José Blanco, ministro de Madrid

Entre as tradicións deste país que deberían cambiar radicalmente de contido está a do “ministro galego”.

Por Rodri Suarez | A Coruña | 25/03/2011

Comparte esta noticia

A historia pon en dúbida a súa utilidade. “La omnipresencia de ministros gallegos en los sucesivos gobiernos del período isabelino y la Restauración es la prueba palpable de la mayor importancia del caciquismo gallego frente a otros (y de su mayor eficacia). 'Los imprescindibles ministros gallegos' como les llamaban los regionalistas catalanes, eran una realidad”, conta Miguel Anxo Murado no seu esclarecedor libro 'Otra Idea de Galicia' (Ed. Debate). Así, os supostos 'delegados' da comunidade na capital forman unha numerosa lista que tamén fixo fortuna durante a República, a ditadura e a actual etapa. Serviron para mellorar o país? Farían cousas, pero se a resposta fose positiva, a palabra “aldraxe” levaría tempo desterrada, mais aí segue. Entón, cabe pensar que moito menos do posible foi o que achegaron a esta terra os ministros galegos de Madrid. Agora, dende Fomento, José Blanco vive inmerso nunha constante propaganda para ser percibido como “o noso salvador na Corte”. Pero debaixo da publicidade aniña a realidade.

O éxito mediático de Blanco basease nunha obra cuxa necesidade(real) xa está superada pola mitificación: o AVE. Que Galicia poida dispoñer dun tren de Alta Velocidade máis ou menos un cuarto de século despois de Andalucía debería entenderse como un dereito con moito de vergoña para os responsables do atraso. Porén, o aparato institucional trata de colalo como un éxito. Algo semellante pasa coa mellora das conexións ferroviarias do eixo atlántico, por fin dignificadas. Trátase dunha táctica herdeira do peor da psicoloxía caciquil histórica que sufriu este país, a de facer ver como regalos o que son obrigas estatais. Onde debería haber présa, discreción e incluso arrepentimento posto que a obra faise dende as mesmas siglas que puideron levala a cabo hai moitos anos, optan polos vellos métodos, incluso asegurando: “Yo vengo aquí con dinero, no con palabras”, caendo nesa tópica visión do gobernante que pensa que os cartos son seus, non da cidadanía. Ningunha diferencia hai entre o José Blanco que fai ese tipo de declaracións ao pe dunhas vías de tren das que fixo, en idéntico sentido, Manuel Fraga na súa primeira visita á Costa da Morte tras o desastre do 'Prestige'.

Agochado tras o fulgor do AVE, no entanto, aparece a marxinación das necesarias Cercanías, condenadas a morte en detrimento da actividade de decenas de pequenas localidades. Cala ante este asunto o ministro, que en caso de verse asaltado por el, non dubida en sacar a colación a súa orixe en Palas de Rei. “¿Cómo voy a traicionar yo al rural gallego si formo parte de él?” vén a sinalar. Obvia lembrar que a caída en desgraza talvez definitiva de boa parte do núcleo clásico do país comezou cun de Vilalba na Xunta. Pero esa trampa 'blanquista' de usar a súa procedencia para xustificarse é notable noutro episodio moito máis simbólico da socioloxía de superioridade madrileña coa que o vicesecretario do PSOE manexa a relación con Galicia. É de Palas, si, zona galegofalante, pero practicamente nunca usa o galego, enviando así unha terrible mensaxe subconsciente: o que triunfa na capital xa está nunha división gañadora na que non hai sitio para idiomas seguramente minorizados e arcaicos.

No primeiro día de campaña electoral das últimas eleccións autonómicas, José Blanco participou nun mitin na Coruña, no colexio Curros Enríquez. Alí, nun centro educativo dedicado a un mito da cultura galega, o daquela número 2 dos socialistas atacou sen piedade “a los que me quieren imponer el gallego, yo soy gallegohablante, pero por culpa de ellos no lo hablo”. Mentía. Dous anos e pico máis tarde, e xa sen os supostos tiranos do galego na Xunta, Blanco segue sen utilizar a lingua do seu país. Está no seu dereito, pero logo que non teña a cara de dicir que el e o partido no que manda son “galeguistas”. De feito, naquel acto electoral, as palabras do agora ministro foron aplaudidas con paixón, xusto diante da zona de prensa, por unha dirixente veciñal do PSOE herculino que uns meses despois acudiu ao Parlamento galego a presentar unha iniciativa a favor do topónimo 'La' Coruña e, polo tanto, en contra da Lei de Normalización. Súpergaleguismo.

Tamén é moi 'galeguista' a postura de Blanco sobre as caixas de aforros, onde non disimula o seu desexo de que perdan a súa territorialidade e sexan devoradas por algunha entidade allea. “Odio el ombliguismo de Galicia con este asunto, hay que pensar en el futuro”, asegura a cada visita, lanzando así outro enorme mensaxe de autoodio. Xa saben, que o aforro dos galegos quede en Galicia é o pasado, é propio de sociedades antigas, o que presta é darlle os cartos aos de Madrid ou a calquera gran financeiro 'tiburón' que nin sabe onde está este país nin lle importa. O autogoberno galego, tamén a nivel de aforro, é para o “progresista e galeguista” Blanco algo propio da idade de pedra. E ademais, cando moitos pensan que foi ao contrario, resulta que o problema deste país é mirarse demasiado a si mesmo, ecuación pola que suponse que Cataluña, Euskadi ou Madrid deberían formar parte do terceiro mundo, que alí si que miran polo seu. Pero non, o que realmente suxire é que en Galicia somos inferiores, por iso non podemos ter caixas nin lingua. Por se alguén ten morriña (esa “gallegada”) delas, xa lles mandaremos un tren caro e elitista dentro duns anos, moito despois de que o teñan os modernos de verdade. 

Está outra vez Vicente Risco de moda. Na súa obra cumio, 'O Porco de Pé', falaba con moito tino deses galegos con poder aos que a capital deslumbraba tanto que perdían a súa identidade. “Como o que pasou, sendo en Madrid, non ten importancia, o que ten importancia é que fose en Madrid, e acontecendo alí, calquera cousa ten importancia, polo mero feito de ser precisamente en Madrid”, escribía o ourensán cando era alguén. Así, cheas de madrileñismo, parecen funcionar as análises de José Blanco. Igualiñas que as doutro galego que tamén foi ministro por alá e ao tampouco lle presta usar o idioma de Galicia. Un tal Mariano Rajoy.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Rodrigo Suarez Rodri Suárez (A Coruña. 1974) é xornalista. Foi xefe da área de Política de Xornal de Galicia e xefe de Deportes en La Opinión de A Coruña, traballou en A Nosa Terra e DxT Campeón, foi guionista de humor para a TVG e colaborou ou colabora en varios medios, como en Localia Coruña (Turkia, La Prórroga) en Radio Coruña-Cadena Ser (A Tropa da Tralla ou a programación deportiva), Cope-Galicia ou as revistas Bravú e Interviú, que postas así compoñen un sorprendente pareado. Como o seu eixe vital anda entre Monte Alto e Fisterra ten o soño de ser fareiro.