Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 14/11/2018 | Actualizada ás 21:55
É unha vella aspiración dos académicos galegos: solicitar á UNESCO que declare a toponimia galega Patrimonio Cultural da Humanidade. As razóns son claras e de peso: "Non existe ningunha rexión en Europa, mesmo nos atreveriamos a dicir no mundo, que se aproxime en número, variedade e antigüidade a esta riqueza cultural que singulariza o noso país". Esta é a defensa que fai Vicente Feijoo Ares, en nome da Real Academia Galega (RAG), ante a Real Sociedad Geográfica, no seu Boletín oficial.
"Despois da paralización, no ano 2011, do Proxecto Toponimia de Galicia [iniciado no ano 2000], cuxo obxectivo era a recollida dos, aproximadamente, dous millóns de microtopónimos existentes no territorio galego, tivemos que reinventarnos e deseñar novos métodos que permitan, de forma colaborativa, salvagardar este inmenso patrimonio cultural inmaterial que reside na nosa toponimia e que, desgraciadamente, desaparece de forma acelerada pola transformación dos modos de vida tradicionais en Galicia", advirte o filólogo de Riós (Ourense), técnico da Comisión de Onomástica-Toponimia da RAG.
Feijoo Ares reivindica o traballo de recollida de toponimia que se está facendo en Galicia nos últimos anos, coa axuda de tecnoloxías informáticas e da Rede que facilitan o traballo en liña dos especialistas e as achegas á poboación.
Os académicos calculan arredor dun millón e medio de topónimos galegos, aos que suman outro medio millón de talasónimos (topónimos de mar)
"UN TESOURO CULTURAL EXCEPCIONAL"
Feijóo Ares enxalza a riqueza da toponimia de Galicia, a cal, di, "representa un tesouro cultural excepcional pola súa densidade, variedade e antigüidade". De feito, aquí "temos topónimos con máis de 2.000 anos de antigüidade que son o único vestixio das linguas celtas faladas no noso territorio antes da chegada dos romanos".
No que respecta á toponimia maior –a de entidades de poboación–, no Nomenclátor de Galicia figuran 37.305 entradas, que unidas ás 3.789 parroquias (entidades colectivas) e aos 303 municipios, fan un total de 41.407 topónimos. Destes, 21.169 son formas diferentes, "dato que nos amosa tamén a variedade das denominacións toponímicas e, por extensión, das motivacións que provocaron o seu nacemento, outra das singularidades que fan única nosa toponimia", destaca Feijoo Ares.
Polo que respecta á microtoponimia –nomes de terras, montes, regatos, praias, rochas, fontes...–, a cifra multiplícase exponencialmente.
Se ben Figueira Valverde falaba en 1976 de tres millóns de topónimos, os cálculos actuais dos académicos non chegan a tanto, "probablemente, porque xa se perderon moitos milleiros deles". Con todo, as cifras son incribles: nos once anos que estivo activo o Proxecto Toponimia de Galicia, finalizouse o traballo de campo en 113 municipios dos 174 nos que se actuou. A media de topónimos por quilómetro cadrado foi de 50, chegando a un máximo de 160 no concello de Cangas, onde se identificaron nada menos que 6.043 microtopónimos nun termo municipal de 38,1 quilómetros cadrados.
"Necesitamos un compromiso do Goberno galego, en particular, e da sociedade galega, en xeral, para que non se siga perdendo un dos símbolos da nosa identidade cultural"
Tendo en conta que a superficie do territorio galego é de 29.574 quilómetros cadrados, ao multiplicalos pola media de topónimos identificados, o resultado é de arredor de un millón e medio de topónimos neste momento; cantidade á que os académicos suman outro medio millón de talasónimos (topónimos de mar), "pois todo o litoral galego está nomeado, tanto a costa rochosa como unha franxa de 2 ou 3 km da liña intermareal desde A Guarda ata Ribadeo", aclara Feijoo Ares.
"Cada anaco da nosa terra está escrito, cada nome cóntanos unha historia, unha historia local que non figura en ningún libro, a das xentes que durante séculos traballaron, habitado e vivido un espazo, individualizándoo, caracterizándoo e humanizándoo", engade o especialista.
