"Onde van os cartos para patrimonio dos últimos dezaoito anos?"

Manuel Antelo é alcalde de Vimianzo, onde se realizaron escavacións no castro das Barreiras. Unha obra feita por iniciativa municipal. O rexedor fálanos de como se fixeron as obras e tamén das posibilidades que un traballo así pode traer para un concello.

Por Moncho Mariño | Vimianzo | 10/05/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Como é que o propio concello de Vimianzo asume a escavación dun castro, cando na maioría dos casos estas actuacións son executadas por outro tipo de administracións?
Porque o castro é de propiedade municipal, porque tiña unha forte presenza no que é o imaxinario popular, con lendas que falaban de que o mesmo castro estaba conectado mediante un túnel co castelo de Vimianzo. Así no ano 2010 fíxose unha cata para ver se o castro era un poboado ou non. Durante eses traballos atopáronse vivendas. Desde aquela estaban no noso proxecto cultural, patrimonial e turístico, poñer en valor o castro das Barreiras. Comezamos con visitas guiadas e había que imaxinar o que alí  podería haber.

escolares no castro de Vimianzo
escolares no castro de Vimianzo

Como iniciaron as obras de escavación,  que pasos deron?
Decidimos comezar cunha pequena partida, para que  cada certo tempo e en diferentes fases ir facendo unha escavación que nos fose descubrindo  partes do castro  que nos permitan usalo  como elemento de identidade como elemento do noso patrimonio cultural. E visto que desde a Xunta de Galicia non hai ningún tipo de recurso  ou de convocatoria para isto, Decidimos seguir cos nosos recursos pois entendemos que debemos apostar pola cultura e a posta en valor do noso patrimonio.

O castro tiña unha forte presenza no que é o imaxinario popular

O  investimento nestas escavacións foi de 14.000 euros,  pero non todo serían apoios a esta iniciativa.
Nós entendemos que é un acción do goberno municipal, como é a posta en valor do noso patrimonio,  aí temos a posta en valor do castelo de Vimianzo. Aí está a ruta dos dolmens perfectamente sinalizada con recursos físicos e tamén web como Google maps, coa explicación de cada un dos megalitos,  aí está a relación de dolmens que estamos facendo para o patrimonio público, entón como goberno municipal tomamos esa decisión eu creo que acertamos, porque a decisión foi explotada ata o máximo.

E cal é a sensación que ten logo de facérense os traballos desenvolvidos ata o momento?
Foi unha escavación aberta e pedagóxica,  na que participaron  praticamente mil persoas, pois puideron ver in situ como se facía a escavación, principalmente os colexios de Vimianzo e da zona. Mesmo as escolas unitarias subiron ao Facebook do Concello como puideron ver a aparición de restos cerámicos. É un dos potenciais que ten,  en case vinte metros cadrados un cento de aparicións de bronce e de ferro.

Foi unha escavación aberta e pedagóxica

Vanse crear algún tipo de infraestruturas para poñer en valor os traballos e os achados que se descubran no castro?
Vimianzo dentro das súas posibilidades está organizando unha serie de encontros arredor do seu patrimonio. Hai tres anos  participaron nun encontro un grupo importante de arqueólogos coa idea de realizar posteriormente a escavación do castro. Fixemos tamén un simposio sobre o megalitismo e outro arredor do castelo.  Sobre o castro continuar coa escavación por que nos deu moitas sorpresas. Algúns o denominaron o expediente X da arqueoloxía castrexa. En menos de vinte metros cadrados apareceron dúas casas, A primeira de 12 m de diámetro e a segunda que parecía máis pequena resultou ser ovalada. Non se descartan máis sorpresas na casa grande porque falta una boa parte por escavar. Apareceron tamén moldes, pezas metálicas de ferro e bronce e moitísimos restos de cerámica. Os expertos  din que este castro tivo un final violento porque aparecen restos de carbón ou cinsa,  restos dun incendio. Tamén din que este castro puido ter una vida moi curta,  100 ou 200 anos,  moito menos que outras construccións deste tipo.

Algúns denominaron o castro como o Expediente X da arqueoloxía

Que lle diría aos alcaldes con terreos de propiedade municipal onde hai restos arqueolóxicos? Animaríaos a facer o que fixo Vimianzo?
Eu son dos que pensan que o patrimonio público está para o disfrute dos veciños e das veciñas. As institucións políticas debemos implicarnos na conservación do patrimonio e sobre todo, denunciar unha falta absoluta de apoio á posta en valor do patrimonio cultural por parte da Xunta de Galicia. Onde foron os cartos nestes últimos dezaoito anos que se deberon ter adicado a posta en valor deste patrimonio? Aos meus colegas diríalles que se o teñen claro que aposten por estes temas. Isto axudaría a crear unha sociedade máis diversa posible ademais de multidisciplinar.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta