Marineda contra A Coruña

Marineda foi o nome literario co que Emilia Pardo Bazán falaba da Coruña.

Por Rodri Suarez | A Coruña | 13/04/2011

Comparte esta noticia

E ela, defensora do chamado naturalismo, dificilmente podía imaxinar que a súa invención acabaría bautizando un desmedido e polémico centro comercial que abre o 14 de abril con apelido en inglés e nula referencia ao idioma propio do lugar onde se levanta.

En parte do legado de Pardo Bazán pode resumirse a dicotomía entre a Coruña real e a Coruña artificial na que leva anos instalada a urbe herculina. Por un lado, a familia da escritora -en castelán- foi quen cedeu á Real Academia Galega -da que chegou a ser impulsora- o edificio da Cidade Vella onde a institución ten ubicada a súa sede. Pola outra, esa Marineda das súas creacións literarias dá nome ao mamotreto de grandes marcas onde o galego é tratado con desprezo. Antes, durante anos, o termo foi un dos preferidos do localismo máis rancio da cidade. . 

Como algún xa dixo en ton de comedia, ao escoitar as mareantes cifras do chamado Marineda City dan ganas de que todos os coruñeses abandonen a cidade e se muden alí. En termos comerciais, esa deserción ás grandes áreas leva tempo dándose. Unha das peores herdanzas do chamado 'vazquismo' -doutrina coa que o PSOE local non acaba de romper- foi a renuncia da Coruña a ser ela mesma. Co apoio do poderoso lobby da cidade e subido á onda localista que se formou tras a lea pola capitalidade, o ex alcalde Francisco Vázquez levou a cabo un deseño de urbe elitista, inmobiliaria e capitalista que nada tiña que ver co pulso popular, marítimo, creativo e festeiro da Coruña tradicional, tamén profundamente galega. Así, comezaron as desfeitas de luxo. Os primeiros grandes centros comerciais levaron implícita o nacemento de Pena Moa. Pouco a pouco foron florecendo moitos máis ata chegar a un exceso que tamén tiña vítimas, neste caso o antes musculoso comercio tradicional, sumido agora nunha dramática crise que afecta sobre todo a pequenos autónomos dos barrios, a esa Coruña auténtica que non lle interesaba ao 'vazquismo' nin aos seus seguidores pero da que habilmente souberon tirar certos réditos.

A traizón á cidade, por suposto, tamén afectou á súa asentada cultura galega -que pasou a ser case clandestina- e ao seu perfil orixinal e marítimo. Hai moitos anos, o porto que era centro de paseo e de vida familiar espertou cun cartel que prohibía o acceso á cidadanía. Unha vez amputado ese órgano vital era  máis fácil deixalo morrer. E así, poder completar un suicida plan segundo o cal A Coruña perdería o peirao que lle deu a vida, desterrado con falsas escusas ás costas de Arteixo, onde a súa construción ten xa dilapidado centos de millóns e varias vidas de obreiros. Os terreos que o traslado baleiraba estaban destinados á construción inmobiliaria, ao pelotazo. Iso antes, agora, coa burbulla polos aires, o seu futuro está no aire. Pero semella que hai xente á que lle resulta imposible entender o significado da palabra burbulla. Por iso agora inflan outra, a dos centros comerciais. Existen unha decena deles na cidade. Crearon postos de traballo, certo é, pero tamén destruíron outros moitos, o que explica que a inauguración do Marineda City que o alcalde Losada prevía como un punto a favor de cara ás inminentes eleccións municipais agora converteuse nun marrón que está a ser ben utilizado polo PP de Negreira, sen escrúpulo ningún cando hai poder en xogo malia a evidencia de que ese modelo tamén é o seu, de feito o proxecto 'vazquista' nunca podería terse feito sen a existencia do bipartito Francisco Vázquez en María Pita; Manuel Fraga en San Caetano.

No fondo, A Coruña non é máis que outro exemplo da voracidade e da cobiza dos lobbys do capital e os seus aduladores institucionais. Por iso o seu modelo está condenado a caer, como pasou co ladrillo. Os síntomas levan tempo sendo visibles, malia que non teñan na velocidade o seu aliado. Pero aí están. Mentres, o poder segue feliz con que as familias os domingos xa non poidan ir pasear polo porto pero si vaian aos centros comerciais, como uns 'paletos' americanos máis. Ou que o 14 de abril en vez de proclamarse repúblicas agora se abran monstros comerciais. Non se descarta que ante as dificultades para restituír o 'L' teñan na cabeza que a cidade toda pase a chamarse Marineda City. Porque no fondo, non teñen nin idea do que é e seguirá sendo a auténtica Coruña, neno.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Rodrigo Suarez Rodri Suárez (A Coruña. 1974) é xornalista. Foi xefe da área de Política de Xornal de Galicia e xefe de Deportes en La Opinión de A Coruña, traballou en A Nosa Terra e DxT Campeón, foi guionista de humor para a TVG e colaborou ou colabora en varios medios, como en Localia Coruña (Turkia, La Prórroga) en Radio Coruña-Cadena Ser (A Tropa da Tralla ou a programación deportiva), Cope-Galicia ou as revistas Bravú e Interviú, que postas así compoñen un sorprendente pareado. Como o seu eixe vital anda entre Monte Alto e Fisterra ten o soño de ser fareiro.