Comparte esta noticia

Facua-Consumidores esixiu que "se depuren responsabilidades" tras caer o peirao que deixou máis de 400 feridos no festival O Marisquiño de Vigo e criticou que tanto Concello como Autoridade Portuaria "se dediquen sinxelamente a culpabilizarse unha á outra".

O peirao de Vigo, tralo accidente durante o Marisquiño
O peirao de Vigo, tralo accidente durante o Marisquiño | Fonte: Miguel Núñez

Nun comunicado, a asociación lamentou o ocorrido na última xornada do festival O Marisquiño e esperou a "pronta recuperación" dos feridos, "seis deles aínda hospitalizados". Ademais, lembroulles que "poden reclamar compensacións polos danos ocasionados", contías que "dependen da gravidade dos prexuízos que sufrise cada usuario".

Así mesmo, Facua asegurou que as declaracións do presidente da Autoridade Portuaria, Enrique López Veiga, son "incomprensibles". Este explicaba que estas instalacións non están sometidas a revisións a non ser que "se detecten problemas". Por iso, a asociación lamentou que teñan que pasar incidentes tan graves como este, "eludible cun adecuado estudo da situación das estruturas de forma periódica".

Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, segundo sinalou Facua-Consumidores, "elude a súa responsabilidade no asunto" ao sinalar que o peirao "é unha concesión do porto ao Club Náutico de Vigo", engadindo que "como vai facer o Concello o mantemento dunha zona portuaria".

Ante esta situación, a asociación considerou "inaceptable" que, despois de que pasasen catro días após o derrube, "aínda non se depuraron responsabilidades" para que as vítimas poidan facer as súas reclamacións, xa sexa ante o Concello, a Autoridade Portuaria, a promotora ou as aseguradoras do citado evento.

Finalmente, asegurou que esta situación "podería evitarse se se fixeran os controis periódicos oportunos". "Trátase dunha estrutura construída xunto ao mar, sometida ao continuo desgaste que produce a contorna marítima, polo que se fai necesaria a revisión cada pouco tempo das instalacións, para comprobar que se atopan nun estado óptimo para o seu uso", aseverou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta