Galicia, capital Chicago

Poucos na Costa da Morte saben quen é. Tampouco noutros lugares é demasiado coñecido. Pero malia ter falecido hai varios anos, goberna.

Por Rodri Suarez | A Coruña | 03/03/2011

Comparte esta noticia

Non se trata dunha excepción, en Galicia existe certa tendencia ao poder póstumo. Pero con nomes máis populares que o de Milton Friedman, a gran cabeza pensante dos economistas da Escola de Chicago, os apóstolos do neoliberalismo radical. Os ideólogos dese “capitalismo do desastre” que tan ben denunciou Naomi Klein en 'La doctrina del Shock' (editorial Paidós). Trátase dunha teoría sinxela e aterradora: “Só unha crise dá lugar a un cambio verdadeiro” escribiu o propio Friedman. Loxicamente, ese “cambio verdadeiro” non significa outra cousa que aproveitar o temor cidadán para emprender privatizacións a enorme escala, borrar calquera control público, darlle vía libre ás diferencias sociais e aos abusos dos grandes poderes, centralizarse no dereitismo económico máis puro e duro. Aplicouse, por exemplo, no Chile posterior ao golpe de Pinochet,  no mundo que deixou o 11-S, en Nova Orleáns logo do Katrina ou é visible na actual Europa dos recortes. A escala, tamén pasou por Galicia cunha obra característica, na Costa da Morte que viña do desastre do Prestige.

De libro. Tras unha conmoción colectiva con graves efectos económicos, a virxinal e potencial costa coruñesa converteuse no obxectivo dun batallón de inmobiliarias e grandes construtoras que percibiron alí un balón de osíxeno ante a sobreexplotación doutros litorais. Corría 2003 ou 2004 e sabían que non ían ter oposición por parte da case todas as autoridades locais ou das autonómicas de Fraga. Houbo exemplares resistencias, como a do nacionalista concello de Carnota. Pero a poboación da zona pedía outra cousa. Tanto que aquel goberno de Carnota acabou perdendo as eleccións porque a maioría dunha poboación que tiña interiorizado o modelo urbanístico de Benidorm como sinónimo de riqueza non entendía que Fisterra, Mazaricos ou Cee foran o paraíso das grúas e eles non. Eran os días da burbulla, do falso boom do ladrillo. Do todo vale e a deixar facer. En definitiva, era o tempo de Chicago. Tocaba aproveitarse do trauma.

Pero estoupou todo aquilo, como non era complicado de prever. Que quedou? Centos de edificios a medio facer, fervenzas en mans privadas, unha paisaxe única estragada (a recta da Anchoa, na entrada a Fisterra, é paradigmática) e unha sombra de sospeita que a recente Operación Orquestra sacou á luz entre o acostumado silencio interesado das cúpulas de PP e PSdeG.

Non é un caso que se poida circunscribir só a Costa da Morte. Aí están Barreiros ou, con máis tradición no asunto, as Rías Baixas dos discípulos de Louzán. Porque no fondo, aquí as teorías de Friedman a súa Escola sobre a necesidade dunha crise estaban superadas 'per se'. Galicia xa leva os shocks instalados de serie. Unha historia terrible de expolio económico e identitario leva lustros situando o país aos pes dos cabalos de ladrillo ou de central hidráulica. Terra esta con resistencias, pero doada de manexar sobre todo polo colaboracionismo institucional ou empresarial. Non hai máis que mirar o burato de arriscado formigón co que nos regalaron as directivas dunhas caixas con supostas obrigas sociais co territorio. O Prestige remarcou o desastre nunhas partes determinadas, pero o camiño levaba anos aberto. E aí segue, con Feijóo como o primeiro en estirar a alfombra vermella mentres mira para outro lado nas súas propias responsabilidades.

Vai para nove anos do chapapote. As presentes imputacións de alcaldes ou construtores da Costa da Morte devolven á primeira liña (primeiro das praias, agora dos xornais) a triste herdanza daquel capitalismo do desastre, aínda tan vixente. Por se fora pouco, aparecen ligazóns dos responsables institucionais inmersos na Operación Orquestra co narcotráfico. Si, isto é Chicago. Pola aplicación da súa Escola económica neoliberal. E parece que tamén polos métodos de Al Capone.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Rodrigo Suarez Rodri Suárez (A Coruña. 1974) é xornalista. Foi xefe da área de Política de Xornal de Galicia e xefe de Deportes en La Opinión de A Coruña, traballou en A Nosa Terra e DxT Campeón, foi guionista de humor para a TVG e colaborou ou colabora en varios medios, como en Localia Coruña (Turkia, La Prórroga) en Radio Coruña-Cadena Ser (A Tropa da Tralla ou a programación deportiva), Cope-Galicia ou as revistas Bravú e Interviú, que postas así compoñen un sorprendente pareado. Como o seu eixe vital anda entre Monte Alto e Fisterra ten o soño de ser fareiro.