É por isto que a RAG volve insistir en que "unha información cultural desta magnitude debe ser protexida e difundida, porque forma parte dos bens do patrimonio inmaterial dunha comunidade". Con todo, Feijoo Ares lñembra que "houbo que agardar ata o ano 2015 para que, por primeira vez, se citase de forma expresa a toponimia tradicional como un ben para protexer na Lei 10/2015, do 26 de maio, para a salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial". E foi un ano despois cando se aprobou no Parlamento galego a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, "dándolle á nosa toponimia o mesmo status que na lei estatal".
Pero non é suficiente. A RAG quere maiores garantías protectoras para o noso vasto patrimonio toponímico. E apunta directamente á Xunta de Galicia, á que insta a "poñer os medios para recoller e salvagardar un patrimonio que corre un grave risco de desaparecer, debido á trasformación dos modos de vida tradicionais que experimenta o noso país desde hai dous ou tres décadas".
"Non existe ningunha rexión en Europa, mesmo no mundo, que se aproxime en número, variedade e antigüidade a esta riqueza cultural que singulariza ao noso país"
"Necesitamos un compromiso do Goberno galego, en particular, e da sociedade galega, en xeral, para que non se siga perdendo un dos símbolos da nosa identidade cultural", presiste o filólogo.
O seguinte paso debe ser acadar a máxima protección para un patrimonio inmaterial, a que proporciona a UNESCO (Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura): "Desde a RAG consideramos que existen motivos suficientes para solicitar á UNESCO que declare a nosa toponimia Patrimonio Cultural da Humanidade, pois non existe ningunha rexión en Europa, mesmo nos atreveriamos a dicir no mundo, que se aproxime en número, variedade e antigüidade a esta riqueza cultural que singulariza ao noso país", reclama Feijoo Ares.
A DESPOBOACIÓN DO RURAL AMEAZA O PATRIMONIO TOPONÍMICO
É no abandono do rural, na transferencia poboacional que semella inevitable das aldeas ás cidades e vilas, onde a nosa rica toponimia ten a súa maior ameaza. A perda de habitantes en miles de pequenos núcleos pode facer esmorecer ese patrimonio inmaterial, porque é na transmisión oral onde se perpetuou.
"Os nosos topónimos transmitíronse xeración tras xeración a través da oralidade, sen apenas variacións, agás as motivadas pola evolución do idioma. Pero esta cadea está a romperse, os mozos xa non teñen necesidade de coñecer o nome das terras herdadas dos seus antepasados porque xa non as van a traballar, nin o nome das pedras e fontes nas serras porque non as van pastorear. Ao non usarse os microtopónimos, acabaranse perdendo, pois deixan de exercer a función para a que foron creados, unha función denominativa e localizadora", advirte Feijoo Ares.
Son as persoas que sobreviven no rural, nesas esquecidas aldeas galegas –algunhas de dúas ou tres casas– as que manteñen, polo tanto, a memoria viva de tantos topónimos galegos, agora en perigo de extinción.
Rúas das cidades e vilas recibiron "nomes honoríficos ou conmemorativos na maioría dos casos completamente alleos á nosa tradición e devir histórico"
Feijoo Ares recorda que o alarmante despoboamento que está a sufrir o rural galego deixou xa 3.562 aldeas abandonadas e hai polo menos 1.859 aldeas cunha soa persoa censada e 2.277 con dous habitantes, normalmente, persoas maiores.
"Este movemento migratorio interno cara a Galicia atlántica provocou que os núcleos de poboación crezan sepultando topónimos tradicionais baixo edificios e rúas bautizados con nomes honoríficos ou conmemorativos, na maioría dos casos completamente alleos á nosa tradición e devir histórico", critica o especialista.
Tamén a transmisión dos topónimos do mar languidece, porque "os mariñeiros de hoxe en día non necesitan coñecer palmo a palmo os fondos mariños nin o nome de cada unha das pedras que están baixa a auga, coñecemento do que dependía o sustento diario e a integridade física dos vellos e experimentados mariñeiros e pescadores. Esa información achégana actualmente os modernos sistemas GPS que levan os barcos, pois trazan as rutas por onde non existe risco de encallar, rastrexan os fondos mariños, marcan a situación dos bancos de pesca", describe.
O momento, di Feijoo Ares, é "delicado" para a toponimia galega, polo que avisa de que é "de grande urxencia rexistrar canto antes todo este caudal de información lingüística, xeográfica, histórica e cultural que hai detrás dos nomes que identifican cada espazo de terra e de mar", pois "a toponimia forma parte da nosa memoria colectiva".
PROXECTOS EN MARCHA
Actualmente hai tres grandes proxectos en marcha sobre a toponimia galega. Un deles é un proxecto fundamentado no uso da tecnoloxía para recoller e difundir a toponimia galega, o cal se realiza en dúas direccións: unha destinada á creación dunha aplicación colaborativa para recoller os topónimos e toda a información patrimonial vinculada a eles; a outra, destinada a anovar o sitio web da Toponimia de Galicia (toponimia.xunta.es), creando outro portal que conterá novas seccións enfocadas a divulgar a singularidade e o significado dos nosos nomes de lugar (este espazo web quedou desactualizado desde que se abandonou a finais de 2010).
O segundo proxecto céntrase na revisión, corrección e actualización do Nomenclátor de entidades de poboación de Galicia oficializado no ano 2003. Tamén ten dúas fases: unha dedicada á revisión e estudo dos problemas lingüísticos detectados e outra, para os problemas xeográfico-administrativos.
O terceiro proxecto ocúpase da xeorreferenciación da toponimia e a súa inclusión na Infraestrutura de Datos Espaciais de Galicia (IDEG). Actualmente está a traballarse, por unha banda, na xeorreferenciación de todas as entidades de poboación que aparecen no Nomenclátor 2003; por outro, na xeorreferenciación de ao redor de 200.000 microtopónimos recollidos polo Proxecto Toponimia de Galicia que aínda non foron integrados no banco de topónimos xeolocalizados e normalizados de Galicia; e hai unha terceira iniciativa dentro deste grupo para a normalización da toponimia existente na cartografía a escala 1:25.000 do mapa do Instituto Geográfico Nacional e a súa adaptación á directiva europea INSPIRE, a cal establece un modelo de datos común para información espacial en toda a Comunidade Europea.
Todos estes proxectos execútanse con arranxo a un convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e a Real Academia Galega.
"O soño dos que traballamos nestes proxectos sobre a toponimia galega é, en primeiro lugar, salvagardar un tesouro sen igual que desaparece"
GANANCIAS CULTURAIS, VITAIS E EMOCIONAIS
"O soño dos que traballamos nestes proxectos sobre a toponimia galega é, en primeiro lugar, salvagardar un tesouro sen igual que desaparece; en segundo lugar, crear unha única base de datos coa nosa toponimia xeolocalizada e normalizada que sirva de referencia para o seu uso na cartografía, na xestión do territorio e na investigación; e en terceiro lugar, difundir esta información na internet xunto co significado dos topónimos e todo o pa-trimonio inmaterial asociado a eles. E este debe ser un proxecto colectivo de todos os galegos, crear o mapa cultural de Galicia máis completo que nunca se viu", ou dito con outras palabras, "realizar a grande obra colectiva do pobo galego", salienta.
Unha consecución que terá ademais resultados prácticos no noso día a día, xa que, por exemplo, "cando teñamos toda a toponimia de Galicia xeolocalizada e normalizada, xa non veremos máis novas do xornal que as brigadas da loita contra incendios non saben chegar a algunha aldea ou que unha ambulancia se pedeu e non puido chegar a tempo a unha aldea para atender un enfermo. Serán os dispositivos GPS dos vehículos quen nos guíen a calquera sitio sen posibilidade de perda", indica o filólogo.
E alén das ganancias culturais e do pragmatismo, tamén haberá beneficios emocionais, porque "preservando a nosa toponimia e difundíndoa na internet facemos felices aos nosos avós, os verdadeiros sabios da toponimia galega, aos que viven aquí e aos que tiveron que emigrar a outros países. Aos de aquí, porque ven como a xente nova se interesa e valora a súa sabedoría –moitos non teñen estudos, pero pasaron pola universidade da vida–, contribuíndo así a elevar a súa autoestima ao sentirse mestres por un día, ao mesmo tempo que lles infundimos un sentimento de identidade colectiva compartida e de continuidade. Aos que se viron obrigados a emigrar a outros países (Brasil, Arxentina, Uruguai, Alemaña...) a principios do s. XX e na posguerra, dámoslles a oportunidade de volver ver cun só clic a terra na que se criaron e todos eses topónimos que nunca esqueceron. A reminiscencia destes nomes é o que mantivo latente, durante tantos anos, ese sentimento tan forte que nos acompaña sempre aos galegos, que é a «morriña» pola nosa terra. Cónstanos que xa fixemos felices a moitos deles coa publicación de máis de 200.000 topónimos que se poden visualizar na actual web da Toponimia de Galicia", conclúe Feijoo Ares.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.