Temas: PONTEVEDRA ENCE

O Concello de Pontevedra recorre nos tribunais a revisión da autorización ambiental de Ence

A tenente de alcalde ve a autorización unha "estratexia" do PP para consolidar a planta en Lourizán e cumprir obxectivos "pactados" coa empresa.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 06/11/2018 | Actualizada ás 15:50

Comparte esta noticia

O goberno municipal de Pontevedra confirmou este martes que presentará un recurso contencioso administrativo contra a decisión da Xunta de revisar a autorización ambiental integrada á fábrica de Lourizán.

Ence na ría de Pontevedra. Europa Press - Archivo
Ence na ría de Pontevedra. Europa Press - Archivo | Fonte: Europa Press

A nova autorización ambiental da fábrica de Ence, que ten unha validez de catro anos, adáptase a novos parámetros de emisións "máis restritivos" que os fixados en 2014 pola Comisión Europea, segundo apunta a Consellería de Medio Ambiente.

Neste contexto, a resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático rexeita as alegacións presentadas polo Concello de Pontevedra e distintos colectivos como a Asociación pola defensa da Ría (APDR), a Confraría de Pescadores de Lourizán e Marea Pontevedra.

A tenente de alcalde, Carme da Silva, indicou que este rexeitamento fundamenta o recurso que presentarán os servizos xurídicos municipais, baseándose en que non cumpre coas condicións do Plan de Ordenación do Litoral e as Directrices de Ordenación do Territorio aprobadas pola Xunta.

Tamén reiterará que a caducidade da concesión de Costas á compañía pasteira non está resolta, que a prórroga concedida polo Goberno de Mariano Rajoy non é firme ao estar recorrida nos tribunais e que as emisións ambientais de Ence superan as que permite a lexislación.

"ESTRATEXIA" DO PP

Ademais, Carme da Silva enmarcou a resolución do goberno galego na "estratexia" do Partido Popular para "paso a paso" consolidar a Ence en Pontevedra cumprindo os "obxectivos pactados" coa empresa.

Esta autorización ambiental integrada fixa prazos para que a empresa poña en funcionamento diversas melloras técnicas que reduzan a contaminación. Entre outras, a Xunta esixe que, antes de 1 de abril de 2019, as augas pluviais do complexo sexan vertidas tras o seu tratamento lonxe da costa a través do emisario submarino da depuradora dos Praceres. E para as augas residuais antes de 1 de decembro de 2019.

Igualmente, a autorización establece diversos prazos de revisión periódica das emisións contaminantes da fábrica e obriga a instalar un novo punto de control da contaminación en Campelo (Poio).

EDAR DOS PRACERES

Así mesmo, a tenente de alcalde, tamén responsable da área de Disciplina Urbanística, deu conta este martes, na Comisión de Ordenación do Territorio, Urbanismo e Medio Ambiente, do informe de valoración do anteproxecto da obra de mellora do proceso de depuración da EDAR dos Praceres solicitado por Augas de Galicia. Neste documento recóllese a "incompatibilidade co planeamento vixente" das obras exteriores da estación depuradora incluídas no proxecto de mellora desa instalación, segundo indica.

En concreto, o informe refírese á cámara de carga, movemento do colector de pluviais e a conexión do emisario "porque están noutra zona que está para outros usos, non para a EDAR", sinala o informe municipal. No entanto, o documento di que si son legais as obras previstas dentro da propia estación depuradora e para mellora da mesma.

Por outra banda, este martes finaliza o prazo de exposición pública do proxecto de emisario, a cámara de carga, e ademais o Concello de Pontevedra traslada á Xunta dúas "pequenas alegacións": que sexa acordado co sector pesqueiro-marisqueiro e que este debe ser para augas urbanas.

Temas: PONTEVEDRA ENCE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 anonimo

Este espantalho é a primeira fase do processo de produção do papel, o processo mais contaminante e que menos benefícios gera. A matéria prima que se produze na Galiza transformasse em Alemanha e Áustria (o 55%) entre outros muitos países que é onde quedam os benefícios da indústria transformadora. Galiza é tratada como um pais do terceiro mundo em estado semicolonial, daqui extrai-se a matéria prima com a substituição das arvores autóctones pelo eucalipto, que provoca incêndios degrada a Nossa Terra, e faze o processo mais contaminante que não querem os países mais desenvolvidos. E isto despois de quarenta anos de democracia!