Adif entende que non era preciso revisar a velocidade máxima na curva de Angrois

O exdirector da Vía de Alta Velocidade e subdirector de Vía de Adif afirma que a solicitude de modificación de velocidades máximas na entrada a Santiago incluía tres curvas posteriores á do accidente, pero non esa concretamente.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 07/11/2018 | Actualizada ás 13:35

Comparte esta noticia

O exdirector de Vía de Alta Velocidade e subdirector de Vía de Adif, José Manuel Galindo, afirmou que a petición de corrixir o cadro de velocidades máximas para evitar saltos de velocidade na liña na que se accidentou o tren Alvia en Angrois non afectaba á curva da Grandeira. Precisamente neste punto, no que morreron 80 persoas e 144 resultaron feridas en xullo do 2013, había que pasar de 200 a 80 quilómetros por hora despois dun traxecto case rectilíneo.

O responsable do cadro de velocidades di que non afectaba a Angrois. CAPTURA
O responsable do cadro de velocidades di que non afectaba a Angrois. CAPTURA | Fonte: Europa Press

En concreto, en xuño de 2011, unha reunión na que estivo presente Galindo, como reflicte unha acta de Adif que consta no sumario xudicial, pedía modificar o cadro de velocidades máximas no tramo de entrada en Santiago para evitar saltos de velocidade. Porén, segundo asegurou Galindo, isto non afectaba á curva da Grandeira, senón a outras tres curvas posteriores que están próximas entre si e que por cuestións físicas presentaban velocidades distintas.

A acta non fala das curvas seguintes, que son as correspondentes á liña 822, senón da liña 082 coa 822, que si inclúe a curva da Grandeira, cuxo salto foi controlado cunha baliza instalada despois da traxedia.

MÁIS EXPLICACIÓNS 

Pola súa banda, Galindo afirmou que era "absurdo" colocar sinalizacións distintas con tan pouca distancia entre as curvas e que os trens non podían frear e acelerar con tan pouca separación. Por iso, defendeu que se decidiu homoxeneizar o trazado posterior á curva da Grandeira fixando unha velocidade de 65 quilómetros por hora nas tres curvas posteriores, e de 60 quilómetros por hora xa entrando na estación de Santiago.

Desta forma, na comisión de investigación do sinistro no Congreso dos Deputados, garantiu que se cumpriu coa acta da reunión que pedía corrixir o cadro de velocidades máximas para evitar saltos de velocidade, ao asegurar que a solicitude se correspondía só con curvas posteriores. Cinco anos despois do accidente segue existindo unha transición de 200 a 80 quilómetros por hora na curva na que morreron 80 persoas, controlada agora pola citada baliza.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta