Conta atrás para a Lei de patrimonio natural

A norma entrará no Parlamento no primeiro período de sesións de 2019. A oposición acusa de "falta de compromiso" a Medio Ambiente, que cifra en máis de 300 millóns o seu orzamento.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 26/10/2018 | Actualizada ás 14:10

Comparte esta noticia

A Lei de patrimonio natural entrará no Parlamento galego no primeiro período de sesións de 2019, segundo avanzou este xoves a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, na presentación dos orzamentos do seu departamento para o ano que vén.

La conselleira Ángeles Vázquez comparece en el Parlamento
La conselleira Ángeles Vázquez comparece en el Parlamento | Fonte: Europa Press

Na comisión de economía da Cámara autonómica, Vázquez engadiu, neste contexto sobre o marco normativo, que previamente, antes de finais de 2018, estarán aprobados os plans reitores de uso e xestión do Parque Nacional Illas Atlánticas e de catro parques naturais: Monte Aloia, O Invernadeiro, Serra da Enciña da Lastra e Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán. Xa ao longo de 2019, segundo apuntou a conselleira, estarán listos os plans de Baixa Limia-Serra do Xurés e Fragas do Eume.

A continuación arrincará o deseño dunha "estratexia para comezar coa elaboración dos plans de xestión das zonas de especial conservación en Rede Natura", un traballo que empezará por Estada de Bares e Serra do Careón.

Este "esforzo" de protección, nas súas palabras, tamén se centrará nas reservas da biosfera, coa aprobación do decreto que regulará o comité de coordinación desta rede galega, á que se sumará unha sétima reserva, a da Ribeira Sacra, e a posta en marcha dunha "nova liña de axudas", con 600.000 euros, para "apoiar as actuacións que permitan pór en valor estas áreas protexidas internacionalmente".

Medio Ambiente tamén actualizará o marco normativo da pesca fluvial e para a caza, co inicio en xaneiro da redacción do regulamento desta última actividade.

URBANISMO E VIVENDA

Na súa intervención, a titular do departamento destacou tamén a rehabilitación urbanística como outro dos "principais eixos" dos seus orzamentos para 2019, que elevou a máis de 300 millóns de euros, ao sumar aos 159,5 de fondos propios os 118,2 de Sogama e 23 da empresa pública Xestur.

Neste ámbito, avogou por fomentar un "urbanismo sustentable", no que a "preservación e recuperación" do construído será, segundo dixo, "unha das prioridades".

E é que Medio Ambiente incorpora Vivenda tras o cambio de Goberno efectuado polo titular da Xunta. Perde, con todo, Augas de Galicia, que pasa a Infraestruturas e Mobilidade, algo que foi obxecto de crítica por parte da oposición.

Ante os reproches do portavoz de En Marea á "falta de compromiso" para garantir o acceso á vivenda aos galegos, a conselleira rexeitouno e aseverou que o Executivo "non deixa desamparado a ninguén".

O seu orzamento reserva, de acordo cos seus datos, 2,6 millóns para axudas por desafiuzamento, 2,2 do bono aluguer social e 7,6 para construír pisos de protección.

O Instituto Galego de Vivenda e Solo ten consignados igualmente 7,2 millóns para o mantemento do actual parque público de inmobles arrendados e para "axudar a promotores e concellos a impulsar" a construción de máis vivendas neste réxime.

O groso das súas contas, segundo expuxo, irá para vivenda, chan residencial e chan empresarial, que levan 119,6 millóns.

Unha das iniciativas sobre a que chama a atención a Consellería nesta materia é o programa 'Rexurbe', dotado de 7,4 millóns, para rehabilitar ámbitos degradados desde un punto de vista tanto arquitectónico como social.

Mentres, a partida máis cuantiosa para rehabilitación serán os 9 millóns para axudas a particulares, comunidades de veciños e promotores con actuacións dirixidas a conservar ou introducir melloras enerxéticas e de accesibilidade en edificios construídos.

CAMBIO CLIMÁTICO

Ángeles Vázquez referiuse á loita contra o cambio climático e aos 20 millóns de euros cos que conta a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático.

Unha partida de 300.000 será destinada, precisamente, á coordinación e xestión do pacto dos alcaldes para o clima e a enerxía.

Neste escenario, aludiu a conselleira á "ineludible" xeración de menos residuos, á reciclaxe e á recuperación de materiais, campo no que recibiu reproches da oposición por Sogama, "unha gran fábrica de cambio climático" para Luís Bará.

"Trasladan unha visión cateta e trasnoitada do medio ambiente", recriminou a socialista Patricia Vilán, ao que o deputado do PP Gonzalo Trenor respondeu que "Sogama é o mellor modelo que existe en Galicia".

Así mesmo, Vázquez afirnou que ten "que defender Sogama" e asegurou que o fai "baixo criterios científicos e técnicos". "O 94% dos concellos están nesta empresa pública, solvente, eficiente e sustentable. Representa un modelo de empresa en continuo proceso de análise e mellora", chamou a atención.

Neste sentido, resaltou que "chegou o momento de reverter a tendencia" de incremento do custo "e ir baixando" o que Sogama cobra aos municipios, "como un premio" pero que, recalcou, "ten que redundar nos cidadáns". "Por algo comezamos, por ese 10%", resolveu.

"PARÁLISE"

O parlamentario do Bloque avisou a Ángeles Vázquez, recentemente nomeada á fronte de Medio Ambiente, de que este departamento "vai quedar todo en anuncios como non espabilen", ao detectar "moita parálise nesta consellería especialmente".

Mentres, Patricia Vilán (PSdeG) advertiu á dirixente de que o seu grupo vai estar "moi atento a que a 31 de decembro estea executado o 100%" do orzamentado.

Desde as filas de En Marea, Antón Sánchez centrouse na área de vivenda, pero tamén referiu outros asuntos como a minería, para acusar á Xunta de "desprezo á hora de defender o medio ambiente" fronte ás empresas, que, ao seu xuízo, "marcan o paso".

Por último, Trenor defendeu uns orzamentos que "por cuarto ano" son "expansivos" e "comprometidos co medio ambiente e a vivenda", antes de cualificar de "patochada" algunha das críticas da oposición. "Crece máis dun 3%", precisou máis tarde a conselleira.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta