A patoloxía Inditex

Pasou, pasa e pasará. En medio dun grupo e entre viños, algún co periódico na man pregunta: “Pero para que queren tantos cartos? Por que non o deixan e gozan un pouco da vida, que xa van maiores?”.

Por Rodri Suarez | A Coruña | 16/03/2011

Comparte esta noticia

Tampouco é raro que dentro desa mesma xente, outro responda: “Porque son uns enfermos mentais”. Probablemente, o episodio repetiuse hai uns días, cando volveu a facerse pública a lista Forbes que computa aos maiores millonarios do planeta. Entre eles, un galego nacido en León, Amancio Ortega.
Segundo moitas fontes, o 1% da poboación mundial ten nas súas mans o 80% da riqueza existente, en cifras aproximadas. Moi 'xusto' todo e aínda máis en medio diso que se lle chama crise pero que realmente é sistema. O dono de Inditex, segundo Forbes, é o sétimo home máis inflado do mundo, cunha fortuna de 31.000 millóns de dólares (22.300 millóns de euros). No último ano, entre recortes e paro desatado, o señor Ortega gañou 7.000 millóns de dólares máis. Dólares que para outros son dores. Ou insultos.

Certo é que o creador de Zara xuntou tales cifras dende a legalidade mentres non se demostre outra cousa. Tema distinto é a moralidade. De feito, moitos dos macromillonarios da lista Forbes utilizan a súas obras sociais ou benéficas para alimentar certo sentido social e ético. Nese eido, o caso de Bill Gates é paradigmático, tanto como opinable. En todo caso, existe. Cal é o compromiso de Amancio Ortega coa sociedade que lle permitiu alcanzar un nivel de riqueza tan esaxerado como innecesario posto que con só unha cuarta parte dela, varias xeracións da súa familia serían ricos? Pois unhas migallas. Algúns ordenadores a un colexio de Arteixo, axudiñas a algunha construción para organizacións benéficas e nada máis. Nada. A web da Fundación que leva o seu nome (www.faortega.org) evidencia a desproporción. A absoluta falta de conciencia. Haberá quen pense tamén que os síntomas da maldade.

Vale, certo é que creou traballo. En que condicións laborais? Nunha chea de casos é sabido, recalcando así o desprezo á Galicia que o engordou, á que trata sempre baixo a ameaza de que “pode marchar a outro lado”. Moi ben, pero entón non pidas aplausos. Desgraciadamente, os poderes de Galicia (ese país que podería encher unha cidade como A Coruña só de parados) calan, cando non o pelotean miserablemente. Pero claro, tamén pode ser que ao señor Ortega non lle guste publicitar o moito que axuda. Quizais por iso non fixo promoción ningunha cando pagou a rehabilitación do luxoso pazo onde vive o seu amigo embaixador no Vaticano, Francisco Vázquez, ese necesitado. Modestia debe ser.

No fondo, din os seus numerosos haxiógrafos, é un currante “como calquera”. Só que con 31.000 millóns de dólares no peto “como calquera”. O exemplo desa sacrificada campechanía (coidado! soa a rei español) é que baixa día a día a pasear entre os seu empregados e incluso lles “aporta ideas”. Vaia, con ese mesmo dato outros moitos pensan na imaxe dun xefe obsesionado, disposto a intimidar a mileuristas incluso corrixíndolles o que fan mal, sementando así o pánico entre o chanzo inferior. Pero a el se lle trata ben. Cando hai uns meses anunciou que daba un paso atrás na xestión da súas empresas, a prensa galega lanzouse a unha desmedida carreira a ver quen o amaba máis. Algunha digna excepción fixo referencia aos padecementos daquelas que coseron a súa roupa en barrios e aldeas. Na Costa da Morte hai casos de vellas que non poden coller unha pota coas mans porque aqueles anos diante da máquina acabaron coas súas extremidades, recibiron como pago a unha vida un pulso demolido. E catro pesos por horas e horas.

Pero os favores de Ortega á súa sociedade non descansan. Hai un ano e pico, un coñecido bar coruñés situado a escasos metros do simbólico e iniciático mundo Inditex da rúa Torreiro tiña que renovar o contrato do local. Levaban lustros alí. Non contaban con problemas, pero o dono comunicoulles a mala noticia. “É que viñeron os de Zara e me fixeron unha oferta irrexeitable polo local para usalo de almacén”. Os do café tiveron que marchar para outra ubicación, onde non teñen nin a metade de xente que antes. “Oferta irrexeitable”... soa a certa peli.

Por suposto, que o amor de Ortega pola Galicia onde traballou arreo tamén é visible noutros campos, por exemplo na conservación do idioma que falan moitisimos dos seus empregados. En correspondencia, Inditex insultou esa lingua xogando á confusión ao crear unha liña chamada Zara Home, por 'joum' (fogar en inglés), non polo masculino galaico. Ten dereito, como outros a queixarse. Total, tamén protestou el nun libro de Covadonga O'Shea pola suposta “imposición do galego” nas escolas.

Non obstante, sempre se lle poderá dicir que xa que é tan rico non pide subvencións nin nada. Por iso, o concurso hípico que monta en Arteixo cada canto recibiu do Concello da Coruña 170.000 euros hai dous meses. Deberían ter problemas para pechar as contas. Aparte, non deixa de ser impagable que grazas a eses concursos hípicos visiten Galicia xentes da gran 'Jet Set', membros ou ex membros da realeza con fama de limitacións intelectuais incluídos. Que eses cartos públicos poderían usarse para axudar aos que máis padecen -que son moitos- seguramente é unha frase chea de demagoxia. Como debe selo constatar que de Inditex apenas saen publicidades, patrocinios, nin nada. Por exemplo, parece que desaparecerá o Dépor, o Atlético Arteixo e todo o deporte coruñés antes de que de Ortega saian uns visibles euros desinteresados para botarlles unha man. Curiosamente, outra habitante da lista Forbes como a súa ex muller, Rosalía Mera, si mantén unha obra social activa. Ata alí enriba hai certas diferencias. 

A sabedoría popular si que está en crise, como corresponde ao triste nivel de ocio e medios que ten que aturar. Pero segue viva, e por moito tempo. Por iso, cando a xente levanta a mirada do periódico alucinada coa cobiza patolóxica da inmensa maioría dese 1% de privilexiados ao que pertence Amancio Ortega, sempre hai algún que pense que “só un enfermo mental quere ter tantos cartos no peto mentres o mundo vai como vai”. E outro que lle dea a razón engadindo uns cantos insultos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Rodrigo Suarez Rodri Suárez (A Coruña. 1974) é xornalista. Foi xefe da área de Política de Xornal de Galicia e xefe de Deportes en La Opinión de A Coruña, traballou en A Nosa Terra e DxT Campeón, foi guionista de humor para a TVG e colaborou ou colabora en varios medios, como en Localia Coruña (Turkia, La Prórroga) en Radio Coruña-Cadena Ser (A Tropa da Tralla ou a programación deportiva), Cope-Galicia ou as revistas Bravú e Interviú, que postas así compoñen un sorprendente pareado. Como o seu eixe vital anda entre Monte Alto e Fisterra ten o soño de ser fareiro.