castelán.

None

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 98 comentarios

10 anonimo

Vaia, agora que aos do Xornal comeza a irlles ben a cousa despois de tres anos costa abaixo tamén vos parece mal? Qué odio lles tendes? Moléstanbos ou quitanvos lectores?

9 Paulo

Está ben que inclúan como noticia adxunta 'O xornal de Quintana'. Demostran a súa honestidade nesta noticia. Primeiro para un lado, logo para o outro... Dan noxo.

8 filantrópico

Que ben elixe aos amigos os do bng,xa ata Xornal os aparta e lles da de lado. Ainda que os de Xornal acaben apoiando ao psdg có poco futuro que ten por estas terras e digno de estudio.

7 Paco

Vaia parvada. No xornal colaboran tamén persoas afíns, e ben afíns ao PP: Rafael Cuíña, María Bastida, Xesús Pamou e afíns ao BNG como Pilar García Negro, Teresa Táboas, Carlos Aymerich e uns cantos máis.

1 PPeiro e orgulloso

"Rafael Cuíña, María Bastida, Xesús Palmou". Pesos pesado no PP oiga.

6 anonimo

Había tempo que non vía tanta imaxinación e invencións xuntas... É unha novela marabillosa!