26.000 sinaturas para a Xunta contra a megamina a ceo aberto de Touro - O Pino

As plataformas contrarias á mina de cobre entregarán as firmas en papel na Xunta para que o Goberno galego se pronuncie por fin sobre o polémico proxecto.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 10/07/2018 | Actualizada ás 13:53

Comparte esta noticia

Os colectivos contrarios ao proxecto da megamina de cobre nos municipios de Touro e O Pino entregarán este mércores 11 de xullo, ás 11:00 horas, 26.000 sinaturas en papel no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia en San Caetano.

Manifestación en Santiago contra a Mina de Touro - O Pino
Manifestación en Santiago contra a Mina de Touro - O Pino

As firmas foron recollidas pola Plataforma Veciñal Mina Touro - O Pino NON e a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa nos actos dos últimos meses en oposición ao denominado Proxecto Touro que pretende instalar unha megamina a ceo aberto nos municipios de Touro e O Pino afectando vivendas cercanas, gandería, agricultura, o Camiño de Santiago, o río Ulla e a Ría de Arousa, a máis produtiva de Galicia.

Esta recollida de sinaturas, segundo os seus impulsores, "é a confirmación do éxito dun movemento inmenso contrario á explotación que nos últimos meses centrou as súas protestas na rúa, informando e transmitindo a problemática que ocasionaría a potencial megamina de cobre".

Os opositores á mina lembran que tal e como xa sinalaron algúns dos informes sectoriais da Xunta de Galicia, o proxecto é "un grave perigo para a saúde pública" e "incompatible co aproveitamento gandeiro e forestal". Tamén recordan que o Instituto Geológico y Minero de España sinalou que o cálculo dos custos é "confuso".

"Malia isto, a Xunta de Galicia segue sen pronunciarse", acusan as plataformas contrarias á mina. É por iso que din que non deixarán de "traballar en tódalas vías (social, gubernamental e legal) para por punto e final á estratexia da multinacional Atalaya Mining". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta