Feijóo reunirase con Martiño Noriega tras as críticas deste por non recibilo

Tamén di non ter recibido desculpas por non ser invitado ao acto de posesión dos novos conselleiros. "Dixeronnos que recibiriamos desculpas pero non foi así e tampouco pasa nada, non imos entrar en dramatismo", matizou.

Por Galicia Confidencial | | 05/10/2018 | Actualizada ás 13:57

Comparte esta noticia

A reunión solicitada polo alcalde de Santiago, Martiño Noriega, co presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, terá lugar o mércores 17 de outubro, segundo informou o rexedor compostelán tras recibir resposta este mesmo venres á carta que remitira.

Alberto Núñez Feijóo e Martiño Noriega nun acto oficial no Obradoiro
Alberto Núñez Feijóo e Martiño Noriega nun acto oficial no Obradoiro | Fonte: diariodenavarra.com

Martiño Noriega manifestara "certo malestar" por non recibir "acuse de recibo" á súa petición por escrito dunha reunión coa que realizar seguimento a cuestións vinculadas a ambas as administracións. O pasado fin de semana, nunha entrevista na Radio Galega, atribuía a ausencia de resposta a que o Partido Popular xa estaba en "clave electoral".

Finalmente, este venres, ao termo da Xunta de Goberno no Concello de Santiago, Martiño Noriega informou que ao redor das 11,00 horas comunicóuselle a data da convocatoria do encontro. En resposta á pregunta formulada polos medios de comunicación, aclarou que, en cambio, non recibiu ningún tipo de desculpa por non ser convidado, como rexedor de Santiago, ao acto de toma de posesión dos novos conselleiros da Xunta de Galicia, e ante o que tamén mostraran a súa estrañeza os servizos protocolarios municipais.

Tratábase dunha invitación a "un alcalde da cidade como sempre sucedeu, díxosenos que recibiriamos desculpas pero non foi así e tampouco pasa nada, non imos entrar en dramatismo", matizou, aínda que sostén que é "pouco elegante" e "rompe espazos de convivencia". En todo caso, quixo pór o acento na reunión na que se fará "seguimento de todos os asuntos da cidade, dos compromisos de cada administración" e, á marxe de "reivindicar cuestións, hai un grao de cumprimento alto".

PASARELA DA INTERMODAL

Por outra banda, preguntado pola ausencia de críticas ao alcalde de Santiago no marco do anuncio, no Consello da Xunta, da contratación da obra da pasarela peonil que conectará as terminais de ferrocarril e autobús, respondeu tallante: "Non vou valorar positivamente o que ten que ser normal".

Lembrou así que se trata dunha licitación que realiza a Xunta pero dun convenio aprobado por tres administracións para unha infraestrutura para a que achegan as tres, non só a Xunta de Galicia. "Se se fixese unha crítica a isto nos extralimitaríamos nun espazo de colaboración que nisto eu creo que funcionou ben", engadiu. En todo caso, Noriega confía en que a súa construción se inicie "canto antes", de face a que a primeira fase da Intermodal estea finalizada cara ao próximo Ano Santo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta