A nova Lei de Espectáculos deixa en mans dos concellos autorizar concertos en locais

O director xeral de Emerxencias, Luís Menor, asegurou nunha rolda de prensa que o cambio na normativa non perxudicará os concertos de música en directo nin outros espectáculos, senón que deixa deixa en mans dos concellos autorizar este tipo de iniciativas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/06/2018 | Actualizada ás 13:12

Comparte esta noticia

O director xeral de Emerxencias, Luís Menor, asegurou este martes que a nova Lei de Espectáculos de Galicia, que entrará en vigor o próximo 2 de xullo, "non pon máis limitacións" en materia de seguridade ou responsabilidade ás actualmente vixentes e lembrou que deixa en mans dos concellos o autorizar concertos en locais que non conten coa licenza propia para este tipo de actividades.

Luís Menor Lei de Espectáculos de Galicia
Luís Menor Lei de Espectáculos de Galicia | Fonte: Europa Press

Así o dixo nunha rolda de prensa convocada para explicar os pormenores desta norma, despois de que desde varios municipios, entre eles o de Santiago, se asegurase que o cambio na normativa prexudicará os concertos de música en directo en bares ordinarios, así como outro tipo de espectáculos.

Neste sentido, Luís Menor asegurou que esta nova norma "aumenta as facultades dos concellos" e fai unha "clarísima aposta pola autonomía" municipal, dando facultades ás entidades locais en cuestións como esta. Por iso, rexeitou que vaia a supor o final dos concertos en directo en bares que non teñan licenza de 'café concerto', alegando que o "único" que establece é que agora será directamente o concello o encargado de autorizar estes espectáculos.

AUTORIZACIÓN DIRECTA DO CONCELLO

Até agora, este tipo de concertos, explicou Luís Menor, requirían unha autorización extraordinaria da Xunta mediada por un informe municipal. Agora, destacou, será o propio concello o que outorgará a licenza extraordinaria para que poidan desenvolverse este tipo de espectáculos.

De igual modo, dótase aos consistorios dunha "nova ferramenta". "Cando un espectáculo sexa de baixa intensidade, como un contacontos ou un monólogo, a cidade pode publicar unha ordenanza municipal para eximir a determinado tipo de actividades de requirimentos administrativos", dixo Menor. Tras lembrar que cuestións como os aforamentos ou os ruídos son "competencia municipal", Luís Menor tamén sostivo que esta nova norma "non complica os trámites", se non, "todo o contrario". "Para nada hai esa prohibición", dixo Luís Menor en referencia á música en directo nos bares, para a que, lembrou, os concellos terán agora a última palabra.

O director xeral, que asegurou non comprender a polémica xerada neste punto en concellos como o de Santiago, apuntou, ademais, que a nova norma "non toca o catálogo de espectáculos", e, aínda que se mostrou aberto a poder tratalo no futuro para incluír novas categorías, lembrou a complexidade desta decisión, ao afectar a unha multitude de tipos de locais.

"Se un bar pode facer concertos como queira, Un pub pode dar cafés ás 8 da mañá?, por iso se recorre ao concepto de actividade extraordinaria", dixo o director xeral. "Se un restaurante quere dar festas todas as fins de semana, igual ten que pedir outro tipo de licenza", sentenciou.

SEGURIDADE

En materia de seguridade, pola súa banda, Luís Menor asegurou que non se poñen novos requisitos, se non que se adscribe á normativa vixente. "Os plans de autoprotección e de evacuación esíxense nos casos nos que viñan esixindo", dixo o director xeral. A tenor diso, e aínda que se contempla un "réxime sancionador importante", Menor vinculouno a casos de incumprimento grave, coa intención de que "non haxa outro Madrid Area".

Do mesmo xeito, busca "erradicar condutas" como a revenda de entradas ou o incumprimento de horarios, así como limitar o dereito de admisión para que non poidan producirse situacións de "discriminación". Ademais, nos controis de acceso "non se poñen máis limitacións", se non que, cando o local, pola súa licenza, necesite de persoal de control de acceso, esíxese que este sexa un profesional da materia.

En canto ao acceso dos menores a locais e espectáculos, a única novidade que inclúe é a prohibición de que participen en espectáculos taurinos por baixo dos 12 anos. O resto de limitacións obedecen á necesidade de afastalos de espectáculos con presenza de alcol e tabaco en salas de festa, salas de baile e pubs, que poderán facer sesións específicas para maiores de 14 anos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta