Acusan a Axencia Tributaria de "obstaculizar o dereito a declaración da renda en galego"

A Mesa pola Normalización Lingüística

Por Galicia Confidencial | | 27/04/2018 | Actualizada ás 09:30

Comparte esta noticia

A Mesa pola Normalización Lingüística denuncia que "un ano máis a Axencia Tributaria obstaculiza o dereito da cidadanía a facer a declaración da renda en galego", xa que "non ofrece o servizo telefónico de información" da actual campaña nesta lingua. Segundo esta plataforma, "mesmo nalgunhas ocasións ao entrar na páxina da Axencia Tributaria despois de escoller o galego como lingua para navegar na páxina e escoller a lingua galega para facer a renda fai a presentación en castelán".

A Mesa en Lugo.
A Mesa en Lugo.

A plataforma sinala a Axencia Tributaria como "unha das administracións que máis negan a posibilidade de uso do galego" e expoñen: "Por exemplo, ao chamarmos á Axencia Tributaria ao 912 901 340 para solicitar cita previa e dar de alta no sistema Cl@ve é imposíbel sermos atendidas/os en galego".

A Mesa lembra que o dereito a usar o galego está recoñecido expresamente pola lexislación vixente. En concreto, o Real decreto lexislativo 5/2015, de 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do estatuto básico do empregado público di no artigo 54, de principios de conduta, que os traballadores da Administración española “garantirán a atención ao cidadán na lingua que solicite sempre que sexa oficial no territorio”. Tamén a Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias estabelece no artigo 10 que nas circunscricións das autoridades administrativas do Estado nas que reside un número de falantes de linguas rexionais ou minoritarias, estas deben comprometerse a utilizar as linguas rexionais ou minoritarias e a procurar que os seus axentes que están en contacto co público empreguen esas linguas nas súas relacións coas persoas que as usan.

"É alarmante que o funcionariado se sorprenda cando se solicita a atención en galego, pois isto é unha mostra de que non é coñecedor das súas obrigas legais, establecidas no Estatuto do empregado público. Tamén é alarmante que unha administración tan importante como a tributaria vulnere sistematicamente o dereito da comunidade lingüística galega. A Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, recolle no artigo 13 que os cidadáns teñen dereito a «usar as linguas oficiais no territorio da súa comunidade autónoma» e non é tolerábel que un servizo de chamadas que atende a todo o Estado, incluída Galiza, non estea dispoñíbel en galego", expón A Mesa.

Desde esta plataforma recordan á Axencia Tributaria que "ten que garantir os dereitos lingüísticos das persoas galegofalantes" e que "o uso do galego non ten que supor unha mala atención nin máis tempo".

Polo mesmo motivo, Facenda chegou a multar a Mesa pola Normalización Lingüística por entender que reclamar as notificacións en galego era “obstruír” un procedemento. A sanción foi recorrida pola Mesa no tribunal económico- administrativo, que lle deu a razón á entidade en defensa da lingua, recordan.

A Mesa pola Normalización Lingüística cualifica de "lamentábel" esta situación que, segundo o seu presidente, Marcos Maceira, “demostra que a Axencia Tributaria non ten ningún interese nin en cumprir a legalidade nin en dar a mínima opción a usar a lingua propia en trámites que ademais son absolutamente obrigatorios”.

A plataforma insta á Axencia Tributaria a "explicar por que é incapaz de manter a legalidade e as obrigas máis elementais de atención e respecto por un dereito básico como é o de uso do galego".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Nexus 6

¡Jo der! ¿Pero es que estos tipos no se cansan nunca de dar la vara?. Siempre con la misma monserga del gallego. Si por mí fuera, le retiraba desde ya la categoría de lengua oficial en la región y punto pelota. Es que con elementos así, la gente acaba por cogerle manía a esto de la lengua regional. A mí ya me la refanfinfla y en cuanto escucho a uno hablar así, ya le digo que no entiendo y siempre funciona; me habla en español y problema resuelto. Ja,ja,ja