Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/09/2018 | Actualizada ás 15:45
As negociacións entre representantes dos traballadores da fábrica de Sargadelos en Cervo (Lugo) e a empresa quedaron "rotas", após un intento de mediación por parte do Consello Galego de Relacións Laborais.
Fontes da dirección da empresa apuntan que "se segue coa folla de ruta" que había antes deste intento de mediación, despois de que Sargadelos anunciase a mediados de agosto a intención de despedir a 49 traballadores (22 despedimentos xa foron executados), mentres baralla a posibilidade do peche da planta lucense.
De tal forma, o venres, 14 de setembro, terá lugar unha xornada "chave" para o futuro da planta de Cervo, xa que ese día se celebrará a asemblea de traballadores (15.00 horas) que fora aprazada para votar sobre a revogación dunha sindicalista de UGT, dado que a dirección e esta delegada manteñen un enfrontamento desde hai tempo.
Na tarde do martes produciuse unha reunión durante horas en Santiago após recibir a empresa o pasado luns un escrito da Xunta para chamar á conciliación. Logo diso, na mañá deste mércores "tentouse" unha nova aproximación pero non se chegou a acordo. De tal forma, "non está previsto" que se retomen as negociacións.
Aínda que "é posible" que se siga adiante cos despedimentos até o total de 49, estas mesmas fontes indican que se prospera en votación a revogación desta sindicalista suporía "un voto de confianza" para a actual dirección e avaliaríanse as medidas a seguir. O que deixan claro por parte de Sargadelos é que "se non se soluciona o conficto péchase a empresa".
Por parte de UGT, nos últimos días denunciáronse "coaccións" do administrador único de Sargadelos, Segismundo García, cun "ataque de modo directo e persoal" cara a unha traballadora, ao "condicionar deixar sen efecto os despedimentos" se "se esixe a dimisión" desta sindicalista.
Todo iso, despois de que o Xulgado do Social de Lugo desestimase a petición de UGT de paralizar os despedimentos anunciados por Sargadelos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.